San Xiao de Roca e os seus cruceiros

Hai anos adoitaba eu na misa do día de San Xiao facerlles entrega aos meus paisanos de Roca dalgún relatorio da nosa historia común. Este pertence a 2003.

Posteriormente, sen modificar o texto orixinal, fun engadindo, corrixindo ou modificando algúns detalles en forma de notas, que me foron chegando ou eu mesmo preguntei. Espero que  sirvan para mellor clarificación.

Non des a esquencemento”. Así o deixo eu  hoxe.para a memoria común.

Queridos amigos e conveciños de Roca:

Un ano máis temos a sorte de celebrarmos a festa do noso Padroeiro, San Xiao ou San Xulián. Un ano máis, (5, 6 e 7 de xaneiro de 2003), imos renovar a amizade e a ledicia de estarmos xuntos. Algúns acudimos á cita desde ben lonxe. Este ano parece que colle azos e leva trazas ese pulo de restaurarmos o noso templo parroquial, que xa se ven xestando desde o ano pasado. Ogallá!. Todos temos de facer un esforciño. É moi necesario. Con este motivo dedícovos outra colectánea anual. Esta vai encol dos cruceiros da nosa benquerida parroquia e algúns outros datos históricos. Na acordanza dos nosos devanceiros había tres crases de cruceiros con distintas titularidades:
 

I.- OS NOSOS CRUCEIROS MAIORES

1.- O CRUCEIRO PARROQUIAL. Está feito todo dunha peza en pedra de lousón pizarroso.. Antiquísimo. É un exemplar único. Non hai outro igual. Moi basto ou tosco. Non ten imaxe ningunha. E é o noso. Estaba situado ao norde no camiño que vai cara As Lamas, a cincuenta metros da Igrexa, na marxe dereita, nunha entradiña en arribado contra as leiras. Ata alí íamos coa Rogación cada domingo, rezando as Ladaíñas dos Santos en latín, como remate dos responsos que polos defuntos dirixía en público na Igrexa o noso benquerido crego, D. Xesús Veres Díaz. Iso era inmediatamente antes de comezar a Santa Misa parroquial, na que por ser tamén en latín alguén rezaba o Rosario ata a Consagración. Salvo no intre da predicación. Ao remate desa Misa sempre se facía un Concello Aberto para tratar os asuntos do común, presidido polo Mordomo ou Mordoma, elixido  para aquel ano. Eu lembro moito á tía Mari-Pepa da Casa Grande e antes ao tío Patricio. Na ditadura do franquismo impuxéronlle esta tarefa ao Pedáneo, nomeado a dedo polo sistema, cargo que era obrigado aceptar

Tanta importancia tiña para todos que cando se viña cun defunto a parada no cruceiro era obrigatoria. Alí, xuntos, rezabamos o Noso Pai. Algo coma o saúdo e despedida.
Un malfadado accidente, un tractor que arrimou demais, partiuno o noso “cruceiriño” e alí ficou esquecido. Aínda se conserva o fuste e talvez estea tirada por alí a cruz. Hai que recuperalo. Non estaría mal no Cemiterio novo, dándolle unha restauración adecuada que non é custosa. É máis asunto de maña arteira que de outra cousa..

NOTA: Pasaron xa dez anos. Agora (2013), xa está recollido en dúas pezas no galpón do cemiterio. Non sería ben, incluso mellor fixalo con grampas á parede no interior da nosa igrexa parroquial e documentalo debidamente xa que nos presidiu tantísimos séculos alí fóra ata caer destruído por un tractor? Ten valía e é histórico.

2 .- A CRUZ DA MISIÓN. Na familia de Menor houbo un sacerdote xesuíta, o Padre Paderne. Polo ano 1909 fixo unha misión popular en Roca, ó aire aberto, como se adoitaba neses acontecementos. No lugar exacto onde se celebraba ficaba como memorial un cruceiro, de pedra a poder ser, como neste caso. Estaba situado contra da leira chamada Casola do Raxado ou Os Camiños Vellos. Así figura nos testamentos. É xusto onde está hoxe a confluencia da autovía coa ponte que a soborda na estrada que sae do Alto de Roca para a igrexa, Quintán e Santa Cruz. Estaba na marxe dereita do camiño que rubía. Daquela había un abertal amplo de monte en man común. Alí estivo este cruceiro ata o ano 1968 (?) no que se fixo a reforma do muro do adro da Igrexa. Antes este adro tiña unha entrada en pórtico cunha grande portada de madeira. Era moi linda aquela entrada. Maxestuosa. O vecindario con bo sentido decidiu levar esta Cruz da Misión para a fronte do noso templo onde está hoxe. De non ser así seguro que xa o terían roubado xentes alleas, como roubaron o de Sant´Alberte ou o da Perdiz.

Como isto está moi mudado, na falta de fotografías, vale a pena facer unha pequena nota descritiva para a memoria. As fotografías virán despois.

NOTA: Nunha próxima entrega, a non tardar, teremos xa ese álbum fotográfico. 

O Alto de Roca. Desde As Lamas, sentido norde-sul, hai un monte de non moita altura, entre o río de Fontrexe e o río Roca. Aí a terra vén en declive ata o río Parga n´Os Mogos e o Túnel da vía do camiño de ferro.

No outro sentido do nacente ao solpor, desde Fontrexe á Ponte do río Roca, hai coma un porto de montaña de difícil e caristosa subida nas dúas abas, por onde viña o Camiño Real que logo foi a estrada desde Madrid. Era a antiga estrada de Castela e despois a N-VI. Neste alto tiña paraxe a carrilana para descanso dos cabalos nos dous sentidos. Por iso estes lle chamaron e segue a ser o Alto de Roca. Na evolución dos tempos seguiron tendo a paraxe aquí os coches da liña regular da “ Empresa Ribadeo” e os cohes das feiras, etc. Aquí coincidía exactamente o punto kilométrico, marco 542, da Nacional VI,

Nos anos 60 houbo unha reforma xeral nas estradas nacionais, ás que deron en chamar “novas vías de penetración a Galiza desde a meseta” co “Plan REDIA”. No ano 1968 para salvar o porto do Alto de Roca abriron un novo trazado en trincheira e desviaron a estrada uns cen metros ao sul desde Sant’Alberte ata a Ponte de Roca. Esta variante foi inaugurada e 06.12.1972. Cambiaron a parada de autobuses para o lugar de Portodola, ao lado de Cas Gabín e tamén cambiou o sinal e número do punto kilométrico. Agora é o 533. (Ver  nota informativa  en La Voz de Galicia, xoves 7.XII.1972, páx.15, edición Lugo). Posteriormente a autovía terminou de desfigurar este amplo abertal veciñal e toda a panorámica en xeral.

Por iso este cruceiro hoxe está moi ben no campo ou praciña de diante a igrexa e cemiterio. A ver se non vén outro percance que arrime de novo contra del. Meigas fóra!

3 .- A OUTRA CRUZ DA MISIÓN. A 2ª Cruz da Misión está fixada na parede da Igrexa parroquial sobre a porta da Sancristía. É de mármore branco e ten unha lenda: “JHS. SANTA MISIÓN. AGOSTO 1908 OU 1909?  PP. DE LA COMPAÑÍA DE JESÚS”  (JHS = Jesus Hominum Salvator = Xesús, dos Homes o Salvador = Xesús  Salvador da Humanidade).

O Padre Xosé Paderne Martínez, sacerdote xesuíta, da familia dos de Menor de Roca, foi irmán de Ánxel e Caetano. Estivo nas misións en México. Finou en Azcoitia ou Azpeitia sobre os 92 anos. Fixo a Misión Popular de Roca no 1908 ou 1909.

Nesa data tamén trouxo para Roca un novo retábulo, totalmente xesuítico, que hoxe preside o templo. O anterior, máis antigo, de estilo barroco, pasou ó lateral esquerdo do templo. E de alí, cando o Concilio Vat. II, polo 1965, pasou á sancristía onde está hoxe e que habería que restauralo, porque é dun grande mérito e valor artístico. Por nada do mundo deixemos que nolo leven que xa houbo tentacións de buscarlle sitio fóra de Roca.

NOTA: A igrexa de Roca foi restaurada no 2003-2004 e mudaron moitas cousas. O retábulo xesuítico foi desmontado e foi levado para Mariz ou Santa Mariña. E o primitivo, o barroco, xa restaurado, volveu coma antano a ser o principal e pasou a situarse debaixo do arco oxival moi fermoso que fora ocultado cando trouxeron o dos xesuítas. Xa non sabiamos que existise. Cambiou totalmente o concepto artístico da igrexa. Apareceron sartegos de pedra moi antigos.

Esta é a historia das dúas cruces da Misión: A 1ª, o Cruceiro exterior, que agora está diante da Igrexa. E a de mármore branco que agora foi fixada na parede lateral da igrexa.

4.- O CRUCEIRO DO CEMITERIO. Está colocado na entrada sobre un ángulo agudo formado por dúas preciosas lastras de granito que eran das capas de remate de muro exterior de peche. É lindo. Non coñezo aínda a súa procedencia. Posiblemente era o que remataba o antigo pórtico de entrada ao adro.

Algúns relatan que parece que foi atopado no mesmo Cemiterio cando polo 1968 (?) se fixo un rebaixe de terra.
 

II.- OUTROS CRUCEIROS PARTICULARES (MEDIO PÚBLICOS POR ESTAREN Á VISTA DE TODOS NÓS)

1.-  O CRUCEIRO DA PERDIZ ou  O CRUCEIRO DE PEDRA. Chamado así por estar situado, xa en Roca, na beira dereita da N-VI sentido Lugo-Coruña a dous centos metros despois de pasar a Fonte Perdiz. Era de pedra do país. Dunhas dimensións moi grosas e fortes. Sobresía polo ancho de todo el. Un brazo  da cruz estivera rompido e foi empatado por unhas grampas de ferro embutidas en chumbo, para evitar o óxido. Desgraciadamente desapareceu cando a reforma da N-VI. ¿Que camiño levou? ¿Onde está agora ese cruceiro?

O Rvdo. D. Juan-Francisco Ocampo Hernández, aínda que se criou de toda a vida en Vilalba e estudou no Seminario de Mondoñedo era coñecido por “O Cura Canario”, por ser oriúndo desas illas e el así se presentaba. Era párroco de San Martiño de Pacios (Begonte), onde finou. Os meus informadores dixeron que el o recolleu. E menos mal. Así estará servindo a unha freguesía pública que mire por el. Sempre é mellor que non na propiedade dalgún rico aproveitado. Segundo algúns parece que está no adro de Pacios.

A orixe: Eu sempre escoitara dicir que o colocaran alí nas beiras da estrada familiares de alguén que morrera de desgraza, incluso daban o nome. Non sei se me relataban aínda mais detalles do suceso. Disto eu era moi neno e non lembro máis. Aínda que na noticia máis certeira dunha testemuña maior díxome que fora pola morte dun home que ía cabalgando nunha besta, que se axotou ante o bruído do tren, saltando precisamente á vía onde foron mortos os dous ao paso do comboio.

Sinto mágoa que nesta ocasión non o recolleran a tempo os de Roca como fixeron co Marco da Legua cando o ían meter para o empedrado. Hoxe estaría ben gardado nos nosos eidos parroquiais servindo a todos no adro ou no centro do cemiterio coma unha pregaria de lembranza perenne para tódolos devanceiros e viandantes que ofrendaron a vida loitando por faceren avanzar o mundo. Agora xa foi, Marica non chores, di o refrán. Pero cómpre estar avisados para o futuro. Con tódolos permisos que fagan falta, pero debemos salvar sempre o patrimonio e os nomes que son da nosa sagrada herdanza.

NOTA: No verán de 2014, visitando casualmente a igrexa de Santiago de Baamonde e o museo de Víctor Corral, vin e recoñecín inmediata e  persoalmente este cruceiro. Está na entrada exterior desta igrexa, na marxe dereita do adro. O fuste foi recortado. Cadra ben co sitio. Fixo ben ese crego. En de non, onde estaría? Polo menos así témolo ben a carón de nós para testemuñarmos a nosa historia.

2.- O CUCEIRO DE PAU. Estaba moi perto do  anterior e xa metido na subida do monte. Era de madeira, case seguro que de carballo. Era chamado así por contraste co CRUCEIRO DE PEDRA antes descrito. Tamén parece que foi como memorial dunha morte de desgraza. Teño escoitado que alguén morreu alí por un raio ou “chispa”, como dicimos aínda por estas terras. O tempo foino comendo e ninguén o repuxo. Non fican restos del. Só algo de memoria. Por ese lugar exacto pasa hoxe a autovía.

3.- O CRUCEIRO DE SANTA ANA. Lémbrome persoalmente del. Era de madeira. Fermosísimo. Asentaba nunha base de pedra, un grande pedroulo irregular en forma de tronco de pirámide. Era de cor moura e tiña en forma de aspas entrecruzadas unha escada, unha lanza con hisopo e cordas, superpostas sobre da cruz. Estaba situado nun arribado ao lado dun carreiro que subía para as leiras, xusto na esquina da encrucelada que vai cara a Quintán e o camiño real que segue cara a Santa Cruz desde o Alto de Roca. Deteriorado polo paso do tempo. Os novos xa non gardan memoria del. Era o cruceiro da capela de Santa Ana que fica a uns cen metros? Case seguro que si.
 

III.- OUTROS CRUCEIROS MENORES DE ROCA

Estes merecen máis ben seren denominados cruces. Tamén son de todos nós porque marcaron os nosos camiños de diario..

• A Cruz de Acción
• A Cruz de Xaquín ou de Portodola
• A Cruz de Simón

O cruceiro de Acción. Con posterioridade a data da primeira publicación deste escrito, e tal vez por el, os actuais moradores desa facenda e descendentes desa familia, Suso e Maruja, fixeron un novo xa que do outro só ficaban uns mínimos restos.

O de Xaquín nunca chegou a desaparecer de todo. Foi cambiando varias veces. O derradeiro era de ferro fundido e procedía das reformas dunhas sepulturas en terra dun cemiterio antigo que venderon na chatarra onde foi adquirido. Non hai moito foi roubado de noite. O de agora é de ferro de forxa.

O de Simón. Esta casa foi pasando por varios propietarios, distintos á familia de orixe. Os moradores actuais penso que xa nin coñeceron a existencia desa cruz. Cando finou Antonio de Simón, o último familiar de sangue que habitou esa casa, a cruz de madeira xa estaba moi velliña. Era fermosa. O tempo acabou con ela e os tempos supoño que tamén acabaron coa sucesión dela.. Se algún día a repón alguén volverá a ser memoria viva e colectiva outra volta. O tempo que a destruíu tamén testemuñará dela se volve a existir. Fica na nosa memoria colectiva.

Aínda hai quen fala da existencia dalgúns outros. Sen concretaren máis. Posiblemente. Tal vez no monte. Habería que volver por eles e non deixar que desaparecesen  sobre todo se son memoria de sucedidos reais na nosa historia. Quen nos dera ter cumprida noticia deles.

Certo que hai que evoluír cos tempos. Pero tamén é verdade que somos fillos do pasado. Os novos que nos suceden teñen dereito a coñeceren e quereren esa historia, que por ser nosa é benquerida. E canto máis sabemos de nós máis nos damos a respectar.

Publicado: 06/04/2017: 4449