Comeza na diocese a catequese de adultos

Confirmacións de adultos na catedral de Mondoñedo (2019) · Autor: Diocese

A catedral de Mondoñedo acollerá en xuño a cerimonia central

O bispo confirmará en xaneiro aos grupos que quedaron pendentes por mor da pandemia

4 novembro 2021.- Recuperando a normalidade nos aforos e as posibilidades de acción pastoral nas nosas comunidades, a grande maioría das parroquias emprenderon xa a catequese nos distintos ámbitos e idades con nova ilusión e moita creatividade como esixe este tempo novo.

Desde a delegación de Catequese, o seu delegado, Carlos Miranda, recomenda "lembrar o uso dos materiais baseados nos catecismos da Conferencia Episcopal, así como recomendar os materiais propios de Galicia, aínda que existen outros perfectamente válidos, tamén oficiais".

A confirmación de adultos de Mondoñedo-Ferrol é unha realidade que se vai facendo tradición nos últimos anos. No 2022 terá lugar o sábado de Pentecostés (4 de xuño, 18:00 horas) na catedral de Mondoñedo, logo dun proceso de formación anual que conta con materiais propios, como, por exemplo, o último publicado, "El don del Espíritu", elaborado polos Secretariados de Catequese de Galicia a través de 12 bloques.

Doutra banda, segundo informa o delegado, na diocese aínda hai "varios adultos pendentes para confirmar dos dous últimos anos aos que queremos facilitar o acceso o sacramento", que serán finalmente confirmados nunha ceremonia presidida polo bispo Fernando García Cadiñanos o día 8 de xaneiro na concatedral de San Xiao (17:30 horas).

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol