Ricardo Carballo Calero

· Autor: Diócesis

Recordo ao homenaxeado no Día Das Letras Galegas 2020, por Félix Villares Mouteira (con vídeo)

"Ó meu modo de ver, o decantarse polo Reintegracionismo foi o que fixo que os académicos non se decidisen a adicarlle en anos anteriores o Día das Letras Galegas"

A Real Academia Galega, no Pleno celebrado o día 22 de xuño de 2019, acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2020 á figura de Ricardo Carballo Calero (que sinou as súas obras desde 1981 como Carvalho Calero). Neste ano 2020 cúmprense os cento dez anos do seu nacemento e os trinta do seu pasamento.

O nome de Ricardo Carballo Calero, se non recordo mal, figurou nos anos 2008, 2010, 2013, 2015, 2016, 2017 e 2018 como candidato a ser homenaxeado o Día das Letras Galegas xunto con outros escritores e escritoras. O ano pasado foi o único candidato proposto.

O académico Henrique Monteagudo destacou a traxectoria do ferrolán, sobre todo nas décadas centrais do século XX, que foi un defensor da República, que axudou a rescatar o galeguismo cando arrancaban os primeiros intentos de resistencia cultural despois da Guerra Civil. El estaba alí, sobre todo na Editorial Galaxia coa que colaborou estreitamente.

Monteagudo subliñou tamén a súa valiosa obra literaria tanto como poeta, como narrador, e salientou o seu rol na historia galega levando unha vida moi coherente, moi sacrificada de entrega ó país consagrándose coma un intelectual honrado e honesto que se converteu no principal inspirador do Reintegracionismo.

Ó meu modo de ver, o decantarse polo Reintegracionismo foi o que fixo que os académicos non se decidisen a adicarlle en anos anteriores o Día das Letras Galegas.

O tamén académico Xosé Luis Axeitos manifestou que só a publicación da Historia da Literatura Gallega sería suficiente e un mérito esencial e fundamental para dedicarlle do Día das Letras Galegas.

Ricardo Carballo Calero naceu en Ferrol, no barrio do Ferrol Vello, o trinta de outubro 1910 e finou en Santiago de Compostela o vinte e cinco de marzo de 1990. Está soterrado no cemiterio santiagués de Boisaca.

Ten unha obra literaria amplísima. Cultivou a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. Dentro da súa amplísima produción literaria, salientan os seus estudos sobre a literatura que, como xa dixen, acadou o seu cume coa publicación da magna obra Historia da literatura galega contemporánea, publicada en 1963 que se pode definir como o esforzo de sistematización da literatura galega máis ambicioso e significativo da segunda metade do século XX. É a obra máis extensa para o coñecemento da literatura galega, fonte indispensable para os estudos posteriores. Outra das súas obras importantes é a Gramática elemental del gallego común.

Ricardo Carballo Calero acadou, entre outras, as seguintes ditincións: Pedrón de Ouro en 1967, Medalla Castelao en 1984, Premio da Crítica da Narrativa Galega pola súa novela Scorpio en 1987, Fillo predilecto de Ferrol en 1990. En 1996, o Parlamento de Galicia nomeouno Fillo Ilustre de Galicia.

Publicado: 15/05/2020: 2035
Otras firmas

Artículos de opinión relacionados con la diócesis de Mondoñedo-Ferrol