A don Dionisio, o educador do Módulo 7. Na homenaxe de celebración

En Pastoral Penitenciaria debémoslle o axudarnos a encontrar cal é a forma e o sentido da nosa presenza no cárcere. Tamén nas Romaxes, no Boletín “Mar Aberto” e moitas máis orientacións. Ti sempre estiveches aí"

Boa noite, amigas e amigos:

Eu coñecín os presos xa de neno moi pequeniño. A meirande parte deles eran toliños da guerra. Viñan pedir pousada á nosa casa. Andaban sen rumbo perdidos pola N-VI. Eran unha verdadeira lástima. A maioría deles foron morrendo polos anos corenta, moitos deles de fame e frío nos foxos das estradas. Eu era orfo de nai e xa sabía ben o que era sufrir.

Hai coma trece anos, don Manuel García Souto, o capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro (A Coruña), díxome: "Na diocese de Mondoñedo-Ferrol non tendes cárceres. Pero si moitos presos, sobre todo de Ferrol. Xa podiades botar unha man". E aceptei. E recordando aqueles presos que eu coñecín de neno, dixen para min: Xaquín, ti onde te vas meter? Fíxeno polos presos. Non lles tiña medo a eles. Non vos vou dicir hoxe a quen eu lles tiña verdadeiro pánico.

O que máis me impresionou foron as portas e o ruído que facían. Sempre preso entre elas. E logo os recontos. Non sei por onde me levou don Manuel. Sei que acabamos no Módulo 7 e preguntou por Dionisio, o educador. Así. Sen dicir don. Téñolle boa querenza e amizade a don Manuel.

Falaron un intre entre eles. Eu observei moi detidamente aquel home. Na despedida foi afábel e moi xentil. Deume a man e ofreceuse cortesmente: Aquí estoy para lo que me necesite”.  GRAZAS, SEÑOR.

Impresionoume. Vin un home baixo, activo, moi interesado polos internos e polas familias. Percibín nel unha grande utopía de apoio e axuda a favor das persoas necesitadas. Deixaba entrever un gran equilibrio interior. Desprendía empatía. Era un home seguro. Culto e ben formado. Falaba das persoas, polo seu nome, sen etiquetar a ninguén. Sabe ben o que é a dignidade da persoa humana e ten moi claros os verdadeiros valores. Había que dotar o módulo. Crear unha biblioteca. Manualidades. E moitas actividades. Darlle sentido ao tempo. O importante era crear un auténtico “Módulo de respecto”. Para min todo novo. Sabe gañar e perder, como o Deportivo. Sempre infunde moita esperanza. E fala galego con acento maragato.

Aquel día e os seguintes tamén vin nel uns ollos coma sen durmir e non sei se chorosos. Do que si me din conta moi axiña foi de que ao tal Dionisio doíalle a alma. Non sabía o por que. Sufría en silencio. Non proxectaba no traballo os seus fondos pesares. Pero certamente aquel home sufría calada e intensamente por dentro. Decidín facerme amigo del e el consentiume ser seu amigo. E deixoume acompañalo como amigo. Foron tempos moi difíciles. Grazas, Dionisio. Que grande muller debeu ser Ángeles!

Desde el, tamén fun observando a moitos de vostedes, os funcionarios. Vin que teñen unha vocación non doada. Ben difícil. Xa vos dixen que eu fun orfo de moi neno e aprendín a percibir quen está a sufrir. GRAZAS, DIONISIO.

Un día díxome. Sería ben que, se podes, pasases pola Unidade de Custodia do Hospital CHUAC, n’A Coruña. Temos alí un interno que non ten a ninguén. É africano. Se podes vaino ver. Foron seis meses para min de un auténtico regalo. Unha graza de Deus. Incluídos os policías de garda, aos que eu antes tamén vía moi distantes.

En Pastoral Penitenciaria debémoslle o axudarnos a encontrar cal é a forma e o sentido da nosa presenza no cárcere. Tamén nas Romaxes, no Boletín “Mar Aberto” e moitas máis orientacións. Ti sempre estiveches aí. GRAZAS, DIONISIO.

Boto moito en falta unha medalla ao mérito penitenciario por parte da Institución. Non sei como se xestiona iso. Teremos de miralo. Aínda que xa sei que para ti as medallas están no corazón dos miles de persoas agradecidas ás que axudaches a erguer e construír. Cóntome entre elas. GRAZAS DIONISIO.
Coñecín á vosa familia. Tivemos oportunidade de falar e, algunha vez, mesmo de chorar xuntos. Non me vou deter nin nos detalles nin nos momentos. Son moi persoais e familiares. Amigo, ti enténdesme, non si? GRAZAS, DIONISIO.

Eu non teño fillos. Pero un día, presentáchesme a Patricia. A vosa Patri. A dos dous. E descubrín o misterio da paternidade feita carne. E, alá por dentro, entendín a  Paquito Jerez e sorprendinme a min mesmo cantando en primeira persoa: “Como se quiere a los hijos / Ya no se puede querer./ Es un cariño que duele / Y que te alegra a la vez./ Un hijo es la gloria / que nos manda Dios. / Como es ley de vida lo miras contento / Y ríes por fuera/llorando por dentro”.

Por iso entendes ti e axudas tanto ás familias que teñen alguén na cadea! Porque os miras coma fillos e sabes o que doen. GRAZAS DIONISIO.

Isto tamén vai para ti, querida Patri.

Saúdos para todo o resto dos vosos familiares. Neste intre tan emotivo, dígoche hoxe, coma o primeiro día:

GRAZAS, DIONISIO. GRAZAS, PATRI. GRAZAS, ÁNGELES! QUÉROVOS!

GRAZAS, MEU SEÑOR, E BENQUERIDO AMIGO, DON DIONISIO!

Publicado: 06/05/2022: 217