Coidar e acompañar toda a vida

Carta do delegado de Pastoral da Saúde sobre o informe do Comité de Bioética de España sobre o final da vida

O Comité de Bioética de España (CBE) vén de facer público un informe que aborda de maneira clara e impecable os aspectos relacionados coas cuestións bioéticas do debate acerca do final da vida, baixo o seguinte título: “Informe do CBE sobre o final da vida e a atención no proceso de morrer, no marco do debate sobre a regulación da Eutanasia: Propostas para a reflexión e as deliberación” .

Para contextualizar, diremos que o CBE é un órgano colexiado, independente e de carácter consultivo, sobre materias relacionadas coas implicacións éticas e sociais da Biomedicina e as Ciencias da Saúde. Está adscrito ao Ministerio de Sanidade. Os aspectos relativos á súa creación, composición e funcións ven recollidos no título VII da Lei 14/2007, de 3 de xullo; sobre Investigación Biomédica, que foi publicado no BOE número 159, de 4 de xullo de 2007.

Nesa lei especifícase que:

- O Comité estará constituido por un número máximo de doce membros, elixidos entre persoas acreditadamente cualificadas do mundo científico, xurídico e bioético.

- Os membros do Comité serán nomeados polo Ministro de Sanidade.

- É unha das súas funcións principais emitir informes, propostas e recomendacións para os poderes públicos de ámbito estatal e autonómico en asuntos con implicacións bioéticas relevantes.

Pois ben, obedecendo á súa lexítima e necesaria tarefa, os membros deste comité decidiron, no exercicio das súas competencias, aló polo mes de marzo, elaborar un documento que contribuíse ó debate cidadán con propostas para a reflexión e a deliberación no eido das decisións éticas ó final da vida; toda vez que no Congreso dos Deputados se estaba a tramitar unha proposición de lei sobre a eutanasia.

Trátase dun traballo exhaustivo, razoado e argumentado que tenta ser un instrumento para a serena reflexión e o debate necesario sobre un tema especialmente delicado.

Deste xeito, o día 30 de setembro, foi discutido e aprobado por unanimidade dos seus membros o documento final baixo o título que adiantamos enriba.

Merece, desde logo, unha lectura pausada, pero quixera destacar xa a conclusión de consenso nun tema tan complexo, á que chegan en armonía os expertos acreditados en cuestións bioéticas: “Existen sólidas razóns sanitarias, éticas, legais, económicas e sociais, para rexeitar a transformación da eutanasia e/ou o auxilio ó suicidio nun dereito subxectivo e nunha prestación pública”. Cito textualmente.

Coinciden pois os expertos (insisto) nesta afirmación que ven sendo defendida de sempre pola Igrexa, reforzada por argumentos antropolóxicos e teolóxicos que confirman a sacralidade e a inviolabilidade da vida. Así queda patente nos últimos documentos publicados pola Conferencia Episcopal Española e máis recentemente pola Sagrada Congregación para a Doctrina da Fe da Santa Sé.

Cando nos achegamos ó “terreo sagrado” da vida, don de Deus, só podemos asumir e propoñer o mandato evanxélico de coidala de maneira exquisita, a exemplo do bo samaritano, que se aproxima con paixón e delicada tenrura a tódolos que sofren nas beiras do camiño, esmerándose na incondicional entrega a aqueles que ven próximo o final da súa peregrinaxe neste mundo.

Que O Espírito Santo siga iluminando e alentando o noso camiño e misión.

José Luis Fernández Fernández
Delegado de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol

 

DOCUMENTOS

Informe do Comité de Bioética de España sobre o final da vida e a atención no proceso de morrer, no marco do debate obre a regulación da Eutanasia: Propostas para a reflexión e as deliberación

Sembradores de Esperanza. Acoller, protexer e acompañar na etapa final desta vida (Conferencia Episcopal Española)

Nota de la Comisión ejecutiva sobre la ley de eutanasia (Conferencia Episcopal Española)

Samaritanus bonus (Sagrada Congregación para a Doctrina da Fe)

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol