Despedida

· Autor: El Progreso

Benquerida Izaskun,
fúcheste de entre nós ao teu estilo,
sen armar rebumbio, sen reclamar excesivas atencións.

Fúcheste o 4 pola noite, véspera de Pentecoste,
o Espírito viu que os seus froitos na árbore da túa vida madureceran ben
e simplemente veunos recoller.
Bendita ti, Izaskun!

Celebramos o teu funeral en Lugo o 6 de xuño,
cando na Igrexaa,
lembramos a Santa María como nai da Igrexa,
é dicir de todos e todas nós.

A coincidencia resúltanos reveladora.
e lévanos a recoñecer en ti e nas irmáns coas que formabas familia
unha maternidade espiritual, mesmo unha maternidade pastoral,
coa que nos agasallastes durante os 33 anos da vosa presenza entre nós.
Sen dúbida o máis relevante a nivel de Igrexa en Abadín durante este anos
foi a vosa presenza, a vosa vida, o voso silencio, a vosa palabra,
as vosas acollidas, os vosos acompañamentos, as vosas visitas,
as vosas apostas cálidas pola xente, polas familias máis fráxiles,
a vosa alegría, a vosa esperanza.
Que sorte tivemos en Abadín con terte, con tervos ao noso lado,
como unhas irmás, que, como quen non quere a cousa, acaban sendo nais.

E no que a ti se refire, Izaskun
quedarannos moi gravadas na memoria e no corazón
as túas fieis camiñadas para te ver cos teus fieis amores
esas persoas máis insignificantes que te gañaron para a causa de Xesús, de Deus,
moito máis do que as mellores pasaxes dos mellores libros.

A douta profesora barcelonesa que eras
pouco a pouco fuches descubrindo a sabedoría da xente máis empobrecida,
a admirarse ante ela, a valorala,
a descubrir o gozo agochado no máis pequeno,
a saber cuestionalo todo desde a óptica e a graza do pequeno,
a bater aí coa fonte dunha alegría e esperanza que tanto nos asombraban e descolocaban.
Ollarte, escoitarte, contemplarte
era como contemplar as liñas máis densas e revolucionarias do Evanxeo de Xesús.
Grazas de corazón, Izaskun.

En tempos nos que case non sabemos que facer na Igrexa
para volver cobizable o tesouro do Evanxeo que traemos nas mans,
amósasnos, coas túas compañeiras, as formas máis simples e directas
de facer atraínte unha experiencia relixiosa sa.
Grazas de corazón.

E, xa para acabar,
para que vexamos que para ti era importante a caridade, pero tamén loitar pola xustiza a través de todo tipo de organización social,
quero  reproducir aquí unha comunicación en face-book que publicou Margarita Ledo,
a responsable en Vilalba dun Sindicato labrego, cando soubo da túa morte.
Dicía así:
“Dia triste, deixounos a amiga Izaskun. Véñenme á cabeza tantas e tantas reunións e tantas manifestacións,… non había asemblea en Romariz nin manifestación na que non estivese Izaskun. Tamén
nos 8M en Vilalba.
Quedamos co teu exemplo, coa túa xenerosidade, humildade, cariño e traballo a favor dos ninguéns, dos máis desfavorecidos. Quedamos co teu traballo, apoio e participacións nas noitas dos labregos e labregas; quedamos co teu amor cara á nosa a túa organización, o sindicato labrego galego. Grazas, amiga.”

Pois iso, grazas, Izaskun,
e que goces eternamente do amor do Deus querido,
que xa neste mundo enchía o teu corazón, a túa vida.

Publicado: 20/06/2022: 118
Manuel Regal Ledo

Chantada (1947) - Delegado diocesano de Pastoral Rural