Pastoral de ambientes. Outra vez o vellos: así de real

· Autor: Ó. Vázquez
"Non pode ser que non sexa noticia que morre de frío un ancián en situación de rúa e que si o sexa unha caída de dous puntos na bolsa. Iso é exclusión"

A miña relación co mundo  da xeriatría e xerontoloxía social ven de moi lonxe e tamén as inquedanzas pastorais: Asilo de Piñeiros, 10 anos. Enfermaria xeriátrica desde hai 50 anos. Por iso formo parte da Sociedade Española e Galega de Xeriatría. Fogar de Anciáns, Centro de día, en S. Paulo de Catabois. Formación de Voluntariado en Mandiá e Marmancón. Diversas colaboracións escritas e orais. Etc.

Hoxe, amigas e amigos, vouvos ofrecer a primeira parte dunha achega para Encrucillada, no día dos avós/avoas. Escrita xusto antes do Covid 19. E disto xa falaremos, porque foi deshumanizadora a vida e a morte. Para todos. Pero xa viña sendo. E como nos pillou pastoralmente a todas as confesións relixiosas e á sociedade civil? Nunca máis! É hora de facermos revisión realista e positiva.
 

Advertencia previa

Toda medalla ten cara e cruz. Eu desta volta voume ocupar de analizar a parte non bonita. Isto non gusta aos que habitualmente se moven polo mundo guapo. Pero é esencial na dinámica da dialéctica. Por iso quero facer unha advertencia absolutamente imprescindíbel para quen lea este artigo.

Sei que hai realidades excelentes e experiencias modélicas dignas de toda loanza. Pero desta volta eu non me vou centrar aí nin ocuparme delas. Sería máis bonito e alentador. Serían os anciáns ricos, con poder, con activos económicos ou con familiares abondo e que poden decidir e escoller.

Esa ancianidade xa está moi estudada na xerontoloxía social. Non quero excluílos da reflexión. E merece ser tratada con toda consideración e respecto. Volveremos a ela algún día.
 

Comecemos a análise

Na sociedade real hai unha liña divisoria. E a min tocoume, tamén desta volta, estar como testemuña destoutro lado da raia.

Eu vou falar dos que teñen outra vida e outra problemática diferente, principalmente o mal trato, os malos tratos e a soidade.

E dos que morren sós. Dos que nin sequera “lle morren a ninguén”. E iso é real, hoxe e aquí. Eu quero centrarme nos outros anciáns, nos pobres. Nos vellos pobres e nos pobres vellos. Eses das pensións que non alcanzan a medio mes e que non dan ben para a supervivencia ou pouco máis. Os sen pensión ou sen familia nin casa. “Os sen recursos”. Iso que antes chamaban os “anciáns desamparados”. Os das crases populares, os das barriadas, os campesiños, os mariñeiros. Os sen recursos e os abandonados: Os homes vellos. E sobre todo as mulleres vellas.

E isto por que? Porque é o mundo no que eu me movo. E ademais eu  tamén son vello. Por iso emprego esta verba da que moitos queren fuxir. Pensan que con non pronunciala xa se edulcora a realidade. “Ti non es vello”, dinme. Ti es maior. Vellos son os trapos”. Non, amiguiños. Eu son vello, coma os trapos, eses que se gastaron servíndonos e agora apartámolos da vista. Si. Eu son vello porque a vida me chegou a esta etapa. E como tal, quero que me tratedes.

Pero ollo á idea que temos da vellaría. Aí xa radica o problema:  No concepto despectivo que reina na sociedade actual. Estamos devorados por unha sociedade mercantilista e só vale o que lle dá negocio á minoría oligárquica. “Esa economía mata”, como di o papa Francisco: “Non a unha economía da exclusión”. Non a esa cultura “do descarte”. Así como o mandamento de «non matar» pon un límite claro para asegurar o valor da vida humana, hoxe temos que dicir «non a unha economía da exclusión e da inequidade». Esa economía mata!

Non pode ser que non sexa noticia que morre de frío un ancián en situación de rúa e que si o sexa unha caída de dous puntos na bolsa. Iso é exclusión. Non se pode tolerar máis que se tire comida cando hai xente que pasa fame. Iso é inequidade”. (EG 53).  “Usar e tirar”. “Esa economía mata”. E iso non se arranxa con palabra eufónicas. Porque, no fondo, esa é a realidade apartada, separada. 

Un testemuño en cita literal: «Llamar “abuelo” a un viejo es reducirlo a una condición pastoril. Cuando escucho ese “abuelo” siento que es la expresión del tenebroso desprecio y el histérico espanto que la sociedad siente por los viejos. No todos los viejos son buenos. Los hay aberrantes. Pero, buenos o malos, preferimos no verlos. En un mundo en el que hay cifras para todo no hay estadística que mida la cantidad de viejos humillados, vejados, golpeados. ¿Cuántos son, cómo los matan? No estaría mal hacernos la pregunta: ¿los viejos tienen derechos? O peor aún: ¿para qué queremos a los viejos? ¿Los queremos?».

“O problema e os problemas dos vellos e das vellas xa veñen de vello”. Proba diso:: “Ano 1220 a. C.  A esta época poden remontarse as máis antigas formulacións orais do Decálogo de Moisés“. (Ex 20, 12-15)  : “Honra ao teu pai e á túa nai para que vivas moitos anos na terra, que o Señor o teu Deus che vai dar. Fillo, coida dos teus pais na súa vellez e durante a súa vida non lles causes tristeza. Aínda que perdan o xuízo se indulxente con eles e non os despreces, mentres ti esteas en pleno vigor, porque a compaixón cos pais non será esquecida”.(Eclo 3, 3-7, 14-17). Xa daquela tiveron que formulalo como precepto sagrado. O 4º.

Que Galiza ten hoxe unha poboación súper avelloada chega con ler os titulares ou letras grandes cada día en calquera xornal. Que a crise provocada pola corrupción baleirou toda a capitalización de aforro que durante tantos anos fomos traballando entre todos, abonda con ver que camiño levaron as Caixas e a onde foron parar os cartiños que os emigrantes foron depositando nos diversos Bancos.
Que o noso rural está niso que agora dan en chamar a “España vacía”, abonda só con observar por onde queira que vaias as casas, até non hai moito cheas de xente, están agora cubertas de silvas e regañadas polas catro bandas. Esas mesmas casas que tanta suor e bágoas supuxeron aos nosos entregos e devanceiros para chegaren a elas. Non me vou perder en datos estatísticos. Só vou indicar isto: De seguirmos as esquelas mortuorias cada día, veremos que a meirande parte son xente de setenta e cinco anos para arriba ata os noventa tres, máis ou menos. E non son ningunha excepción, coma antano, atoparmos todos os días homes e mulleres centenarios.

Outro dato: Reparastes na distorsión mediática e non inocente da apreciación da idade?  “Falleció el JOVEN de 45 años...” Joven?”  Iso é o que vende e vale. Vello? Arrenego!

Que nas cidades, en barriadas sen ascensores, cantos ficaron atrapados na súa soidade desde hai anos. Tanto que os veciños xa non saben se alí vive ou morre alguén. E considéranse privilexiados os que aínda poden chegar ao peitoril dunha fiestra e desde alí, debruzados, pasar horas e horas vendo o decorrer dunha existencia que xa non lles pertence e lles está a dicir ás claras que xa está por demais nesta vida. E se a alguén se lle ocorre ollar distraído cara arriba, verán unhas mans que lle fan acenos e detrás uns olliños que din: por favor, dime algo. Respóndeme ao meu saúdo, para darme a sensación de que aínda alguén me fai caso, por máis que só sexa por un intre fuxidío.

Nos corredores de calquera parque, arrimados a unha cachaba ou a un “taca-taca”, van camiñando lentamente moreas de vellos en viaxes cara a ningures un día si e outro tamén sen decatárense, na meirande parte das veces, de quen caladiñamente xa causaron baixa definitiva ou sufriron un dos múltiples accidentes que ocorren a cotío.

Que cal é a situación dos pomposamente denominados “Residencias”, “Geriátricos”, “Casas de reposo”, “Hogares de la tercera edad”, etc.?

(Isto está escrito antes da pandemia e disto falaremos nunha terceira entrega).

Por que non se acaba de aprobar unha lei para que, en serio e sen avisar, cheguen e inspeccionen a situación, a infraestrutura  e o trato persoal destes centros? Por que non se vixían as condicións laborais do persoal traballador, esgotado e con horarios absolutamente abusivos, desbordados polo número excesivo de persoas a coidar e a sobrecarga de tarefas custosas e difíciles de realizar? Dá o mesmo a patoloxía que teñan. “Tócanche vinte ou trinta. Espílete e espabila”. “E sen chistar”.  Logo, así hai fallos ou abusos reais por persoas absolutamente queimadas que “non poden estar tarifadas no tempo” senón dar atención personalizada nos coidados “a ese ancián” e desde ese coidador. Todo se resolve cargándolle as culpas a un individuo cando as causas son estruturais e de explotación laboral. Máximo lucro, mínimo gasto, mala calidade.

A xente necesita traballar. Por iso soporta o indicíbel. Logo lemos ou saltan escándalos de deshumanizacións. Pero detrás hai unha verdadeira invisibilización de anciáns non ben atendidos. E de coidadores non sempre formados adecuadamente. A meirande parte son mulleres traballadoras, moitas delas con cargas familiares e mesmo de parellas rompidas, coa saúde física e psíquica desfeita. Son principalmente mulleres. E non sempre con medios mecánicos adecuados de mobilización de corpos moi pesados. Unha muller de  50 k., movendo a puro brazo vinte ou trinta corpos en peso morto onde case que todos pasa dos 90 kg. E certamente o trato non pode ser exquisito. Pero onde están as causas? Son estruturais de varias sistemas e subsistemas inxustos que toleramos  e mesmo favorecemos entre todos. E calamos. É mais doado botarse contra dos traballadores coidadores. Que algunha vez tamén terán a parte alícuota. Quixera ver no sitio aos xulgadores. E sei do que falo.

E as familias dos anciáns? “Si, home!  Co que nos custou encontrar un lugar aquí para ‘colocalo’,  imos agora dicir algo e que nolo poñan outra vez na rúa e que o problema se volva contra nós? Non. Onde encontrar “outra praza”? E ademais, quen paga? Porque son moi caros! E temos fillos. E tampouco temos moito acordo entre a familia. O mellor é irmos tirando. E que vaian pasando os días. Total para o que vai durar! Un pouco máis de paciencia. Non é tan dramático. Xa non se entera moito e sempre foi moi ‘queixicas’”. “Lejos de la vista, lejos del corazón”. “Así de clarito y en puro castellano que te resulta máis liso y llano”. Si.  Pero moito más frío tamén. 

(Todo isto antes da pandemia. Seguiremos en entregas sucesivas achegándonos á esperanzas que tamén as pode haber e temos de crealas porque, coma nunca, temos os medios).

______________________________________________________________________

1. PAPA FRANCISCO, Evangelii Gaudium, número 53. (EG).
2. leila guerriero.-1 feb 2017 - 00:00 cet.
3. Biblia, La Casa de la Biblia, Sigueme, Salamanca 1992, p. 1900.
4. HEREDIA, RAQUEL, La agenda de los amigos muertos, Plaza&Janés, Barcelona 2000. 3ª, p. 93. «Madre, ¿no comprendes que en mi agenda no hay más que nombres tachados? Es la agenda de los amigos muertos».
5. Asociacións de Enfermaría de todo o mundo apoian fixar por Lei un número máximo de pacientes por enfermeiro”. Critican que "España está moi lonxe da media dos países europeos" en número de atención de pacientes por profesionais. GALICIA DIGITAL..-Por Europa Press / Redacción | MADRID | 14/08/2019.

Publicado: 24/11/2021: 69