Andei, andei por largos camiños... ! Gelem, gelem lungone dromensar

· Autor: Secretariado Gitano

Ante o 8 de abril de 2022,“Día do Río”. Día Internacional do ‘mundo Rrom’

"Hai toda unha longa historia vivida. Sería ben interesante recollela máis polo miúdo para ben de todos, antes que desaparezamos as testemuñas que aínda vivimos. É a nosa historia na que, coma todo, hai luces, sombras e dificultades..."

Volvendo atrás no tempo: FERROL 1961. Santa Mariña do Vilar. Era Nadal. Nunha noite de grandes xeadas un neno xitano, recén-nacido, morre de frío en A Malata. Veñen buscar a Pepe Chao, o cura párroco, para que asista ao enterro e lles axude nas xestións ante a xustiza. Teñen problemas serios. Non lles cren. Non vou dicir quen era o o señor xuíz. Os da miña idade saben ben que, entre outras cousas, profesáballes xenreira visceral aos xitáns. Padecino persoalmente en repetidas xestións. 

Pepe Chao fica fondamente impactado. Non dá creto. (O sistema da S.S. de Saúde, aínda non existía). Dá a voz de alarma aos curas de Ferrol. Non hai dereito a que nestes tempos teña de morrer ninguén de frío e menos un neno, baixo o desamparo dun toldo dun carromato. Aquí hai que facer algo como parroquias.” Comezou un movemento entre un grupo de cregos e parroquiáns de todo Ferrolterra.  Manolo Ladra, o cura de Santa Icía, xa viña traballando cos de Leixa e As Columnas. 

A comunidade romí, parte dela, aínda eran transhumantes. Pero a morte do neno foi o detonante serio para un cambio importante de atención máis ampla e estrutural para todos estes seres humanos,  “sempre en camiño e sempre perseguidos” como ordenaban as repetidas “Pragmáticas” oficiais e que os jundunarer  ou a pestañí, facían cumprir "como manda a lei". 

Será Antón Martínez Aneiros quen logo coordine esta tarefa, como delegado de Cáritas Diocesana que xa estaba empezando con forza.

Creáronse as ‘Escolas de Transición’ na igrexa vella de Santa Mariña (a única que hai hoxe). Na Pública non admitían aos xitáns, nin eles querían ir, nin os pais deixaban ir ás nenas. A asistencia era moi irregular. O traballo da relixiosa Beatriz Escudero, da Sagrada Familia de Santa Emilia de Rodat (Francia), mestra, foi modélico por algúns anos. Foi unha solución “de transición”.

Posteriormente o sacerdote Eliseo Ruíz de Cortázar, "Cuco", xestionou con Cáritas a compra dos terreos de Freixeiro. A ocupación foi súbita, da noite para a mañá. Pillounos a todos por sorpresa.

A min chamáronme por teléfono: “Sobre cen persoas novas foron para Freixeiro esta noite. Comeza a velas xa!”  Así. Sen dar lugar á edificación duns pavillóns que se tiñan proxectados, coma os do Barrio Modeluno por Leixa da man de Manolo Ladra. Para saír do paso fanse unhas barracas de madeira. Nunha delas irán vivir tres relixiosas da mesma congregación de Beatriz: Ana Álvarez (sevillana). Amparo Cuadrado (leonesa) e Loli Villatoro (cordobesa). Fan unha labor impresionante de inserción e promoción integral con todas as idades. Eran moi queridas e respectadas.

Pero os “mengues”ou “dengues”, como din eles, cruzáronse ben polo medio. Nunha tarde de exceso de cervexa, por mór dunha voda, un xitano de Canido pasouse en algo moi sagrado para eles. De resultas: un morto e un ferido grave, que finou días despois.

Na parroquia de Piñeiros, recén creada, 1968, estabamos empezando como parroquia. Eu era o primeiro cura. Non tiñamos nada. Traballamos arreo en colaboración con todos: Cáritas, parroquias, etc. Xa empezaban a organizárense os Secretariados Xitáns que naceran en Barcelona e ían difundíndose por España adiante.

Cando xa iamos avanzando, así, de súpeto, todo por terra. Comunicásenos que desaparecésemos todos do medio.  Xa! “As mediacións do mundo paio nestes asuntos son inúteis e perigosas. Son cousas nosas. Non é o voso mundo e non entendedes nada. Por tanto, por favor: Fóra da relación e moito máis da presenza no campamento”. As relixiosas tiveron de recoller inmediatamente. E ben que o sentimos todos, xitáns e paios. Éranos absolutamente familiar. Non había elección. Eran ordes. E así tivo de ser. Fomos vixiados, por se acubillabamos a alguén. É a Lei Xitana. Non escrita, pero implacábel. Unha pena inmensa. Todo o proceso rompeuse.

¡Oh pena de los gitanos! / Pena limpia y siempre sola. ¡Oh pena de cauce oculto/ y madrugada remota!” (G. Lorca. Romancero Gitano. 7).

Don Xosé Noval Cinza fixo a súa tesiña para graduado social sobre esta experiencia. 1974. Está publicada. Vale a pena como análise histórica desta realidade.

Posteriormente “hacia mediados de la década de 1960 surgirá un fenómeno que alterará de forma importante los valores tradicionales del pueblo gitano, formado hoy en España por casi 600.000 personas: la droga”. Á Galiza chegaría máis tarde. Pero cando chegou...

Hai toda unha longa historia vivida. Sería ben interesante recollela máis polo miúdo para ben de todos, antes que desaparezamos as testemuñas que aínda vivimos. É a nosa historia na que, coma todo, hai luces, sombras e dificultades...

Somos un concello con unha traxectoria ben linda e positiva. No Secretariado Xitano moitas persoas traballaron moito e ben. Penso, por exemplo, en Xaquín Ros e tantas outras e outros, incluídos, por suposto e principalmente, as persoas do benquerido pobo xitano. Aí estades vós, amigas/os “rromé”. Vós sodes os verdadeiros protagonistas.

Todos formamos parte dun proxecto liberador no que todos temos de saír liberados de tantos prexuízos e actitudes das que nos falou Paulo Freire, Carl Rogers, A. Maslow, etc. Non había camiños feitos. Hoxe xa estamos noutra etapa. Eu sigo encontrándome a cotío con esa esperanza. Pero tamén con esa dor en Teixeiro.

Unha noticia.  Esta gozosa: “Sergio Jiménez será el primer universitario apoyado por la Fundación Secretariado Gitano de Ferrol, (FSG). Pero Sergio no es el único que ha sabido aprovechar el apoyo de la Fundación Secretariado Gitano y el programa ‘Promociona’. Como el, Adrián Romero, Andrea Borja y Silvana Jiménez han formado parte de este programa y tienen mucho futuro por delante” (Diario de Ferrol, 03-07-2021). "Son rapaces de Ferrol!". Iso quere dicir que a xuventude e os pais e sobre todo as nais xa integraron unha nova xeira para seren eles mesmos o elementos principais de transformación. Cómpre salientarmos todo canto se produza de positivo.

Outra noticia. Esta deume pena. Hai tres días. Un grupo de xitáns escapaban da guerra da Ucraína. Non os deixaron pasar na fronteira da Polonia. Non xulgo. Constato o que escoitei. Mágoa!

O 8 de abril, “Día do Río”. Día Internacional do mundo “RRom”. recoñecido como tal, xunto co himno e a bandeira, no I Congreso Internacional Gitano, celebrado en Londres en 1971.

Se desde o concello de Narón, onde vivo desde 1968, seguindo nesta ruta interesante e positiva que levades e, se vedes que podemos aportar algo neste sentido, desde a responsabilidade que nos tocou vivir, como traballo democrático no que tanto custou abrirse camiño, eu estaría encantado de colaborar. Sen tardar. Porque teño oitenta e cinco anos. E, aínda que teño a mente ben, son coma os iogurtes, xa teño data de caducidade no envase. Parabéns por todos os esforzos.

Quero rematar con algo que me impresionou: “El sentido de la libertad, característica definitoria del ser gitano: Lo cierto es que en lo más recóndito del alma gitana anida el deseo de poseer un mundo sin fronteras, de sentirnos dueños del sol, del aire, de la naturaleza, de las flores y de los campos. De tener por techo el firmamento cuajado estrellas y por lecho el mullido césped de nuestros campos en primavera” (Juan de Dios Ramírez Heredia. Nosotros los gitanos, p. 26).

Como di o Himno romanó:

“Opre Rroma isi vaxt akana
Ajde mançar sa lumáqe Rroma”.

Arriba gitanos! Ahora es el momento
Venid conmigo los romà del mundo.

Publicado: 21/03/2022: 280