Presentadas en Foz a II Xornadas San Martiño no Camiño

· Autor: Concello Foz

Terán lugar o venres 30 de setembro e 7 de outubro e contarán coa participación de dúas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela

20 setembro 2022.- O Concello de Foz organiza a segunda edición das Xornadas San Martiño no Camiño, que inclúen dúas charlas na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica. Serán os venres 30 deste mes e 7 de outubro ás 20 horas e correrán a cargo das profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Carolina Casal Chico e María Dolores Barral Rivadulla.

Esta actividade foi presentada polo concelleiro focego de Turismo, Chema Linares, quen comentou: “que mellor escenario que unha xoia do románico para continuar cunha iniciativa que xa empezaramos o ano pasado. Trátase de realizar charlas, conferencias ou ben outras actividades entorno a esta temática do románico. Temos un rico patrimonio na provincia e tamén na Mariña, moitas veces descoñecido e que merece destacar e achegarnos así unha rama do coñecemento, o arte, moitas veces esquecida. Contamos así, con docentes, historiadores e investigadores que nos darán a coñecer desde diversas ópticas os diferentes aspectos deste patrimonio. Dous obxectivos impulsan esta iniciativa: por unha parte, o coñecemento á par que promocionamos a nosa Basílica; e impulsar o Camiño do Mar, hoxe recoñecido pola Igrexa”.

Carolina Casal Chico é licenciada en Historia da Arte é Museóloga, Xestora cultural, investigadora e docente. Actualmente é docente externa na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, nos Cursos ensinanza regrada: IV Ciclo Universitario. Profesora nas materias de Historia da Arte e Iconografía, seminarios monográficos e o proxecto Camiños de Coñecemento e Experiencia provincia de Lugo e Ourense. Carolina Casal falará en San Martiño acerca dos ciclos pictóricos no Camiño do Mar, a serie de representacións que lidas xuntas dan un contexto á unha obra concreta. Moitos templos no Camiño do Mar teñen representación pictórica no seu interior, con temáticas relixiosas e nalgúns casos incluso marítimas. A elas achegarase nesta charla o día 30 de setembro a partir das 20:00 horas na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica.

María Dolores Barral Rivadulla é profesora titular de Historia da Arte Antiga e Medieval no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Pertence ao grupo de investigación GI-1907. Iacobus. Proyectos y estudios sobre patrimonio cultural, dentro do cal desenvolve os seus traballos de investigación. No ámbito universitario dirixiu diversas teses doutorais e organizou diferentes seminarios e cursos de verán da Universidade de Santiago en relación co achegamento ao Patrimonio Cultural, como as catro edicións (2014-2018) do titulado xenericamente Arte, Historia, Xeografía e Cultura na comarca do Salnés. En Foz Dolores Barral falará da diocese mindoniense no Medievo o día 7 de outubro na sala multiusos do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo. Dentro desta conferencia tratarase de facer unha viaxe a vista de paxaro sobre as principais manifestacións artísticas vinculadas á diocese de Mondoñedo-Ferrol (sobre todo no entorno da Mariña lucense) desde un punto de vista patrimonial, co fin de atender e valorar todos os testemuños históricos e artísticos dunha das dioceses máis descoñecidas de Galicia.

Fonte: Crónica 3. A Mariña

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol