Cincuenta anos dun cura

"Eu agora, ós 73, estou aprendendo ilusionado a ser cura"

O día dez de maio celebramos os católicos a festividade de San Xoán de Ávila, patrón do clero diocesano, e en moitas dioceses faise coincidir con ese día a celebración das vodas de diamante, ouro e prata dos sacerdotes ós que lles corresponda cada ano. Este ano en Mondoñedo-Ferrol tocoume celebrar a min, entre outros, as de ouro. Ese día acostumamos a xuntarnos os sacerdotes que podemos e queremos co bispo e hai algúns actos pola mañá, entre eles un espazo dedicado ós homenaxeados. Non falta a misa nin a comida xuntos prós que poden quedarse a ela.

Ós que cumpren 60, 50 ou 25 anos de ordenados dáselles oportunidade de dicir unas palabras e así se fixo tamén este ano no Seminario de Mondoñedo. Outros falaron máis e mellor ca min, pero non teño os seus discursos, o que me serve de desculpa para meter o meu, ou o noso, porque foi dito por dous, por se a alguén lle interesa que pode dicir un cura despois de cincuenta anos. Aclaro ó lector ou lectora que non o saiba que o de entre dous responde a que estou operado dun cancro de larinxe e non podo cantar ópera precisamente. Transcribo, logo:

(Empezo falando eu) Compañeiros e amigos, un ano máis chegáronnos a varios, entre eles eu, as vodas de ouro sacerdotais. Cincuenta anos xa! Quen o diría? E parece que aínda foi onte! Como pasa o tempo! Imos vellos! No meu caso cúmprense 51 do final da carreira por ter que estar aparcado un antes de ser ordenado sacerdote, debido a que non informaran ben á familia sobre a idade regulamentaria para recibir a ordenación de presbítero, ou porque contaban con que repetise algún curso, porque o neno, modosiño, si que era; pero luces non lle sobraban ó pobre.

Se non falásemos de vocacións, senón só de profesións, tamén se diría: Que barbaridade! Cincuenta anos traballando no mesmo. Que aburrimento! Xa era hora de parar, desconectar, descansar e gozar!

Ben sei que hai moitos que din que o dos curas non é traballo, e en parte teñen razón; pero, tamén hai quen entende que só é traballo aquela actividade pola que se cobra, e se é directa e inmediatamente, mellor. Así: é traballo pra algún médico no seu consultorio particular en horas compatibles coa súa actividade na sanidade pública, que logre tranquilizar a un enfermo cun antidepresivo ou co efecto placebo, mediante pago de 150 euros e a vontade, se pensas volver e non gardar tuno de longa espera; pero en cambio, non o é pra un cura quen despois dunha conversación sosegada e calmosa e dunha posible absolución que, ben administrada e ben recibida desculpabiliza, deixa en paz consigo mesmo e coa contorna a ese mesmo enfermo ou enferma na súa casiña, sen gastos de desprazamentos nin taxa de quilometraxe. Claro que probablemente ese cura xa xubilado estea de garda as 24 horas de cada día e 25 os domingos, goce de privilexios coma toda a Igrexa Católica en España, faga intrusismo no que é competencia dos psicólogos, desvíe a atención do persoal e ata defraude a facenda por non facer constar na declaración do IRPF que leva moitos anos vivindo como un cura.

E todo este embrollo pra acabar dicindo que non serve a mesma medida prós tempos das profesións que pra os das vocacións e pra aclarar que tamén hai médicos vocacionados na pública, na privada e entre as dúas. A estes, e só a estes, pido desculpas, porque, como entre os curas, tamén hai médicos que cobran por selo, pero non o son. Xa me parece que me pasei e falei demais, debido a que, como ben sabedes e non podo disimular, expropiáronme a voz, vai para catro anos. Menos mal que segundo me fixo ver xa ante de operarme o compañeiro Antón Miguélez, non é o mesmo quedar sen voz ca quedar sen palabra. É certo, porque agora fíxome máis e observo que hai moito parlamentario de profesión que non ten palabra.

Ó conservar a palabra e non responderme a voz, case saín gañando, porque a voz préstama calquera, que non falta xenerosidade pra estas cousas, e así podo escoller e mirado desde o meu punto de vista, ata estrear, voz de tenor, baixo ou barítono e incluso de tiple. E tamén saídes gañando os que nos escoitades, porque tedes menos perigo de aburrirvos aletargados pola monotonía monocorde. Agradezo todas as voces prestadas, pero con quen mellor me entendo ultimamente é con Javier, o meu compañeiro, o meu substituto e o meu cura. Mellor dito: o noso cura, xa que ante todo éo das parroquias e non foi nomeado pra servirme a min, senón ó pobo, aínda que é moi capaz de compatibilizar en harmonía ambas cousas. Así, pois. coa súa voz seguimos, falando outro ratiño.

(Segue lendo Javier) Creo que todos, tanto os catro compañeiros que celebran as vodas de diamante, como os outros catro que celebrades de ouro, cinco comigo, e, por suposto, os tres das de prata, aínda temos, ou tedes, corda pra rato, e non por imperativo legal, senón porque nos reina, porque nos sentimos chamados e non se nos comunicou que a chamada fose rebocada. E tamén creo que non estamos retirados, nin frustrados, nin desencantados, nin de volta de todo, porque aínda estamos no camiño de ida, aprendendo cada día a ser curas: xa que cada día poden aparecer novas demandas, novas formas e novos medios e analizando serenamente que o decaemento na vivencia relixiosa ten máis causas e máis poderosas que a nosa falta de pericia ou de posta ó día nalgunhas cuestións. Eu agora, ós 73, estou aprendendo ilusionado a ser cura principalmente a través deste segundo ordenador desde o que escribo, o primeiro ordenador que tiven foi o bispo Argaya, e de san Whatsapp bendito, porque, ó deixar de ser transmisor da palabra, recibida, coa boca, tiven que aprender a selo cos dedos e a converter, polo menos a algúns, en sucedáneos das cordas vucais.

Fóstesme dando fama de ter certo sentido do humor e ata de humorista. Non o contradigo. Grazas ó exercicio do sentido do humor relativízanse moitas cousas e chega un ata a rirse de si mesmo e así supéranse moitos complexos agarrotantes. Hai coxos moi acomplexados pola súa  seu coxeira, mentres eu mesmo sinto fachenda de ser un dos que mellor coxea da provincia de Lugo e parte da Coruña. Máis dunha vez ó cruzarme con outro coxo teño oído a exclamación: “No; quen me dera a min coxear coma ese!”.

Tamén hai operados de larinxe que non volven a saír de casa, mentres eu exhíbome como atracción de feira. Como o home que real e verdadeiramente fala por un tubo, ou como o violín que toca sen cordas. Desafina, si; pero soa.

No fondo creo que creo nun Deus de inmenso sentido do bo humor. Á vista está: Se Él, que o sabe todo, me chamou a min, un chiribí escuchimizado que ó poñerse de perfil non hai catarro que lle apunte, pra ser venerable sacerdote, ten que ser un humorista insuperable. En contraposición, teño un compañeiro do que non vou dicir o nome, alto, regordete sen pasarse, ollos azuis e pelo encaricolado, que tomou tan a peito o da dignidade sacerdotal que ó saír da ducha e verse no espello, trátase de vostede a si mesmo e ata se fai leve inclinación de cabeza. Pero eu non. Eu vexo aquela raia con brazos que non calla nin nun espello con aumentos e digo: “Como non comas algo máis, Xosé, mal te vexo. Nese corpo pouca alma cabe, por moi comprimida que estea”.

Crin e creo nun Deus de sorriso fácil e ata ás veces un pouco cómplice dalgunha benévola travesura pra alegrar a vida; e non nun deus mal humorado con cara e modos de amargado garda de tráfico, bolígrafo e talonario de multa na man pra sancionar inmisericorde, apertando como un sádico ata case o límite, e que no último instante antes de afogar, afrouxa, pra ó pouco tempo volver a apertar coa desculpa de corrixir pra emendar. Ese non é o Pai bo da parábola, nin o compañeiro de camiño que manda o recado: “Vide a min todos os que estades cansos e angustiados” nin o Amigo que se disfraza de descoñecido pra quentar os corazóns de todos os desencantados en todos os camiños de Emaús. Facerse ateo do deus sádico é o mellor favor que nos podemos facer a nós e lle podemos facer ó Deus do amor.

Chegado ós 73 anos, con cincuenta de sacerdocio, doulle moitas gracias a este Deus tan ben humorado, e tan humoroso, nada reseco nin disecado. E, o sabido, sabido, volvería a presentarme pra ser ordenado na igrexa de Vilanova de Lourenzá coa condición de que estivese tamén Pepiño Llenderrozos, que me axudou a acabarme de criar naquel ano de aparcamento no vello mosteiro reconvertido en seminario pra nenos. E o sabido, sabido, nunha análise de pasada, superficial e nada rigorosa, repetiría nun 50 por cento as mesmas actitudes e feitos; melloraría nun 25 por cen, e evitaría outro 25.

E o sabido, sabido, seguiríalle pedindo á institución eclesial, coas súas moitas virtudes e non poucos defectos, da que me considero parte activa, cos meus moitos defectos e poucas virtudes, que non se quede mirando calada, como lle adianta a sociedade, na que ten o deber de estar inmersa, coma o fermento na masa, pola esquerda ou pola dereita. Que pregoe, “a tempo e a destempo, pero con moita paciencia e desexo de ensinar”. Non de impoñer pola forza, aínda que convencida de que é depositaria, pra ofrecelo, do “produto” máis humanizante, máis plenificante, máis divinizante e máis salutífero: o Evanxeo. E tamén lle pido que revise periodicamente a marcha e, sen claudicar no esencial, circule en paralelo cos homes e mulleres de aquí e de agora, sacando tempo pra pararse nas áreas de descanso e conversar sen prepotencias nin complexos, en son distendido, poñendo sobre da mesa a súa oferta envolta en papel de agasallo, non en papel amarelado por trasnoitado, sobre manteis que arrecenden a limpeza e rectitude de intención.

(Retoma a voz Xosé Manuel) Volvo retomar a palabra coa miña voz artificial despois de repoñer folgos e enerxías. Graciñas, Javier, pola túa voz, dixeches moi ben o que eu quería dicir. Permitídeme recordar ao primeiro do noso curso que foi ordenado e morreu, xa vai por trinta e cinco anos, Manolo Cao, e ó último, Evaristo, que aínda non fai un; e de entre os profesores: ós dous últimos: on Enrique e José María, o Salmista, que será enterrado hoxe mesmo en Ribadeo. Algúns profesores e formadores aínda viven, don Uxío, don Fernando Porta, don José María Díaz. Cando sexa grande quero ser como eles. Graciñas, compañeiros de camiño que empezastes antes, despois ou ao mesmo tempo ca min a camiñada. Graciñas, ós distintos bispos, cinco xa, aínda que non a todos por igual, pero si tamén a vostede, don Luís Angel, actual Pastor da nosa querida diocese de Mondoñedo-Ferrol, que encontrou a esta ovella xa cando chegou coa pata crebada. Vostede hoxe fai presente ó Bo Pastor alentándonos a pastorear con vostede nesta peculiar parcela da Igrexa Universal.

Gracias, Deus, Pastor Bo, que te fixeches Pasto, Luz, Guía, Palabra e Forza. Ata sempre, porque en ti “vivimos, movémonos e existimos” aquí e máis no Alén.

Publicado: 08/06/2017: 7895