A cruz de Lampedusa

Visita de la cruz de Lampedusa al colegio de las MM. Mercedarias de Ferrol

Artigo de Xosé Edrosa Leal

"Saúdo emocionado este xesto simbólico do noso bispo, ao tempo que desexaría ver a moitos galegos e galegas, conscientes da súa transcendencia, achegarse a esta cruz, pois nós tamén fomos un pobo de emigrantes que sabemos do sufrimento que supón alonxarse do teu país e dos seres queridos"

O novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, don Fernando García Cadiñanos, remata de anunciarnos a chegada da Cruz de Lampedusa á nosa diócese, símbolo que visitará diferentes parroquias, mosteiros, colexios e outras institucións da xeografía diocesana.

Esta Cruz feita coa madeira dunha das barcazas que naufragou xunto á illa italiana do mesmo nome en 2013, cobrándose a vida de 360 inmigrantes que ían no procura da terra prometida, Europa. Un drama vergoñento como dixo o Papa Francisco, que se tén repetido e se repite a cotío, que nos debe interpelar a todos e a todas, xa que máis aló dos valores encarnados nos dereitos humanos nos que nos deberíamos atopar as xentes de ben, feito que aos cristiáns asístenos, ademais, un deber transcendental inherente á nosa crenza. Xa sabemos que non para todos é así, pois sóbrannos testemuños que así o acreditan, implícita e explícitamente, incluso algunhas formacións políticas de misa dominical, mais na súa acción partidaria non ven nin tratan ao inmigrante pobre coma un irmán; contemplamos impasibles igualmente condutas xenocidas xa que polo feito de haber superado os oitenta anos,a moitos anciáns se lles negou o auxilio hospitalario nas UCIs., utilizando de tal xeito a teoría filosófica do utilitarismo, impropia dun estado social, democrático e de dereito, e logo inchan o peito autoproclamándose constitucionalistas. Se de algo estou seguro é de que quen así actúa semella máis á estirpe dos mercadeiros que botou do templo o fillo do carpinteiro cá un verdadeiro Cristián.

Saúdo emocionado este xesto simbólico do noso bispo, ao tempo que desexaría ver a moitos galegos e galegas, conscientes da súa transcendencia, achegarse a esta cruz, pois nós tamén fomos un pobo de emigrantes que sabemos do sufrimento que supón  alonxarse do teu país e dos seres queridos. Por elo, cando nos acheguemos a esa cruz estámolo a facer a ese irmán que sofre. Un xesto de amor que nos reconfortará e nos fará sentir mellores.

Permítanme prezados lectores/as. que lles comente unha fermosa historia real: fai algúns anos chegou ao noso fogar un adolescente de 16 anos, de orixe magrebí, un neno da patera, sen ningún documento que  poidera acreditar a súa identidade, chamábase Jamal. Atopou a  porta aberta e tamén o noso corazón (utilizo o plural, xa que nesta historia receptora éramos dous, Esther e eu). Alí comezou o drama. Na faciana de Jamal  debuxábase medo e desconfianza, incluso de nós, pois considerábanos xente importante que mesmo lle podíamos axudar a arranxar o seu grande e vital problema ou xusto o contrario. O primeiro que procuramos facer foi tranquilizalo e darlle confianza para libralo daquela pesada carga. Coido que en boa medida o fomos conquerindo.

Comeza a pelexa burocrática dos papeis. Ai os papeis! Para comezar tiña que estar empadroado, e para empadroarse tiña que ter un documento que acreditara a súa identidade e a condición na que se atopaba no país, condición da que se derivaría o dereito lexitimador do acto de empadroamento. Ou sexa, plantexábase o vello dilema “antes o ovo ou a pita”. Con moitas dificultades, incluso un proceso xudicial, o asunto foise arranxando, todo elo grazas á extraordinaria boa vontade de moitas persoas que coñeceron do caso. A nosa inmensa gratitude para todas elas!

Máis dunha vez lle temos escoitado a aquel mociño de 16 anos que “antes de voltar ao seu país prefería morrer”. Cremos na sinceridade das súas palabras, e no grao de angustia que o invadía.

O día 24 de decembro, para nós día de Noiteboa, e para Jamal o seu cumpreanos. Como era natural, tiña moito desexo de ir celebralo coa familia ao seu país. Os papeis non estaban arranxados, pero logramos un salvoconduto das autoridades gobernativas, e para aló vai coma un diplomático de carreira. O de carreira dígoo no sentido metafórico, pois o seu percorrido foi longo e duro, con medo e fame. Cando viu un acivro no noso xardín, coas súas boliñas vermellas, axiña o identificou e comentou: “ boliñas coma estas cominas eu dunha árbore que atopei andando polos  montes de Andalucía, e déronme as condeadas unha dor de barriga insoportable”.

Pasaron os anos, mais tampouco se esqueceu do señor Pepe, un cidadán andaluz que lle deu de comer. Canta xente boa!

