Carta aberta ás parroquias de Mandiá e Marmancón (Ferrol)

· Autor: Diocese
"Grazas a todos. Moitos xa nos foron deixando. Un amor impagável e un servizo gratuíto á comunidade parroquial"

Benqueridas amigas e amigos:

Mandiá e Marmancón. Agosto 1996. Daquela despedíase D. Manuel Ladra López o noso Párroco, (q.e.p.d.). Canto nos axudou a todos! Toda a nosa gratitude para el.

En Mandiá tiñades un consello parroquial: Dª. Angeles Estévez, D. José Dopico Manso, D. Juan Alonso. Erades, ademais, un amplo grupo de catequistas e coidadoras do templo. Canto traballastes, queridas mulleres, pola nosa parroquia. Grazas a todos. Moitos xa nos foron deixando. Un amor impagável e un servizo gratuíto á comunidade parroquial. As obras no circundo parroquial e no cemiterio están aí para honra deles. Pero sobre todo a atención ás persoas, aos enfermos e necesitados de alento e ánimos.

Sucedeuno D. Xosé Francisco Delgado Lorenzo. A D. Xosé Francisco debémoslle afabilidade de trato e reformas nos nosos dous templos e retablos. Sen el non saberiamos acertar en canto se fixo. El é un grande entendido en arte. Ten idea e sabe facelo acertadamente. Así o testemuñaron os da comisión restauradora da Xunta da Galiza en Mandiá. En Marmancón non existía retablo ningún. Agora xa si. Grazas, amigo Xosé. 

Recordades frase: “Tivemos sorte. Que xente tan boa nos tocou! A ver se nós somos tan bos coma todos eles nas dúas parroquias!”. Logo, a D. Xosé destinárono para Dolores. Agora está na UPA de Ferrol Centro. Eu fun nomeado para seguir convosco. Que sorte!

Na actualidade nesta nosa parroquia, territorial ou persoal, sodes unha equipa de mulleres e homes dunha grande preparación, capacidade humana e unha servicialidade e honradez exquisita. Demostrástelo cando fun a Madrid estudar Teoloxía Pastoral, da Universidade Pontificia de Salamanca. Serviunos para renovarnos. A vós, na vosa creatividade. A min, xa maior, para seguir este mundo tan cambiante que nos toca vivir. Foi fundamental a axuda do Ilmo. Sr. Vicario Xeral, D. Antonio R. Basanta. Grazas.

Que doado é atender a Marmancón! Se as organizacións do mundo lle quixesen tanto coma vós ás súas comunidades, con tanta fidelidade e respecto ao común e ao que é historicamente de todos, sería unha delicia vivir no mundo. A nivel persoal débovos gratitude, afecto, consellos, acollida, alegría, festas, etc. Repito: Que doado é atender a Marmancón! Seguide sempre coa boa veciñanza e convivencia entre vós e con quen me suceda.

Pola miña parte, intentei servirvos gratuitamente, para non servos gravoso, como di san Paulo. Así o fixo Xesús de Nazaré de quen somos seguidores. O que imos ingresando a pouquiños, entre todos, vai para o peto común. E así puidemos ir arranxando todo sen pedir nunca nada, salvo para os cemiterios, que vós administrades modelicamente. Neses casos, nas reparacións comunitarias necesarias ou nas que ordena Sanidade, fomos solucionando entre todos. E puidemos manternos nesa módica cota para pagarlle entre todos á empresa que temos contratada para os coidados.

E hai moito traballo dos consellos parroquiais. Moitas horas entregadas. Moitos servizos prestados, que non se fan sós. Detrás están Pepe, Suso, Manolo e persoas anónimas. Mulleres e homes, nenos e xente nova, que aportan riqueza á comunidade: Facer unha obriña de teatro, unha sardiñada ou organizar unha festa-convivencia para os nosos anciáns iso é traballo. Son horas de gratuidade dos que coidades e mirades polo de todos.

Quero agradecer a sensibilidade e a atención das nosas dúas parroquias polas persoas que están no cárcere, maioritariamente pobres e empobrecidos, e ás familias. Todos precisamos sempre de segundas oportunidades. Que mal deixa o corpo oír: “Que podrezan no cárcere!”. Se nos toca en propia carne ou no sangue!, daquela non dicimos así. E non se trata de xustificar o que está mal feito, pero si de salvar persoas. Temos de solidarizarnos coas vítimas. Silenciosas e silenciadas por todos. E que a xustiza sexa máis xusta e equitativa para todos. Menos lenta e desestruturadora. Porque iso de que a lei é igual para todos non é verdade.

Antes de irme quero que teñamos as contas publicadas e aprobadas entre todos, con todas as aclaracións. E non só do que temos. Tamén do que facedes gratuitamente todos, porque esas son as verdadeiras contas reais. As outras, só as dos cartos, son as contas de ricos. Eles non valoran o traballo do pobre, do débil, das mulleres, dos nenos, dos maiores. Tamén quero presentar o inventario do todo o que temos e fomos creando. Que nunca ninguén faga desaparecer o que a todos pertence.

Alguén preguntou: E a despedida? Si. O 26 de xullo é San Xaquín. Teremos unha misa entre todos á tardiña. Un grande abrazo de amizade. E por suposto quero pedir perdón. Porque, algún día, un tamén ten o seu quilómetro de xenio atravesado cando os problemas non se resolven só con pensalos. Pero ninguén ten por que cargar coas miñas impaciencias.

Que vou facer? “Deixemos as cousas antes de que as cousas nos deixen a nós”. (B. Gracián). Seguir avanzando na idade propia dos maiores, dos 84 para os 85 e así cara adiante. E dedicar máis tempo ás irmás e irmáns do cárcere no acompañamento da súa tremenda soidade. Unha aperta grande.

Xaquín Campo Freire
 

___________________

La diócesis de Mondoñedo-Ferrol no se hace responsable de las manifestaciones y opiniones vertidas por los diferentes articulistas de esta sección

Publicado: 06/07/2021: 1611