A diocese acomete unha actuación de emerxencia nas cubertas do mosteiro de Lourenzá

· Autor: Diócesis

O mosteiro de San Salvador de Lourenzá, un dos principais monumentos da diocese mindoniense, está sendo obxecto dunha intervención de emerxencia acometida polo bispado de Mondoñedo-Ferrol. Este emblemático inmoble atópase sen uso desde hai anos, e as diversas tentativas realizadas ata o de agora, tanto desde o bispado como desde distintas administracións, non deron o froito desexado. Aínda que o estado de conservación dos seus muros e claustros é bastante bo, as cubertas presentan desde hai anos nalgunhas zonas un estado moi deficiente, supoñendo un risco serio para a conservación do inmoble.

A intervención farase sobre as partes máis afectadas, que son os corpos norte de ambos claustros e o corpo leste do claustro do Salvador, cunha superficie aproximada de 1.450 m2. Consistirá no desmontado progresivo e ordenado da cuberta, conservando a estrutura de madeira existente. Se durante as obras se observase que algún dos elementos pode ter a súa estabilidade comprometida, procederase ao seu apuntalamento; e se algún elemento de madeira estivera solto, poderá retirarse e procederase ao seu almacenamento no propio mosteiro para a súa posterior reutilización. Procederase á reposición de todos os elementos danados no muro con nivelación, retacado e reposición de cachotería ordinaria derruída nas súas cabezas onde sexa necesario. Dado o carácter provisional destas actuacións de urxencia, a cubrición realizarase con chapa metálica, de cor similar á lousa, coa única finalidade de evitar as filtracións de auga e alixeirar o peso da cuberta sobre os muros.

Esta intervención ten un carácter provisional, buscando protexer o edificio mentres se leva a cabo a redacción do proxecto de renovación integral das súas cubertas e se procura a financiación que permita acometer esa obra. O orzamento previsto ascende a 126.223,07 €.

A actuación conta co preceptivo permiso e está coordinada coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, no marco da comunicación que a diocese mantén desde hai tempo, tanto coa Dirección Xeral coma co concello de Lourenzá, sobre a conservación do conxunto formado pola igrexa e o mosteiro e sobre os posibles usos deste.

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol