Primeira visita institucional do bispo diocesano á Deputación de Lugo

· Autor: Deputación Lugo

O ente provincial aportará 50.000 euros, a mesma cantidade que a diocese e as parroquias afectadas

AS ACTUACIÓNS TERÁN LUGAR NAS IGREXAS DE MAGAZOS E SALDANXE, EN NA CAPELA DE S. VITORIO, EN DAMIL

O encontro permitiu asinar un convenio de colaboración para a conservación, mellora e posta en valor do patrimonio histórico-artístico da diocese

24 setembro 2021.- O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres no Pazo de San Marcos ao bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, co que asinou un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta 50.000 € para a conservación, mellora e posta en valor do patrimonio histórico-artístico da diocese. En concreto, este acordo, para o que a institución eclesiástica achega pola súa banda outros 50.000 €, servirá para acometer actuacións nas igrexas de Santa María de Magazos (Viveiro), e San Miguel de Saldaxe, na Torre (A Pastoriza), e na capela de San Vitorio, en Damil (Begonte).

O mandatario provincial subliñou que con esta achega, a deputación demostra novamente o seu “compromiso pola promoción do territorio para dinamizar a economía e o turismo. Un compromiso que vimos demostrando dende o principio do mandato con iniciativas importantes, como a entrada da institución na Ruta Transrománica, recoñecida polo Consello de Europa”.

Na visita e na sinatura do convenio, xunto ao presidente da deputación e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, estiveron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o ecónomo da diocese, Xoán Xosé Fernández Fernández.

As actuacións consistirán na renovación das cubertas da igrexa viveirense de Santa María de Magazos, e da igrexa pastoricega de San Miguel de Saldanxe, e no lousado da cuberta da capela begontesa de San Vitorio, na parroquia de Damil.

José Tomé destacou que “cada un destes templos é un edificio único e orixinal que responde ao seu entorno directo e momento histórico no que foi construído, pero que ademais se mantivo en uso continuo ata o día de hoxe” e engadiu que “por iso é imprescindible unha intervención co máximo rigor para a conservación das súas características orixinais e o mantemento das súas funcións”.

O presidente fíxolle entrega ao bispo dun exemplar do primeiro volume Lugo Románico dedicado á Ribeira Sacra, dunha réplica da Catedral de Mondoñedo e dun exemplar de A Biblia na iconografía pétrea lucense.


Igrexa de Santa María de Magazos

Na igrexa de Santa María de Magazos, en Viveiro, hai vestixios dunha sinxela construción gótica do s.XV, aínda que o edificio foi profundamente reformado no século XVIII e posteriormente tamén no século XX. Cunha superficie construída de 328 metros cadrados, componse dunha nave principal e outra secundaria, que conforman unha planta de cruz latina.

A súa configuración arquitectónica, se ben responde a un esquema tradicional neste tipo de construcións, conta con elementos que lle confiren un carácter único, como a disposición dos bancos acaroados aos muros laterais, a simetría imperfecta que aportan os pórticos e a súa contraposición á altura da espadana, e a posición elevada realzada pola escalinata de acceso desde a  súa parte oeste, dominando unha ampla perspectiva que lle proporciona unha posición predominante na contorna, converténdose no elemento singular que a caracteriza.

A intervención que contempla este convenio céntrase na renovación da cubrición dos dous pórticos laterais cos que conta o edificio, incluíndo a substitución dos elementos estruturais. Unha actuación imprescindible para deter o deterioro avanzado destes elementos.
 

Igrexa de San Miguel de Saldanxe

O patrimonio artístico da Pastoriza destaca polos seus numerosos cruceiros, capelas e igrexas rurais esparexidas por todo o termo municipal. Entre elas está a de San Miguel de Saldanxe, no núcleo da Torre. Trátase dun templo exento de planta rectangular moi próximo á estrada desde a que ten acceso e cun cemiterio na mesma parcela.

Construído no século XVIII, conta cunha nave lonxitudinal con cuberta a dúas augas e un volume central a catro augas. Todos os faldróns son rectos e con pendente continua. A súa configuración arquitectónica responde a un esquema tradicional neste tipo de construcións. O principal elemento a resaltar, que a fai digna de mención, é a torre-campanario que domina a fachada principal.

A proposta de intervención consiste na renovación da cuberta mediante colocación dun novo entaboado sobre o existente, no que se colocarán pezas irregulares de lousa.
 

Capela de San Vitorio

O templo de San Vitorio de Damil é unha pequena capela datable posiblemente no século XIX, dunha soa nave de planta rectangular, con sancristía acaroada na fachada norte. O seu trazo máis singular é o adro porticado que precede á entrada principal que o fai un edificio orixinal. Destaca ademais a contorna, pois está situada nunha carballeira ao carón do río Miño.

A proposta de intervención é similar á da igrexa de Saldanxe: renovación da cuberta mediante colocación dun novo entaboado, sobre o que se colocarán pezas irregulares de lousa.
 

DATOS TÉCNICOS E ECONÓMICOS

Obxecto

Conservación do patrimonio histórico-artístico de titularidade eclesiástica

Actuación

Intervención en tres inmobles pertencentes ao patrimonio arquitectónico galego da provincia de Lugo. Trátase de equipamentos relixiosos en uso, cun importante interese social e cultural.

Inversión prevista

· Renovación de cubertas en porches da igrexa de Santa María de Magazos, na parroquia do mesmo nome, concello de Viveiro: 27.419,23 €.

· Renovación de cubrición na igrexa parroquial de San Miguel de Saldanxe, no núcleo rural de A Torre, concello de A Pastoriza: 39.308,48 €.

· Lousado da cuberta da capela de San Vitorio, na parroquia de Damil, no concello de Begonte: 33.319,92 €.

Total: 100.047,63 €

Ingresos previstos

· Achega da Deputación de Lugo: 50.000,00 €

· Achega da Diocese de Mondoñedo-Ferrol (e as parroquias): 50.047,63 €

Total: 100.047,63 €


Fonte: Deputación de Lugo/Diocese
 

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol