Jesús Álvarez: "Non é só pedir esmola, fan falla ideas para crear un colchón social"

· Autor: Diocese

Entrevista publicada na edición dixital de "El Progreso"

O párroco da UPA Burela-Cervo chega á vicaría diocesana para a para sumar forzas

"A caridade non é só que nos pidan unha esmola, fan falla ideas que promovan a construción dun colchón social para que isto non caia en picado, que as familias non retrocedan"

12 maio 2022.- Despois de 16 anos na comarca da Mariña pensa que agora ten que "aprender dos que saben, dos delegados, para facer entre todos". O novo vicario para a caridade do bispado asume o cargo "con responsabilidade", sabedor de que outros teñen máis méritos e co afán de traballar en común.

Como enfronta este cometido?
Coa idea de facer proxectos que inclúan unha liña transversal de cooperación, de ir todos a unha, o que supón unha necesidade de máis espiritualidade para ser máis fiel ao que Dios pide e dar resposta á situación. Deixar os nosos proxectos para buscar os de Deus, máis importantes que os persoais.

Son solidarios os mariñáns?
Si, a través de distintas institucións, a Igrexa é unha delas, pero hai moitas entidades e persoas colaborando, hai moito corazón, moita caridade, sobre todo cando se ve cercano, é unha das grandes dimensións da Mariña.

Afectou ás doazóns a pandemia, a guerra ou a suba de prezos?
Coa pandemia subiron moito as doazóns e despois baixou a niveis anteriores. Foi doloroso cando na terceira ou cuarta onda, xente que nunca pedira, foi cara a atrás ao quedar sen traballo, houbo xente que sufriu moito, e un gran número persoas doaron, sentíronse responsables. Subiron moito as doazóns de institucións, de xente que antes non tivera esa sensibilidade e achegábase á Igrexa preguntar o que facía falla. Houbo unha cercanía ao dar sen que á persoa receptora lle doese. Foi un don moi grande, foi de admirar como respondeu o pobo. Coa guerra voltouse axudar, pero empezou a haber problemas ao non poder recepcionar tanto material. Os medios de comunicación moven a conciencia da xente e cando baixan o seguemento das situacións, tamén baixan as axudas.

Pídenlles axuda a vostedes?
Acoden, pero os servizos sociais tamén teñen papel fundamental nos trámites, é o primeiro punto por onde teñen que pasar. Se as axudas non quedan reflectidas tampouco se poden presupostar e artellar políticas que den resposta ás necesidades que chegan por distintas vías e canles.

Medra a cifra de necesitados?
Está medrando, coa pandemia a xente empezou a tirar dos aforros, agora coa campaña de verán algúns atoparán traballo na hostalería pero despois virá a inflación e non quero ser agoreiro, pero penso que imos ter un gran problema, pois a guerra se prolonga e iso vai tirar das axudas e da dispoñibilidade económica. Non sería raro que tivésemos que replantexarnos as formas de caridade, que a solidariedade sexa máis de ver entre todos que se pode facer, non é só que nos pidan unha esmola, fan falla ideas que promovan a construción dun colchón social para que isto non caia en picado, que as familias non retrocedan.

De que xeito traballan para paliar esas carencias?
Cada vez máis, en Cáritas fanse proxectos de promoción da persoa, de estudos, de saúde, en distintos ámbitos, que abranguen todas as necesidades para que a persoa se valla por si mesma. Trátase de axudar aos que viven nunha situación familiar con dificultades para que saian adiante. Empuxar as capacidades da persoa require traballos distintos aos tradicionais. Temos unha escola de pais para axudar nos conflitos cos fillos. Non é só a cuestión económica, hai que ver como traballar en rede, ser un complemento con outras institucións. A esmola, o limosneo, queda para unha cousa puntual, hoxe o rostro tamén é diferente, e as iniciativas que hai que tomar, e o doante, que cada vez é máis implicado. Os migrantes reclaman tamén un espazo na nosa sociedade, temos que facer comunidades cristiás abertas, e ás veces as parroquias están pechadas, polo que estamos perdendo experiencias enormes de xente que vén con moita fe e ten moito que aportar.

Tamén é delegado de migrantes e refuxiados, pídenlles axuda os chegados de Ucraína?
En Burela chegaron a través de asociacións, a diocese xestionou casas de acollida para máis de 30 familias e algunhas comunidades relixiosas non cubriron todas as prazas de acolllida. Dende que se asentan hai que facer os trámites de escolarización e busca de traballo, que na localidade burelá fixo o Concello xunto con dúas asociacións. Cáritas tamén habilitou varios espazos habitacionais e colabórase para que saian adiante, veñen con ganas de traballar e volver á súa patria.

Demandan outros estranxeiros?
Sobre todo no comezo, se veñen sen contrato ou arraigo familiar teñen que estar tres anos ata obter o permiso laboral, que aproveitan para formarse e integrarse na sociedade, para coñecer os empregadores. Darse a coñecer tamén lles abre espazos.

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol