O reitor da UDC e o bispo diocesano asinan o convenio de creación da Cátedra "Diocese de Mondoñedo-Ferrol · Universidade da Coruña"

A Cátedra ten como finalidade fomentar o intercambio de saberes e experiencias nos campos da docencia, a investigación, a promoción humana e a cultura en xeral

Mons. Fernando García: "Todo este pasado conxunto xerou e segue xerando actividades para a mellora das persoas e da educación”

22 xuño 2022.- O Campus Industrial de Ferrol acolleu esta mañá o acto de firma do convenio polo que se crea a Cátedra "Diocese de Mondoñedo-Ferrol · Universidade da Coruña".

O reitor da UDC, Julio Abalde, e o bispo da diocese, Fernando García Cadiñanos, asinaron o acordo, nun evento que contou coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; e a nova directora da cátedra, Rocío Ameneiros, profesora da Facultade de Humanidades e Documentación; en representación deste centro acudiu a secretaria académica, Pilar Comesaña. Ademais, asistiron o responsable diocesano de Cultura, Benito Méndez Fernández, e Carlos Alonso Charlón, arquiveiro-bibliotecario da diocese.

Para o reitor da UDC, a creación desta cátedra “institucionaliza unha relación existente hai tempo entre as dúas institucións a través da facultade de Humanidades e Documentación e, en concreto, co grao en Xestión Dixital de Información e Documentación”. “A colaboración entre as dúas institucións é boa para o Campus Industrial de Ferrol e para a cidade, que ve como se aliñan as entidades para avanzar en beneficio da sociedade”.

Pola súa banda, o bispo García Cadiñanos aludiu tamén ás actividades realizadas conxuntamente entre a universidade e a diocese que derivou na creación desta cátedra. “Todo este pasado conxunto xerou e segue xerando actividades para a mellora das persoas e da educación”, declarou.
 

finalidade e obxectivos da cátedra

A cátedra ten como finalidade fomentar o intercambio de saberes e experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral. Os obxectivos que se plantexan serán os seguintes:

· Ofrecer un espazo formativo de reflexión plural sobre a aportación relixiosa á cultura europea.

· Promover o uso e investigación do patrimonio histórico-artístico e documental da diocese de Mondoñedo-Ferrol.

· Fomentar a conciencia social e a solidariedade real mediante a divulgación de distintas iniciativas de promoción humana no entorno.

· Escoitar, valorar e aproveitar as aportacións multidisciplinares que a Universidade pode ofrecer á Igrexa cara á súa misión de servizo a todos.

· Impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento en Ciencias Humanas e Sociais, centrándose nas áreas de actuación de ambas institucións.
 

Comisión de seguimento, adscrición e duración

Unha comisión de seguimento velará polo cumprimento destes obxectivos. Esta comisión estará formada pola vicerreitora do Campus de Ferrol, a decana da facultade de Humanidades e Documentación, e a directora da cátedra, por parte da UDC. E por parte da diocese de Mondoñedo-Ferrol, os integrantes serán Benito Méndez Fernández, responsable diocesano de Cultura; María Victoria González Rodríguez, directora de Cáritas Diocesana; e Carlos Alonso Charlón, secretario-bibliotecario de Estudios Mindonienses.

O centro de adscrición da cátedra será a facultade de Humanidades e Documentación de Ferrol.

O convenio comezará a producir os seus efectos a partir da data da súa signatura, terá unha duración de tres anos e poderá ser renovado tacitamente por períodos de catro anos de non se manifestar en contra ningunha das partes.
 

traballo conxunto entre as institucións

A posta en marcha desta iniciativa complementa o traballo conxunto entre ambas institucións desde hai anos, como a celebración do I Congreso de Patrimonio Cultural da Diocese de Mondoñedo-Ferrol (1999); a cesión de parte do fondo de publicacións periódicas da biblioteca-hemeroteca da Domus Ecclesiae á Biblioteca Universitaria "Casa do Patín" (desde 1997); a realización de prácticas curriculares dos alumnos do grao de Información e Documentación da UDC no arquivo e na biblioteca especializada da Domus Ecclesiae de Ferrol (desde 2018); e a organización de visitas a espacios de especial relevancia patrimonial e cultural na diocese.
 

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol