HOAC Galicia afonda na presenza da Igrexa nas mobilizacións obreiras de 1972

Presentación oficial dunha publicación que fai memoria dos feitos que deron orixe ao Día da Clase Obreira de Galicia

3 maio 2022.- Co gallo do 50 aniversario das mobilizacións obreiras acontecidas en Ferrol e Vigo no ano 1972 e que deron orixe ao Día da Clase Obreira Galega que celebramos o pasado 10 de marzo, a Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC- IOAC) de Galicia vén de presentar o caderno A presenza da Igrexa nas mobilizacións obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo.

A publicación pretende facer memoria destes feitos, valoralos no contexto no que se produciron e aprender deles, "lembrando especialmente a implicación que tiveron moitos e moitas fieis cristiáns pertencentes ao movemento obreiro e que non só sufriron a represión policial seo tamén a incomprensión dunha parte da Igrexa daquel momento". O caderno contou coa colaboración de Edicións HOAC.

Compartimos de seguida algúns parágrafos da súa presentación:

"Este folleto foi elaborado pola Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC - HOAC de Galicia) co gallo do 50 aniversario das mobilizacións obreiras en Ferrol, en marzo do 72, e en Vigo, en setembro dese mesmo ano. En Ferrol os acontecementos tiveron tal importancia que o 10 de marzo é declarado oficialmente Día da Clase Obreira Galega no 2006, aínda que desde moito antes as organizacións sindicais viñan celebrando esa efeméride. En Vigo viviuse a folga de maior dimensión da historia de Galicia.

Pretendemos facer memoria destes feitos —descoñecidos para unha gran parte da sociedade— e valoralos no contexto no que se produciron. Unha memoria crente e agradecida, porque os cristiáns temos como elemento central da nosa fe facer memoria dun crucificado. Pois isto quere ser unha homenaxe, un recoñecemento, a todos eses crucificados do movemento obreiro, a todas esas persoas ás que o seu compromiso as levou a soportar a represión dun réxime ditatorial. Algunhas xa non están con nós; outras, no outono da súa vida, séguena entregando por un mundo máis xusto e humano. A mellor homenaxe que lles podemos facer é transmitirlles que os valores polos que tanto loitaron seguen vivos, porque son luz que nos axuda a camiñar no momento presente. Por iso para a HOAC a historia do movemento obreiro tamén é historia de salvación. Neste sentido o Concilio Vaticano II foi un impulso forte para o seu compromiso cos pobres.

Pretendemos lembrar especialmente a implicación que tiveron moitos cristiáns neses feitos e no movemento obreiro do que xermolaron. Ademais de sufrir a represión policial sufriron a incomprensión dunha parte da Igrexa por seren coherentes co Mandamento do Amor na súa dimensión social e política. Mostraron o que era unha Igrexa en saída, comprometida cos traballadores explotados, despedidos ou perseguidos.

Unha memoria crente e agradecida desde a galeguidade. Porque sen a entrega desas persoas nin Galicia nin a Igrexa galega serían as mesmas. Nós non seriamos o que somos".

Para acceder ao documento completo, preme no enlace situado en "Documentos adxuntos".

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol