Delegación de Pastoral Rural

Delegado
D. Manuel Regal Ledo
manuelregalledo@gmail.com

Equipo
Modesta Campo Valiña
Antonio Jesús Lorenzo López
Izaskun González Garmendia
Rafael Lombardero García
Xosé Boullosa Canda
Xosé Antón Miguélez

 

· "Coidádevos; coidémonos": Día do Mundo da Aldea 2021

Coidádevos, esta é unha das palabras máis repetidas neste tempo de pandemia: coidádevos, dicimos ao despedirnos.

Desde a delegación de Pastoral Rural de Mondoñedo-Ferrol queremos converter esta palabra no lema para o 15 de maio deste ano 2021, día de san Cidre ou Isidro, Día do Mundo da Aldea: COIDÁDEVOS, COIDÉMONOS, porque sobre as aldeas e sobre canto nelas existe avanza unha ameaza destrutiva que, coma un virus, quere acabar connosco.

 

12 PROPOSTAS PARA COIDAR E COIDARNOS

1. Coidemos as nosas unidades familiares de produción tradicional, para que a lo menos poidan convivir coas grandes explotacións modernas.

2. Coidemos o xeito de traballar as terras e de producir alimentos, sen químicas. Consumamos preferentemente produtos de proximidade.

3. Coidemos o equilibrio no uso das terras; que o eucalipto o invada todo é pan para hoxe e fame para mañá.

4. Coidemos os nosos ríos, regatos e fontes, as nosa terras; eólicos si, pero con orde e respecto á natureza, á xente e aos animais que os rodeamos.

5. Coidemos o noso corpo, o noso espírito, para podermos ser xente de paz, de ben, de ánimo, de entendemento, de concordia, de alegría.

6. Coidemos cada familia, fagamos dela unha escola de afectos, de relacións, de respecto ás diferenzas, de aprendizaxe para a inclusión social.

7. Coidemos con esmero a convivencia entre os veciños e veciñas que imos quedando nas parroquias, para facernos a vida agradable.

8. Coidemos as nosas criaturas, a nosa mocidade, abríndoa ao gozo da vida, e ao descubrimento da riqueza e fermosura do campo.

9. Coidemos a nosa xente maior, á que tanto lle debemos, sobre todo cando a vexamos soa e enferma, sen esperar a que de fóra nolo veñan facer.

10. Coidemos as nosas tradicións, a nosa cultura, as nosas festas, a nosa fala, sen pecharnos a cousas novas que nos enriquezan e melloren.

11. Coidemos a nosa fe cristiá, que madure en nós, que non sexa unha veliña que se nos apaga nas mans. Que sexa unha ferramenta para construírnos como persoas e que nos fortaleza para a participación comunitaria e o coidado da casa común.

12. Coidémonos traballando, organizándonos, rezando, loitando para que as diferentes administracións (Concellos, Xunta, Deputación, Estado) non nos deixen de lado, e axuden de verdade a que as aldeas non sexan nunca aldeas baleiradas, sen corpo e sen alma, sen xente e sen futuro.
 

CANCIÓN: "TUDO ESTÁ INTERLIGADO"

(Composición de Pe. Cireneu Kuhn)

 

HIMNO DE SAN CIDRE

VIMOS ALEGRES CON MOITA UNIÓN
A CELEBRAR O NOSO PATRÓN,
XUNTOS OLLAMOS CARA AO PORVIR
QUE DEUS CONNOSCO QUERE CONSTRUÍR.

1. Aquí chegamos todos, todas con ilusión
coa nosa vida ás costas e nelas moita unión;
algúns somos máis vellos, outras máis novas son,
todos somos da aldea, con orgulloso honor.

2. Sobre de nós levamos anos de humillación,
dentro de nós xeramos un futuro mellor.
Co grande non soñamos, no grande hai destrución,
nós cremos no pequeno, nel hai liberación.

3. Somos irmáns na terra, somos pobo de Deus,
vida con Deus buscamos na terra e máis no ceo.
Somos as seguidoras de Xesús que morreu
por defender o pobre, temos o Alento seu.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

COIDÁDEVOS, COIDÉMONOS,

COIDEMOS A VIDA, COIDEMOS A ALDEA

BENDITO, MEU DEUS, BENDITO!

Bendito, sexan os froitos
que produce a nosa terra,
bendita a xente que labra,
sementa, coida e colleita.
Bendita a xente que vela
e defende a natureza
dos intereses malvados
de quen a explota e violenta.
Benditos no mundo enteiro
os labregos e labregas
que defenden o seu pan
de quen con trampas llo nega.
Bendita sexa Galicia
coas súas chairas e serras,
cos mil ríos que a cruzan
fecundándoa sen tregua.
E por crear tanto ben,
noso Deus, bendito sexas;
nas nosas mans pos o mundo,
que as nosas mans o defendan.

 

· Tres obxectivos marcarán a actuación da delegación durante o 2021

Aproveito esta oportunidade de me poñer en contacto contigo para desexarche que o Nadal sexa, ou houbese sido, un tempo forte para a túa saúde, a túa paz persoal, a túa experiencia relixiosa, bens todos eles que tamén desexo para a comunidade que che estea encomendada. Que o Ano Novo sexa novo para ti e os teus na medida en que o Espírito de Deus e ti mesmo así o entendades.

Remitímosche uns materiais sinxelos cos que queremos promover os tres obxectivos que desde a delegación de Pastoral Rural queremos traballar este ano, obxectivos integrados nos obxectivos xerais da diocese:

1) Atención ás parroquias rurais na nova estruturación das UPA.

2) Acompañamento da xente maior do mundo da aldea.

3) Deixarnos evanxelizar pola xente humilde das nosas aldeas.

Esperamos que este material tamén che poida chegar por correo electrónico para que o poidas compartir mellor, se o consideras oportuno.

Co obxectivo 1 gustaríanos ir creando unha rede de intercambio de iniciativas e experiencias referidas ao traballo misioneiro nas parroquias rurais, que teñen o perigo de quedaren algo deixadas da nosa man. Estamos dispostos a acoller e espallar as túas propostas.

Co obxectivo 2 xuntámonos a unha iniciativa de Cáritas que nos parece de moita necesidade. É moita a xente maior que nas aldeas está quedando soa e necesitada de acompañamento e amparos.

Co obxectivo 3 queremos poñer en valor valiosos testemuños da xente humilde nas áreas da tenrura-coidados, dor e triunfo na vida. É moito o ben que aí temos, como para non incorporalo ao traballo do Evanxeo.

Estamos dispostos a responder ás vosas dúbidas ao respecto disto, por teléfono, por e-mail, e mesmo a vos ir visitar, se en algo considerades que vos podemos valer para promover estes obxectivos, ou outros relativos co mundo da aldea que igual vos gustaría botar a andar.

Quedamos, logo, á vosa disposición, unidos no mesmo espírito de servizo á nosa diocese e á xente toda que nela espera de nós o mellor noso, o mellor de Deus. Apertas.

[Podedes descargar os materiais nesta mesma páxina, no marxe esquerdo]

Manuel Regal Ledo

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol