Novo logo oficial da delegación diocesana de Pastoral da Saúde

· Autor: Daniel Ameneiros

“Nova imaxe” para un “tempo novo”

A esperanza, a compaixón e o coidado dos irmáns que padecen, claves no seu significado

"Pretende ser, por tanto, unha marca viva e dinámica que expresa por enriba de todo a vida e a saúde como regalos, e a ESPERANZA como tarefa e destino"

Desde a delegación de Pastoral da Saúde consideramos oportuna a renovación do noso logo, facéndoo máis actual, vitalizando o seu sentido e enchéndoo de dinámica esperanza.

O traballo saíu das mans do deseñador naronés Daniel Ameneiros Rodríguez, que xa vén colaborando e asesorando á nosa diocese en cuestións de deseño gráfico.

Co espírito dunha remuda necesaria e actualizadora, adoptamos esta nova cara coa mensaxe que pretendemos achegar.


 

Símbolos

A Man e a pomba

Representa a man de Deus Creador, que da vida e sostén toda a vida. É o Deus da vida e da saúde como dons.

Tamén representa a man de quen coida dos demáis, a exemplo de Xesús, o bo samaritano, modelo de compaixón.

A representación do Espírito Santo, que nos inspira e da forza e ao que debemos deixar actuar en nós, tamén aparece neste logo coa coñecida imaxe da pomba que se fusiona coa man.

A cruz toma a súa forma da que aparece no logo diocesano, e xorde trala man representando a Xesús, o único que nos pode sanar e salvar.

A cruz mostra o padecemento de Deus feito home que comparte e supera neste trance todo sufrimento humano, derrotando para sempre o pecado e incluso a morte; transformando a sombra en luz e anticipando a esperanza da resurrección salvadora.

Nesa cruz tamén podemos contemplar as diversas cruces de padecemento dos irmáns, que agardan ser coidados, sanados e salvados.


Cores

Vermello, laranxa e azul

A esta nova mirada viva e dinámica tamén contribúen as cores en evolución: o azul da cruz que se vai difuminando de esquerda a dereita, e o vermello da man e a pomba que, tamén seguindo esa dirección da imaxe pasa a matizarse en laranxa.

Neste pretendido movemento da imaxe podemos observar como gaña claridade de esquerda a dereita, orientándose cara unha zona máis luminosa que intúe a Cristo, luz da vida.
 

Pretende ser, por tanto, unha marca viva e dinámica que expresa por enriba de todo a vida e a saúde como regalos, e a ESPERANZA como tarefa e destino.


Saúde, paz e ben

José Luis Fernández Fernández, delegado episcopal de Pastoral da Saúde

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol