Somos o que falamos. Gracias, Javier Rodríguez Couce

"Non nos coñecemos. Pero, “se choran os meus ollos o teu pranto, se temos semellantes as feridas, coma un irmau che falo”

18.10.2021.- Permíteme, de entrada, benquerido Javier, unirme na dor e na esperanza aos teus pais e familiares. Non nos coñecemos. Pero, “se choran os meus ollos o teu pranto, se temos semellantes as feridas, coma un irmau che falo”.

“Somos lo que hablamos”. Acaba de ser publicado este libro polo psiquiatra Luís Rojas Marcos: “O poder terapéutico de falar e falarnos”. “Falar converteuse nun remedio esencial do que hoxe chamamos ‘medicina da calidade de vida”.

Na Asemblea de Mondoñedo, 28-09-2021, ti e máis eu falamos no claustro do Seminario uns oito minutos que foron moi importantes para os dous. Por iso hoxe che quero mostrar a miña gratitude e amizade. As nosas vidas non decorreron por vías de proximidade xeográfica. Sabiamos un do outro. Pero pouco máis. Aínda que había algo en ti que nos unía: Ti tamén estiveches en Ortigueira. E sucediches a Xosé Manuel Carballo, que eramos moi amigos. El, no final da súa enfermidade, un día de visita, faloume de ti moi agradecido. E iso, sen tratarte, achegoume moi afectivamente a ti. Logo souben que para afondar na espiritualidade de san Bieito pasaras en Samos un tempo sabático. E tamén me fixo admirar a túa busca, xa que eu fixen algo parecido en Sobrado.

O 14 xullo 2021 aparecía en El Progreso unha entrevista que me gustou moito e tivo eco mediático.

E, tivemos hai pouco, como xa indiquei, a oportunidade de entrecruzarnos en Mondoñedo. Saudeite para expresarche a miña gratitude polo teu testemuño de fe, de humanidade e pola visión esperanzadora dunha igrexa que ten de evoluír dentro dos tempos que nos toca vivir. Todo con unha grande serenidade e paz. Fíxome ben e así cho expresei alí. Abriches os ollos así de grandes. Non  esperabas tal. Iluminóuseche o rostro e con bondade, como ti es, dixéchesme:

- Xaquín, é verdade o que me estás a dicir?
Claro, Javier. Se non fose así non te paraba. Seguiría. Con dicir, Ola!, xa estaba
Agradézocho moito. Dá-me moito ánimo.
Pois deámonos unha aperta e ... “ata a próxima”.

Os dous saímos mutuamente moi contentos e moito máis achegados.  E, ... ,  “a próxima”?. Benquerido Javier, inesperadamente, é hoxe. Tocábame a min ir moito diante.

O poder terapéutico de falar e falármonos”. Grazas, Javier Rodríguez  Couce. Grazas, amigo. “Somos o que falamos”.  Eu hoxe preciso falarche de novo  coma a última vez no claustro de Mondoñedo: “se choran os meus ollos o teu pranto, se temos semellantes as feridas, coma un irmáu che falo”.

Quero que remates ti esta mensaxe. Porque quero pór no meu corazón e na miña mente agracdecidos dous parágrafos da túa entrevista: “Pensa algunha vez en renunciar a tanto traballo? Hai veces que estás desbordado porque tamén está todo o traballo de despacho. E sobrecargueime moito. Tiven moito estrés, e eu teño dificultades de corazón. Sen a axuda dos laicos non sería posible manter isto. É importante facer equipo, e a corresponsabilidade. Co tempo moitas parroquias serán rexidas por laicos”.

Leva anos na Terra Chá, pero vese aquí de forma definitiva? Sempre digo que aquí estou moi ben pero que son accidental. Mañá non estou. Co tempo espero volver máis preto da casa. Temos dispoñibilidade. Son fillo único e a miña responsabilidade é coidar aos meus pais, que viven nesa zona e eu intentarei co tempo tirar cara a alí”.

Eu intentarei co tempo tirar cara a alí”. Sí, amigo. Xa chegaches. “Ditosos xa desde agora os mortos que morren no Señor. O Espírito di: Que descansen xa das súas fatigas, pois as súas obras os acompañan”. (Ap 14, 13)

“Son fillo único e a miña responsabilidade é coidar aos meus pais, que viven nesa zona”.  Si, amigo. Segue a velar polos teus pais.

Grazas de todo corazón, Javier.  Amigos.

Publicado: 18/10/2021: 1329