A exposición '50 anos do Belén de Begonte', na catedral de Mondoñedo

· Autor: Colectivo Egeria

Está previsto que a mostra visite trinta e tres cidades e pobos de Galicia

O bispo diocesano inaugurou a mostra, de trece paneis que reflicten os datos máis destacados da historia do belén

12 novembro 2021.- O pasado xoves día 11 inaugurouse na catedral de Mondoñedo a exposición 50 ANOS DO BELÉN DE BEGONTE (1972-2022), proxectada polo Colectivo Egeria e o Centro Cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén electrónico de Begonte, que resume a vida e actividade deste Belén que a Xunta declarou en 2014 de Interese Turístico Galego.

A exposición, apoiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Begonte, foi inaugurada polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Gadiñanos, quen estivo acompañado polo deán da catedral, Pedro Díaz, xunto co alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero; o de Begonte, José Ulla Rocha; a xefa provincial de Cultura da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez; o presidente do Belén electrónico e párroco de Begonte, Jesús Domínguez Guizán; e os comisarios da exposición, membros do Colectivo Egeria, Antonio Giz e Xulio Xiz.

A exposición está composta por trece paneis que reflicten as datas e os datos máis destacados da historia do Belén, con mención especial ao Nadal de 1972, no que o bispo de Mondoñedo, monseñor Araujo bendiciu o Belén que nacía, e pronunciou o pregón Victor Sáenz. Anos despois monseñor Araujo sería tamén pregoeiro do Belén.

O Nadal en Begonte ten sido pregoado neste case medio século por profesores, escritores, xornalistas, políticos, cregos, bispos… e dous presidentes da Xunta, un presidente do Parlamento, un arcebispo e un xeneral. É costume desde a súa creación que ao nomeamento de cada bispo de Mondoñedo-Ferrol sexa este o que pregoe o Nadal begontino, polo que este ano corresponderalle esa especial función a monseñor Fernando García Cadiñanos.

O último dos pregoeiros, ata o de agora, á vez que o primeiro virtual, foi Valentìn García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Destácase a galeguidade do Belén, o seu carácter de chairego, por reflectir a cultura e os costumes da Terra Chá, convertendo Begonte nunha especial Galilea onde cada ano se representa o nacemento do Redentor. Cadanseu panel se dedica aos certames culturais que o Belén convoca (poesía, xornalismo, arte e debuxo infantil), sempre co Nadal como motivo.

Destácase o papel de José Domínguez Guizán (crego de Begonte, fundador) e José Rodríguez Varela (creador do Belén), que aquel 1972 deron ao mundo un belén electrónico que case medio século despois é o Belén do Camiño Norte, con vocación de ser o Belén dos Camiños, que ten mesmo alterado o nome da poboación que o sustenta, que hai anos foi bautizada polos alumnos do Seminario Santa Catarina de Mondoñedo como “Begonte do Belén”. E despois do fundador e creador, Jesús Domínguez Guizán, como seu irmán crego de Begonte, que desde o pasamento deste asumiu a responsabilidade de continuar o labor relixioso e cultural do Belén, no que leva trinta e cinco anos.

Proba do vencello entre o Belén e o concello de Begonte é que o creador José Rodríguez Varela, cando morreu en 2010, foi declarado Fillo Predilecto do Begonte; e este concello ten dado o nome dos IRMÁNS DOMÍNGUEZ GUIZÁN (José, fundador; Jesús, actual presidente, e Milagros, sempre apoiando en segundo plano) á praza inmediata á sede do Belén electrónico.

A viaxe desta exposición, que vai a visitar 33 cidades e pobos de Galicia, pon de manifesto a intención dos responsables do Belén de que mantendo o seu carácter virtual que o pasado ano esixiu a situación sanitaria, este ano volva estar aberto ao público desde o primeiro sábado de decembro ata o último sábado de xaneiro, e tentar acadar as 40.000 visitas que se viñeron rexistrando nos anos anteriores á aparición da pandemia.

Nestes momentos esta exposición de catro prismas triangulares está situada con carácter permanente na Xunta de Galicia en Santiago (Secretaría Xeral de Política Lingüística), na delegación territorial da Xunta en Lugo, na Casa de Cultura de Begonte, e na catedral mindoniense. E, de xeito itinerante, no concello de Lourenzá, na Casa da Cultura de Vilalba, na Casa da Cultura de Friol e na igrexa de Castroverde.

Fonte: Colectivo Egeria
 

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol