Xosé Francisco Delgado: «A fe tamén nos ensina a saír fortalecidos dos momentos de maiores dificultades»

· Autor: La Voz de Galicia

El sacerdote ferrolano, párroco de Dolores, que «a Semana Santa é un bo momento para deixar atrás todo o superfluo»

Xosé Francisco Delgado é, ademais de párroco de Dolores, o capelán das confrarías da mesma advocación. E agora, cando comeza unha Semana Santa na que un ano máis non haberá procesións en Ferrol, fai un chamamento á esperanza. «Non se hai que deixar arrastrar pola desesperación -di Xosé Francisco-. Estes son momentos duros, pero hainos que vivir como unha proba. Estou convencido de que sairemos adiante». Naceu en Ferrol hai agora 64 anos, e é un grande coñecedor tanto das tradicións coma da historia da cidade. E está convencido de que o inmenso patrimonio cultural ferrolán, tanto o material como o inmaterial, serán obxecto, no futuro, dun recoñecemento inmensamente maior do que agora reciben.

Como van as obras de restauración da igrexa de Dolores? 
As obras avanzan. Neste momento, concentradas no tellado, que ademais é algo moi urxente, porque a cuberta precisaba dunha restauración moi importante. Para min, ver que as obras da igrexa de Dolores están en marcha xa, é, cada día, un motivo de enorme alegría, de felicidade. E ademais, sabes que?

Dígame.
Vexo a igrexa toda cuberta de andamios e quedo mirando para ela. Parece unha obra de arte contemporánea.

Pasouno vostede mal, mentres o templo permanecía pechado por completo á espera de que o rehabilitasen
Si, moi mal. Paseino realmente mal. Chegou un momento no que xa incluso pensaba que non se restauraría nunca. Ás veces as forzas acábanse, e este tempo de pandemia, dun xeito ou doutro, xa nos leva feito moito dano a todos. Pero a fe tamén nos ensina a saír fortalecidos dos momentos de maiores dificultades.

A Semana Santa ferrolá está sendo este ano algo moi distinto do que a cidade desexaría.
Si, así é. Pero iso non é a primeira vez que nos pasa, verdade? Moito peor aínda foi o ano pasado. Así que, insisto: temos que saber extraer tamén destes momentos tan duros algo positivo. Nestas circunstancias, temos que vivir a Semana Santa dun xeito máis intenso. No noso interior, dentro de nós mesmos. O ano pasado non houbo celebración de ningún tipo. Este ano non haberá procesións, pero polo menos a xente poderá contemplar as imaxes. É unha opción. Pero eu, en calquera caso, repito: temos que avanzar no camiño de buscar unha maior espiritualidade.

E como se fai iso?
Hai que prescindir do efémero, do superficial, e entender que o tempo da Paixón tennos que servir para reflexionar, para ser mellores. O noso horizonte ten que ser a transcendencia. A Semana Santa é un bo momento para deixar atrás todo o superfluo.

Non é fácil...
Non, fácil non é. Pero eu penso que debemos tomar conciencia da importancia de avanzar nesa dirección. Tanto os crentes coma os non crentes necesitamos repensar as nosas vidas. E agora, máis que nunca. Así que esta é una boa ocasión para facelo.

Xosé Francisco Delgado afirma que «a arte relixiosa de Ferrol ten una personalidade propia moi marcada, dunha grande orixinalidade; una personalidade que é froito dun lugar moi concreto e das súas circunstancias históricas». E lamenta que «iso non sempre se soubese ver, como se estivésemos convencidos de que a nosa arte necesita estar imitando sempre modelos alleos».

A Semana Santa tamén axuda a dar a coñecer esa arte.
-Si que axuda, pero tamén sería bo lembrar que esa arte está aí sempre, e non só en Semana Santa.

Cando lle gustaría poder reabrir ao culto a igrexa de Dolores?
O previsto é que as obras estean rematadas a finais do verán, pero eu son consciente de que sempre hai imprevistos. Así que, persoalmente, xa estaría moi contento se puidésemos volver utilizar a igrexa o vindeiro Nadal. Non pido máis. Para min o importante, como xa dixen antes, é que a rehabilitación do templo estea en marcha.

A igrexa de Dolores é parte do Ferrol da Ilustración que aspira a ser declarado, pola Unesco, Patrimonio da Humanidade
Sí, e non só a de Dolores. Ás veces falamos da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e parece que nos esquecemos do que representan, nesa candidatura, as nosas igrexas do século XVIII. Esas igrexas tamén son fillas do Tempo das Luces. E as imaxes que se veneran nelas estannos recordando, tamén, cales eran as grandes devocións dos ferroláns do Tempo da Ilustración.

Fala vostede con verdadeira emoción desas imaxes.
-Claro. Porque non esquezo que esas imaxes, que chegaron a nós a través da historia, foron tamén moi importantes para os que nos precederon. Foron as imaxes ás que eles lles rezaron. As imaxes que os acompañaron no seu camiño.

Fuente: La Voz de Galicia
Texto y fotografía: Ramón Loureiro

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol