Mondoñedo acolleu a asemblea plenaria do Consello Diocesano de Pastoral

El encuentro tuvo lugar en el Seminario de Mondoñedo · Autor: Diócesis

Abordáronse temas como a situación provocada pola COVID, o Congreso de Laicos 2020, a implantación do Plan Pastoral das UPA e o Ano Laudato Si'

O pasado 12 de setembro de 2020, no Seminario de Mondoñedo, reuníuse con carácter ordinario o pleno do Consello Diocesano de Pastoral (CDP), abordando e debatendo asuntos de interese para a nosa diocese.

Despois da oración comunitaria e o saúdo do noso bispo, o pai Luis Ángel, a responsable da delegación de Leigos, Mar Sarmentero, acompañada de Raúl e María Jesús, que forman parte do seu equipo, presentaron aos membros do consello o desenvolvemento e as conclusións do Congreso de Leigos 2020, celebrado fai uns meses en Madrid. Da súa exposición destácanse dúas palabras que “… resonaron no congreso e que, aínda que podan parecernos novas, no seu concepto non son alleas á nosa realidade diocesana. Unha é sinodalidade, camiñar xuntos guiados polo Espíritu Santo para aprender e discernir o noso horizonte; e outra, discernimento, é dicir, poñernos en disposición para escoitar ao Señor, aos demáis e á realidade”. “Para continuar no bo camiño na nosa Igrexa diocesana, faise necesaria a conversión persoal desde a oración, a celebración dos sacramentos - especialmente a eucaristía - e o exercicio da caridade. Pero a conversión persoal non tería sentido senón vai unida a unha conversión comunitaria, pastoral e misioneira”. Remataron a súa intervención profundizando sobre os catro percorridos que marcarán o camiño dos leigos nos vindeiros anos: o primeiro anuncio, o acompañamento, os procesos formativos e a presenza na vida pública.

Outro tema que se abordou no pleno foron as pautas da actividade pastoral segundo a situación actual da pandemia provocada pola Covid-19. O vicario de Misión Misericordiosa e Samaritana, Gonzalo Varela, expuso as catro conclusións ás que se chegou nunha xuntanza celebrada en data recente na parroquia de Ferreira de Valadouro: a importancia do traballo en rede, o que implica a coordinación con todos os axentes e institucións implicadas; o acompañamento, sobre todo aos máis vulnerables; o desafío dixital, entendido como unha oportunidade para a evanxelización; e as UPA, como nova estrutura organizativa básica na nosa realidade diocesana.

Asimesmo, lembrouse que as dioceses galegas elaboraron un protocolo para a catequese, na realidade da pandemia actual.

Dando continuidade á orde do día do pleno, Antonio Rodríguez Basanta, vicario xeral da diocese, deu a coñecer unha folla introdutoria das UPA, como documento de base para entender “o que NON son as UPA” e “o que SÍ son as UPA”. Este novo contexto, “esíxenos un proceso e un camiño que temos que percorrer xuntos (sinodalidade)”.

Para rematar, o noso bispo informou aos asistentes do impulso do “Ano da Laudato Sí” polo papa Francisco, lembrando que temos que entender a encíclica como social e como proxecto evanxelizador integrado no noso mundo. Tamén destacou a importancia de que, nestes tempos especiais, provocados pola situación de distanciamento social, manteñamos o vínculo, no senso de estar conectados, sobre todo coas persoas máis vulnerables, ben presencialmente, telefónicamente ou nas redes, ou por carta, dun xeito epistolar

Antes da despedida, os asistentes fixeron unha oración a Nosa Señora dos Remedios, patroa da diocese de MondoñedoFerrol, poñendo nas súas mans o traballo da xornada vivida.

[Crónica: José María Pérez, secretario do Consello Diocesano de Pastoral]

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol