Estiveron os amigos Trapeiros no portal de Belén?

"Foron modelos de honradez, reciclaxe e respecto ao traballo de todos, sobre todo ao dos pobres: Todo pode ser reaproveitado"

Nunca che contaron un soño e logo pretendían que ti lles deses razón de por que soñaron iso? Que significado tiña na vida concreta e real deles? A min moitas veces. Tanto que desde hai moito tempo intentei entrar nese mundo da man da psicoloxía seria e científica.

Todos soñamos e necesitamos soñar. “O soño é a representación simbólica dun desexo ou dun impulso. Por veces teñen fácil interpretación. Pero por veces preséntanse completamente deformados e a súa interpretación precisa dunha coidadosa análise” . Hai un principio fundamental: “Quen soño son eu. E eu soño a miña a vida con eses desexos, impulsos, matinacións, frustracións, etc.”.

Non vou dar eu hoxe e aquí unha lección sobre os fenómenos oníricos nin como achegarse a eles. Só vou contar algo que me pasou hai poucos días. Eu vou maior e teño problemas de vista. Moi axiña sufro fatiga visual e preciso descansar sobre todo se quero seguir conducindo. Xa non digamos se é noite ou se chove. Tamén me molesta moito a luz dos faros que veñen de fronte. E ese día busquei un sitio axeitado para descansar un pouco.

Foi un soño real ou tal vez un desexo? Un pensamento, unha matinación, etc?  Ten algo de todo. E aí no transfundo aparecen moitas claves de interpretación.

Hai poucos días, volvendo do cárcere de Teixeiro e xa metido na noitiña, saía de Guitiriz cara a Ferrol. E precisaba parar. Niso son moi rigoroso comigo mesmo e, como mandan os entendidos, busquei para arrimar e espabilar os ollos un lugar de descanso adecuado. Pensei  no  Campo da Igrexa  de Os Vilares. E alí, pertiño dos Cruceiros, arrimei para botar unha toqueada duns minutos. O lugar é-me moi  familiar e eu sentíame moi tranquilo. Tan confiado estaba que durmín hora e media e incluso soñei. Aínda esperei un pouco para pór-me a camiño.Tentei  recordar con detalle as miñas matinacións oníricas. Non foi moi complicado dar coa chave do conto. O soño e as circunstancias son así:  Estaba n’Os Vilares. Pertiño da estatua  que Raúl Río fixo de Xosé María Díaz Castro. Alí celebramos a entrega dos Premios de  Trapeiro de Honra a varios amigos meus sobre os que incluso escribín algo. Coñezo desde neno esa problemática e moitos deses persoeiros reais. Lin Lareira de Soños de  Pastora Veres e Inventario do prohibido de Luz Campello quen me achega con tanta forza poética ao drama da liberación da muller: “Que eu teña alma de trapeira non che dá atribucións para tratarme coma un trapo”.

No cárcere viña de ver os “Beléns” que había en tres ou catro módulos. Eran distintos. Escoitei atento as explicacións de por que os representaron así. Algúns tamén me falaron do drama da súa vida, das súas familias, da xente a quen puideron ter feito dano, das dificultades para saír adiante, da falta de traballo que os trouxo alí, etc. O cárcere e as persoas que están alí tampouco son como nós pensamos cando oímos noticias. Nin pensamos na cantidade de problemas psiquiátricos nin do pouco que se atenden esas patoloxías. Iso tamén tivo algo que ver no soño porque nos Beléns vin escrita a frase do relato do Evanxeo de Lucas, cap. 2:

“E aconteceu que, estando eles ali, se cumpriram os dias em que ela havia de dar à luz. E deu a luz o seu fillo primoxénito.“Envolveuno nuns capizos (trapiños) e deitouno nunha manxadoira, na corte das bestas, porque dentro da pousada non había lugar para eles. Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor. Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada nus capizos e deitada nunha manxadoira, nunha corte. Foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criaturiña deitada na manxadoira. Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado”.

E aí apareceron no meu maxín os Trapeiros de Os Vilares, onde eu acababa de espertar. E daquela, pola lei de libre asociación da que fala Freud, dei en pensar que se a Xesús tiveron de envolvelo nun envurullo de capizos, no medio dos pastores seguramente habería alguén que aportou os capizos, os trapiños xa lavadiños: Deron o que tiñan. “Porque, pobres si!, pero a limpos de honra e de conciencia e de auguiña, non nos ensina ninguén, por moi rico que sexa”.

E, dixen para min: velaquí como María, Xosé e o Neno Xesús, xunto cos pastores veñen seren os PRIMEROS TRAPEIROS DE HONRA.

Isto xa estaba fóra do soño en si. Pero non ausente nin das pobrezas do cárcere nin das xentes, que botadas ao mundo, saben recoller e recuperar o malgasto e despilfarro, que “producimos” a xente guapa no mundo.  Pero iso non é PRODUCIR.

Gosto moito de ir aos dicionarios á procura dos sinónimos que nos axudan a clarificar e clarificármonos para así personalizarmos mellor as actitudes e pensamentos onde todos estamos implicados. Velaquí os verbos: Desperdiciar,  desaproveitar, botar a perder, disipar, dilapidar, desbaratar, malbaratar, estafar, consumir, desgobernar, fundir, prodigar, roubar, enganar, etc. : “Usar e tirar”. Se iso o personalizamos como sociedade e mentalidade común, aparecen os participios activos, o que somos e o mundo que facemos: gastadores, estragadores, desgastadores, desperdizadores,  perdularios, manirrotos, estafadores, pródigos, desbaldidores, timadores, etc. Abonda con pensarmos nos problemas ecolóxicos e  xa temos a sociedade actual.

Agora xa entendo mellor o de TRAPEIRO DE HONRA. Foron modelos de honradez, reciclaxe e respecto ao traballo de todos, sobre todo ao dos pobres: Todo pode ser reaproveitado. En cantas casas deixaron consellos, amizades, agullas, tesoiras, noticias e historias de bondade.  E alédome de que os meus ollos tivesen de descansar e soñaren ese día ao pé dos Cruceiros d’Os Vilares. O Cristo é o mesmo ca o de Belén. Grazas, queridos trapeiros! Que ben é recollermos a historia dos devanceiros que nos deixa soñar e nos fai pensar.

Unha cousiña máis: Convosco case sempre ía un burriño. No Portal tamén está. “Se non è vero, è ben trovato”. Vino eu no cárcere. Non sei por onde vos cadra estar este ano. Eu atopeivos nun soño do Portal de Belén. E recoñecinvos no envurullo dos “capizos”. FELIZ NADAL! FELIZ 2022. E saudiños ás familias!.

Coda final: “Como cinza de rosas, que onte encheron de perfume o mundo, deixo aquí os nimbos dalgún soño que os ollos cegos lle poñen as cousas soñadas ou amadas nas tebras”. (Díaz Castro).

++++++++++++++++++


“OS TRAPEIROS DE OS VILARES”

Xaquín Campo Freire. Xaquín de Roca.

(Unha explicación conveniente).

Cando aos meus compañeiros do Seminario de Mondoñedo lles oía falar deles eu xa os coñecía ben. Eles dicíanlles: “Os trapeiros de Parga”. E preguntábanme que quen eran. Non falaban mal deles. Tíñanos por boa xente, pero pobres. Ao seren eles orixinarios de máis lonxe das miñas terras de nacenza, ofrecíalles curiosidade ese fenómeno social.

Eu profésolles verdadeira querenza, pois acompañáronme desde neno.

Que importantes son nas nosas vidas os bos educadores! No ano 1957 escoiteille a Pepe Chao Rego citar con admiración “Los traperos de Emaus”."Les chiffonniers d'Emmaüs". El tiña un libro que falaba de L’Abbé Pierre e do seu movemento a prol dos pobres, que se estaba a espallar polo mundo enteiro. Fundou a primeira comunidade de Emaús para acoller aos desposuídos, desde un modelo que evitaba a receita da simple caridade para incidir en que as persoas necesitadas se valeran en por si, reparando e revendendo obxectos recuperados do lixo. Comezou con un expresidiario para loitar contra da exclusión social. Hai un film de Robert Darène. (1955). Iso fixo que eu os considerase aínda con moito máis afecto e honra. E no meu Seminario, por asiociación, tamén.

En España a comunidade tomou o nome dese vello oficio: “Los Traperos de Emaús”. As súas comunidades están en 35 países. Eu coñecinos en Lisboa. Vale a pena saber de L’Abbé Pierre e a súa obra: Anímovos a entrardes en Google: “Os trapeiros de Emaús”. E tamén: “Os trapeiros dos Vilares: Trapeiro de honra”.

En Pontevedra comezaron non hai moito co nome: “BOA VIDA”: Recollen todo tipo de enseres, desde roupa a electrodomésticos, para vender, reutilizar o reciclar. Convertéronse en trapeiros. Sempre co mesmo obxectivo: Viviren do traballo sendo respectuosos coas persoas e coa natureza.

“Nun mundo que tira, tira e tira, nós reciclamos, separamos, reutilizamos... todo pode ter unha segunda vida”.  E nós tamén.

AMIGAS E AMIGOS: FELIZ NADAL! BO ANO 2022.

________________________

La diócesis de Mondoñedo-Ferrol no se hace responsable de las manifestaciones y opiniones vertidas por los diferentes articulistas de esta sección

Publicado: 15/12/2021: 697