Novas disposicións para celebrar o culto e realizar actividades pastorais na diocese

A diocese agradece a responsabilidade, paciencia e o esforzo de todos neste momento

Segundo a Orde do 26 de xaneiro de 2021 da Xunta de Galicia

Seguindo responsablemente a evolución da situación xerada a causa do virus Covid-19, en consonancia coas recentes disposicións das autoridades sanitarias da nosa comunidade autónoma (Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro), e tendo en conta a saúde dos nosos fieis e de toda a sociedade, e que a caridade cristiá nos leva a colaborar con todas as medidas sanitarias que axuden a superar a pandemia, cremos conveniente recomendar as seguintes disposicións.
 

DISPOSICIÓNS DE CARÁCTER XERAL

1. Prégase que as persoas maiores, enfermas ou en situación de risco sigan durante este tempo as celebracións polos medios audiovisuais, saíndo o menos posible dos seus domicilios.

2. Limítase o aforo dos nosos templos a 1/3 do aforo habitual, facendo público nun lugar visible o mesmo.

3. As persoas asistentes deben usar sempre máscara, lavarse con xel hidroalcólico á entrada e saída dos templos e manter unha distancia de 1,5 metros uns dos outros.

4. As pilas da auga bendita permanecerán baleiras.

5. Evitarase todo tipo de aglomeración na entrada, dentro e na saída dos templos.
 

CELEBRACIÓNS LITÚRXICAS

· Eucaristías

1. Non se poderán realizar actuacións de coros ou agrupacións vocais de canto.

2. O sacerdote celebrante desinfectará as mans tras o lavabo na preparación dos dons. Tamén, antes e despois de distribuír a comuñón, usando sempre a máscara. Medidas que adoptarán outros ministros da comuñón se colaboraran na celebración.

3. O cáliz e a patena estarán cubertos coa palia durante a pregaria eucarística e os copóns tapados ata o momento do reparto da comuñón.

4. O saúdo da paz farase cun xesto que evite o contacto físico.

5. O diálogo individual da comuñón (“O Corpo de Cristo”. “Amén”), anticípase pronunciándoo de xeito colectivo logo da resposta: “Señor, non son merecente…”.

6. Para a comuñón, organizaranse filas gardando a distancia debida, evitando o roce entre as persoas e camiñando nunha única dirección.

7. A comuñón recibirase na man evitando o contacto.

8. Procurarase manter o orde nos distintos momentos das celebracións, ofrecerase xel e desinfectaranse os templos e os obxectos litúrxicos ao remate das mesmas.

9. Os horarios das celebracións anunciaranse con anticipación, procurando a boa coordinación con outros templos cercanos, alí onde os haxa. Recomendamos a adaptación dos mesmos para favorecer aos nosos fregueses o maior cumprimento horario conforme á normativa sanitaria.
 

· Sacramento da Reconciliación

1. Celebrarase nun espazo amplo que permita a distancia de seguridade e asegure a confidencialidade, e sempre coa máscara, tanto o confesor como o penitente.

2. Ao rematar a celebración procederase a desinfectar as mans e a superficie coa que se estivera en contacto.
 

· Sacramento da Unción de Enfermos

1. Celebrarase polo rito breve, valéndose dun algodón dun so uso.

2. Se quen a recibe son enfermos de Covid-19, é preciso seguir os protocolos previstos para esta situación.
 

· Outras

1. Nos funerais e cabodanos, teranse moi en conta as normas de carácter xeral, que haberá que recordarlles ás familias e demais fieis.

2. Nos velorios terase en conta a normativa cun límite máximo de 5 persoas por túmulo, agás conviventes, e 15 no exterior.

3. A participación na comitiva para o enterramento restrínxese a un máximo de 15 persoas non conviventes, ademais do ministro do culto.
 

REUNIÓNS

1. As reunións pastorais recoméndase que se celebren a través de medios e recursos dixitais, durante estas semanas nas que nos afecta a normativa vixente.

2. As catequeses seguirán o protocolo aprobado para as mesmas polas delegacións diocesanas de Galicia, sendo moi coidadosos coa normas establecidas. No caso de optar polos medios dixitais, non presenciais, favorecerase o contacto coas familias e rapaces para facer un acompañamento dos mesmos nesta situación extraordinaria.
 

ACTIVIDADE SOCIOCARITATIVA

1. A acción sociocaritativa da Igrexa non pode desaparecer en ningún momento, tampouco neste. Os espazos adicados á mesma terán que organizar o seu labor, extremando as precaucións e prudencia na acollida e atención individualizada, e cumprindo sempre coa normativa sanitaria, coidando ao mesmo ao voluntariado que colabore nesa acción.


Agradecemos a responsabilidade, paciencia e o esforzo de todos neste momento, sabendo que o coidado persoal e o coidado dos demais é un acto de caridade fraterna.

Mondoñedo, 28 de xaneiro de 2021

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol