'Habla la Diócesis' (07.02.2021): Xornada do Enfermo + Os nosos maiores + Testemuñas de fe

Presentado por Javier García e coordinado por Baruk Domínguez

Intervención semanal do administrador diocesano a través dos micrófonos da Cadena COPE

"O papel dos maiores na nosa sociedad é moi importante: son a historia, o soporte, o acompañamento, a presencia e a educación... un puntal para a transmisión da fe"

· V DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO: Neste domingo contemplamos a Xesús como o Señor que sanda os corazóns esnaquizados, que venda as súas feridas. No Evanxeo nárrasenos como curou a moitos enfermos de diversos males. Despois ergueuse de madrugada e púxose a orar. E desde aí saíu a predicar ás aldeas próximas, pois para iso viñera. Nós estamos chamados tamén a evanxelizar, aínda que moitas veces nos custe; pero lembremos o que nos di San Pablo: «Ai de min se non anuncio o Evanxeo!». Que vivindo unidos a Cristo, pola oración e especialmente na eucaristía, frutifiquemos con gozo para a salvación do mundo.

· Este vindeiro xoves 11 de febreiro celebramos a Xornada Mundial do Enfermo, case no aniversario da chegada do coronavirus ás nosas vidas. A través do lema “Coidémonos mutuamente” o Papa Francisco convídanos a brindar unha atención especial a todas as persoas enfermas e tamén a aquelas que as coidan, tanto nas residencias e hospitais como no seo das famiias.

· Seguimos falando doutras efemérides e celebracións propostas polo Sumo Pontífice, xa que nestes últimos días ven de anunciar a “institucionalización” da Xornada Mundial dos Avós e as Persoas Maiores, que se celebrará o cuarto domingo de xullo, preto da festividade de San Xoaquín e Santa Ana, pais da Virxe María e, polo tanto, avós de Xesús. Por que é necesario reivindicar a figura dos nosos maiores? Que importancia ten para a Igrexa o seu labor?

· Temos que lembrar tamén a situación de restriccións e máxima alerta que estamos a vivir por mor do coronavirus. Esta semana, na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia, amosouse un certo “optimismo” polo cambio de tendencia e o lixeiro descenso de contaxios -nomeadamente en zonas como A Mariña ou a área de Ferrol-, pero sen chegar en ningún caso ao “triunfalismo” ou ao “conformismo”.

· Nestes últimos días, de feito, houbo celebracións populares e tradicionalmente multitudinarias nalgunhas parroquias, como o San Blas ou a Candelaria, que tiveron que vivirse dun xeito moi diferente a como se facía o ano pasado. Como foi a celebración destas “festas” no contexto no que estamos e por que é necesario seguir mantendo as medidas de seguridade e prevención nas actividades litúrxicas e doutra índole?

· Outras actividades que continúan, neste caso de xeito telemático, son as diferentes reunións das nosas delegacións, vicarías e outros colectivos, tanto para a organización e coordinación do noso día a día como para facer oración xuntos ou asisitir a sesións formativas sobre algún asunto concreto. Con respecto a isto último, a vigairía de Evanxelización organiza o vindeiro sabádo 20 de febreiro un encontro formativo online titulado “Testigos de Cristo”, que profundará nas vivencias persoais da fe no seo da nosa diocese. A charla será impartida polo sacerdote diocesano e deán da catedral de Santiago, Segundo Pérez López, a través da plataforma Zoom.

· Antes de rematar falamos de dous asuntos breves. O primeiro, que están a piques de finalizar os traballos de rehabilitación e mantemento no interior da capela do Carme das Pontes, unhas obras iniciadas no mes de decembro do pasado ano e que eran necesarias por culpa da humidade e o deterioro do retablo, o altar e outros elementos. O segundo é un anuncio para as vindeiras horas, xa que ás 11,30 horas desta mañá, nun anaquiño, La 2 de Televisión Española emite unha reportaxe sobre a Catedral de Mondoñedo no programa “Pueblo de Dios”. Falabamos a semana pasada da importancia das comunicacións sociais nestes tempos que vivimos, e este é un bo exemplo que pon en valor o patrimonio que temos na nosa diocese.

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol