O conflito “entre pobos orgullosos de ser cristiáns”

· Autor: M. Spiske
"Perder Ucraína (...) é perder non soamente o berce histórico da Ortodoxia rusa (Kiev), se non tamén unha boa parte da súa zona de influencia, o que consideran o seu territorio “canónico” ou sagrado, e pesares de que queda unha parte das parroquias e mosteiros que permanecen fieis a Moscú"

Da a sensación de que a historia  estase a repetir estes días pasados. Cando Hitler pronunciou o seu discurso do 12 de setembro de 1938 ante o Reichstag alemán, unhas semanas antes de que os tanques alemáns cruzasen a fronteira con Checoslovaquia, usou uns argumentos moi parecidos aos que ouvimos ao presidente Putin no seu discurso do 21 de febreiro de 2022, cando daba as ordes para que os seus tanques cruzasen a fronteira rusa cara ao leste de Ucraína.

Tanto nun caso como no outro o motivo principal da invasión foron as queixas sobre o asoballamento sufrido pola minoría alemá nun caso, e pola minoría rusa noutro. Seguramente ámbolos dous esaxeraban, con fin de cumprir os seus fins persoais, inflando as cifras e os datos. En calquera caso, as consecuencias da acción de Hitler foron nefastas para o seu pobo, como sabemos. Ademais, os cerca de catro millóns de alemáns que habitaban en Checoslovaquia, nos Sudetes, foron expulsados ao remate de da segunda guerra mundial. Non sabemos  o que vai a suceder agora, pero o certo e verdade é que nin os alemáns estaban tan asoballados, nin os ruso falantes de agora o están en Ucraína; tampouco  o estaban en Crimea, invadida no 2014. Concretamente en Ucraína coexiste un bilingüismo pacífico en boa parte do seu territorio oriental. É dicir, as mentiras, a propaganda manipuladora da verdade estivo e está a crear estragos dunha crueldade inimaxinable nestes tempos. Os de Hitler xa os coñecemos, e os de Putin estamos a velos. Os dous, por defender aos seus, supostamente oprimidos,  iniciaron a guerra. Pero, á súa volta, oprimiron a determinadas minorías que habitaban nos seus propios países. Despois da invasión de Crimea, e antes a dunha parte de Xeorxia (2008), e outras accións militares, como en Moldavia, Putin non por iso deixou de perseguir a minorías como a dos tártaros, por poñer un exemplo, en Crimea, a partir do 2014.

Pero levaríanos moito tempo analizar todas as causas históricas e as xeopolíticas actuais do que está a suceder. Simplificando moito, e polo tanto, deixando moitos datos a parte, tanto nun caso como noutro, estase a negar a condición de nación independente a un determinado país. Ucraína o é dende os anos noventa do século XX, cando se desvinculou da antiga Unión Soviética, unha vez caído o muro de Berlín. Seguramente para unha mentalidade nostálxica como a de Putin aquelo foi unha catástrofe e, por iso, quere recuperar, mediante esta manifestación de forza, a antiga relevancia mundial que tiña a Rusia comunista. As interpretacións destes feitos son moi variadas. Van dende a psicolóxica, que incide na propia historia do mandatario ruso, ata a xa clásica do “choque de civilizacións” ao estilo de Samuel Huntington. En todo caso, a lección da  historia está aí e mete medo.

Sexa como sexa, quería incidir na interpretación cristiá dos feitos, como reflexa o título desta aportación, que se fai eco das palabras do papa Francisco no Angelus do 20 de febreiro:

¡Que triste é cando as persoas e os pobos que se enorgullecen de ser cristiáns ven aos demais como inimigos e pensan de facer a guerra!".  Son pobos cristiáns ortodoxos dende fai séculos e, polo tanto, as súas relacións relixiosas teñen características especiais, e moi diferentes ás que coñecemos no “mundo occidental.

Aquí estamos acostumados e temos aceptado, polo menos os católicos dende o Concilio Vaticano II, a separación entre a Igrexa e o Estado, entre o poder civil e relixioso. No “mundo ortodoxo” esa forma de ver as cousas non está tan arraigada, simplemente porque non tiveron o mesmo proceso histórico de cambio que nos vivimos dende antigo. O imperio cristiá, unha vez que caeu Roma no século V, continuou en Oriente, en Constantinopla (actual Estambul), ata o século XV (invasión turca de 1454). Despois diso, os herdeiros dese antigo imperio considéranse a si mesmos os rusos, gobernados polos Zares e o Patriarca de Moscú ó seu carón. Non debemos esquecer que a palabra ‘Zar’ ven do latín ‘césar’. Sendo isto así, non nos debe estrañar que consideren a Moscú como a ‘terceira Roma’, e polo tanto, a cabeza da Ortodoxia. Dende o punto de vista eclesiástico esta conciencia arraigada na historia non para de provocar conflitos entre ‘irmáns’, pois a cabeza canónica e de honor da Ortodoxia segue a ser o Patriarca de Constantinopla. Tanto é así, que foi no ano 1589 quen lle concedeu a autonomía (autocefalía) ao patriarcado ortodoxo ruso; despois o fixo con outras nacións, e ahora, no 2019, con Ucraína, que pertencía ao Patriarcado de  Moscú.  Dende entón, o seu Patriarca, Kyril, rompeu relacións con Constantinopla e considera cismático ao novo patriarcado instaurado en Ucraína. Esto explica a súa tibieza á hora de xulgala invasión. Nunha recente publicación, do 24 de febreiro, dirixida aos seus fieis di:

Como Patriarca de toda Rusia e primado dunha Igrexa cuxo rabaño está situado en Rusia, Ucraína e outros países, simpatizo profundamente con todos os afectados por esta traxedia.
Fago un chamamento a todas as partes no conflito para que fagan todo o posible para evitar vítimas civís. Fago un chamamento aos bispos, párrocos, mosteiros  e laicos para que presten toda a asistencia posible a todas as vítimas, incluídos os refuxiados e as persoas sen fogar e sen medios de subsistencia.

Os pobos ruso e ucraíno teñen unha historia común centenaria que se remonta ao bautismo de Rus' polo príncipe San Vladimir o igual aos Apóstolos. Creo que esta afinidade dada por Deus axudará a superar as divisións e desacordos xurdidos que levaron ao conflito actual (http://www.patriarchia.ru/en/db/text/5903803.html).

Non fala, polo tanto, de agresión, nin a  condena como tal. Fala dun conflito inexistente entre un pobo que se cree superior, e outro que libre e democráticamente elixiu ser independente. Do mesmo xeito que son patriarcados independentes os de Bulgaria, Rumanía e outros países, non se entende que non acepten o de Ucraína, a pesares de que significa unha perda importante. De feito, cerca dun trinta por cento das parroquias do Patriarcado de Moscú estaban en Ucraína, un país bastante relixioso se o comparamos con outras partes da antiga URSS nas que a educación atea fixo estragos, como se pode ver nunha das zonas do mundo que conteñen  máis ateos, como é a Alemaña Oriental. Perder Ucraína, por iso, é perder non soamente o berce histórico da Ortodoxia rusa (Kiev), se non tamén unha boa parte da súa zona de influencia, o que consideran o seu territorio “canónico” ou sagrado, e pesares de que queda unha parte das parroquias e mosteiros que permanecen fieis a Moscú.

Nestes momentos, existen, en consecuencia, tres entidades relixiosas cristiás, a parte dos grupos protestantes, mais minoritarios: o novo patriarcado ortodoxo de Ucraína, as parroquias e mosteiros que seguen fieis ao patriarcado de Moscú, e a Igrexa católica de rito oriental, que despois da independencia de Ucraína volveu a reivindicar a súa identidade (eran os antigos “uniatas”, nome depectivo, que foron –estes sí- e obligados a someterse a Moscú dende os tempos de Stalin).

Poderíamos pensar que os actuais ucraínos fieis a Moscú apoian a invasión, para dese xeito empurrar aos demais a romper a súa independencia eclesiástica (autocefalía) conseguida no 2019, e recuperar así o seu “territorio canónico”. Por outra banda,  tamén é certo que o goberno ucraíno favorece a nova Igrexa autocéfala e tende a acusar aos que permanecen fieis a Moscou de ser un elemento de desestabilización. Pero nada mais lonxe da realidade pensar que estas diferenzas eclesiásticas están e botar mais leña ó lume; non é así e iso trae consigo unha esperanza para a supervivencia de Ucraína, pois, a pesar das súas diferenzas, tanto uns coma outros  non se consideran mais que ucraínos, patriotas, agredidos por unha potencia extranxeira. É unha boa noticia, neste caso, que as diferenzas eclesiásticas entre cidadáns dunha mesma nación non sexan utilizadas para xustificar unha agresión militar.

Publicado: 02/03/2022: 1550
Benito Méndez Fernández

Cubelas (1958) - Sacerdote - Profesor ITC-UPSA