Cando ía partir naquela primeira viaxe para o seu país de orixe, fómolo levar Esher e eu á estación de autobuses de Lugo, e cando estabamos a punto de despedirnos díxonos todo tristeiro “ non sei  se quero ir ou quedar, teño un nó aquí na gorxa que non me deixa respirar”. E cos ollos cheos de bágoas, e nós igualmente emocionados, démonos unha aperta, el subiu ao autobús, e nós, no fondo con moita satisfacción, de volta para a casa.
 

Unha pequeña anécdota

O nome de Jamal fíxose moi coñecido dentro do noso círculo persoal e profesional, xa que cando falabas del e da súa odisea, a reacción era de interese, comprensión e gañas de axudar. Lembro un fermoso detalle protagonizado por José Luís e Pili (do que logo farei referencia), un matrimonio co que coincidimos e convivimos asistindo a clase na Escola Bíblica Diocesana de Lugo durante catro anos (tres que duraban os cursos e un ano máis de profundización). Unha etapa de adulto na que decidín saír do parvulario que supoñía o meu coñecemento do cristianismo e da cuestión relixiosa, ensinada, neste caso, dende a liberdade, método do que para min non existían precedentes, pois os meus coñecementos formais procedían dunha dogmática máis achegada á escolástica cás arelas que se albiscaban dende o Concilio Vaticano II. O meu interese en acadar unha formación máis formal e regrada nesta disciplina, foi  o convencemento que sen coñecer a historia das relixións, difícilmente se pode entender a da humanidade. O demais xa o administra cada quen segundo os ditados da súa fe.

Ao remate daqueles cursos téñense organizado algúns viaxes a Terra Santa. Naquela ocasión, Esther e eu non puidemos facer aquela interesante viaxe, sempre da man dun guía de luxo José Antonio González (q.e.p.d.), lembrado e querido director da Escola. Á volta daquela viaxe, Pili e José Luís viñéronnos cun agasallo para Jamal, un Corán, un detalle moi importante para aquel neno musulmán; un exemplo simbólico de que as relixións ben entendidas poden servir para xuntar e non para separar aos seres humanos. Grazas Pili e José Luís polo voso exemplo xeneroso.

Malia á súa traxedia persoal e humana, a relixión e a fe para Jamal eran e seguen a ser importantes, feito como non podía ser doutro xeito, que sempre respectamos, incluso establecendo un diálogo sinceiro sobre os fundamentos das nosas respectivas relixións, sempre baixo a premisa de atopar puntos de encontro; sen esquecer que xunto co xudeismo formamos parte das tres relixións abrahánicas, que adoramos a un único Deus misericordioso. Eles chámanlle Alá. Dende esta perspectiva, o camiño da salvación que persiguen tanto  musulmáns como cristiáns é bastante semellante, ou alomenos explorable, feito que para os catálicos non sempre foi así, xa que se mantiña o dogma de que fóra da Igrexa Católica de Roma non había salvación, e tivo que chegar o Concilio Vaticano II para mudar este pechado dogma. En concreto, no que atinxe aos musulmáns, o número 16 da Constitución conciliar sobre a Igrexa, afirma: “O designio da salvación abrangue tamén aos que recoñecen ao Creador, entre eles están en primeiro lugar os musulmáns, que, confesando adherirse á fe de Abrahán, adoran con nós a un Deus único, misericordioso, que xulgará aos homes no derradeiro día”.

Ante tales postulados, o diálogo respectuoso pode achegarnos, sen dúbida, a un maior entendemento, cuestión que eu lle plantexaba a Jamal nos seguintes termos: ” Se ti cres que Alá é o teu único  Deus verdadeiro, e eu creo o mesmo do meu : acaso  non estaremos a falar do mesmo Deus? Pois se partimos dunha dualidade  sobre a existencia de Deus, estaríamos entrando nunha dicotomía que non nos levaría a ningures,  ademais  de introducirnos nunha dialéctica de dúbida  sobre a existencia de Deus.

Xa sei que é unha interpretación moi simple, mais tamén moi lóxica, pois se entramos no misterio trinitario, xa a liamos. Os musulmáns, téñeno máis doado. De todos os xeitos, doutores tén a Igrexa, aínda  que cecais sexa un concepto non moi recomendable para os tempos que corren, pois achega moita exclusividade, e a Igrexa non anda sobrada de interación, incluso dentro da súa propia base, a que tamén opina e fai praxe.

Hoxe Jamal é un cidadán español de pleno dereito, traballador e boa persoa,  creou a súa familia, que tamén é a nosa, e que xunto coa súa dona están a sacala adiante.

Grazas  Jamal por ser así, e nós moi satisfeitos de haberte coñecido, xa que, sen dúbida, nos axudache a ser un anaquiño mellores.


Artículo publicado en el diario digital 21 Noticias el 14 de diciembre de 2021

________________________

La diócesis de Mondoñedo-Ferrol no se hace responsable de las manifestaciones y opiniones vertidas por los diferentes articulistas de esta sección

 

Publicado: 15/12/2021: 776
Otras firmas

Artículos de opinión relacionados con la diócesis de Mondoñedo-Ferrol