Delegación de Pastoral Rural

Delegado
D. Manuel Regal Ledo
manuelregalledo@gmail.com

Equipo
Modesta Campo Valiña
Antonio Jesús Lorenzo López
Izaskun González Garmendia
Rafael Lombardero García
Xosé Boullosa Canda
Xosé Antón Miguélez

 

· Carta: Ante a marcha das irmás da Sagrada Familia de Burdeos da nosa diocese

Desde esta delegación de Pastoral Rural da diocese de Mondoñedo-Ferrol queremos informar que nestes días estiveron procedendo ao seu cambio de residencia as tres relixiosas da Sagrada Familia de Burdeos, Rosa, Izaskun e Paquita, que conformaban a comunidade que hai 33 anos se situara en Abadín, Lugo. Rosa foi destinada a unha comunidade de Madrid, e Izaskun e Paquita formarán parte doutra comunidade en Lugo. Iso significa que se pon fin a unha presenza entre nós que consideramos venturosa en todos os sentidos. Desde o primeiro día foron e fixeron familia entre nós; desde o primeiro día implicáronse a tope na vida toda das comunidades parroquiais, compartindo gozos e pesares e situándose especialmente ao lado das persoas, familias e comunidades máis fráxiles; desde o primeiro día nos transmitiron coa palabra e sobre todo cos feitos que eran unhas mandadas do amoroso Deus da vida, que para a vida digna e fraterna nos acompaña sen medida. 

Sen dubidalo, podemos afirmar que durante estes 33 anos de vida entre nós fóronse convertendo na principal referencia evanxelizadora da comarca. Agradecemos a súa tarefa, doémonos da súa marcha, que por outra banda comprendemos, e estamos dispostos a facer que a súa herdanza non se apague entre nós, ao revés que frutifique en accións de fe e de vida para as nosas comunidades. Izaskun ademais formaba parte do equipo desta delegación de Pastoral Rural; así que tamén nós imos botar en falta a súa presenza humilde e efectiva.

Seguro que por onde vaian seguirán sendo unha bendición de Deus para quen teña a sorte de compartir a súa vida. Nun pequeno encontro e celebración de despedida cun grupiño de vida no que participaban con suma implicación compartimos con elas a nosa oración, o noso agradecemento, algo de comida, e o seguinte escrito:

TRINTA E TRES ANOS DE ASOMBRO,
PAQUITA, IZASKUN E ROSA
TRINTA E TRES ANOS DE CORES,
CALES DA FLOR MÁIS FERMOSA.

Grazas, irmás, compañeiras,
pola vosa vida entre nós.
Grazas polo don particular de cada unha de vós,
cos que nos viñestes obsequiando xenerosamente
durante estes trinta e tres anos.

Grazas pola vida familiar que vivistes entre vós
como mulleres e comunidade da Sagrada Familia de Burdeos,
e que tamén compartistes con nosoutros,
coma unhas veciñas máis,
coma unhas irmás máis.

Grazas por ternos acompañado,
cada unha coa vosa especial graza,
nas horas tristes e nas horas ledas da nosa vida diaria.
Foi para nós consolo e bendición
vervos ao noso lado, coma unhas máis,
cando chorabamos mortes e ausencias,
amarguras e abandonos,
pobrezas e desolacións
das persoas, das familias, do mundo da aldea.

E foi tamén para nós pracer e esperanza
vervos compartir as nosas festas,
as nosas viaxes e excursións,
os nosos cafés e xantares,
as nosas risas e bailes,
os pasiños que iamos dando cara a unha maior dignidade das nosas vidas,
das nosas familias, das nosas parroquias,
e tamén as nosas protestas, manifestacións e folgas,
os nosos tempos de reflexión, as nosas accións:
vós sempre aí, en primeira liña,
como se niso vos fose a vida, porque realmente era así.

Grazas moi especialmente pola vosa fe,
a que nutría diariamente as vosas vidas
e a que de mil maneiras humildes compartistes con todos nosoutros,
cos homes e mulleres destas parroquias
tan necesitadas, coma todas, da luz e da forza de Deus.
Grazas por crer e axudarnos a crer,
grazas por rezar e axudarnos a rezar,
grazas por vivir a Deus coma unha compaña amorosa
e por axudarnos a vivilo tamén así.
Grazas polo moito que sempre animastes
as nosas reunións de estudo de Evanxeo,
as Eucaristías dos domingos, das festas, dos funerais.
E grazas, máis que nada, porque a vosa fe
convertíase sempre en feitos de axuda  a quen de vós precisaba,
aí están os nomes de persoas e familias para nolo recordar,
e así nos fostes levando ao corazón de Deus,
ao corazón do Evanxeo de Xesús.

Grazas a ti, Rosa,
pola túa inmensa e tenra sociabilidade,
amiga, coñecida e coñecedora de todas e de todos.
Ti, cando morras e Deus te recolla,
poderás dicir de ti o que de si dicía o bispo Casaldáliga, morto hai pouco:
“Ao final do camiño hanme dicir:
--¿Viviches? ¿Amaches?
E eu, sen dicir nada,
abrirei o corazón cheo de nomes.”

Grazas a ti, Izaskun,
muller e monxa andarega,
ata o derradeiro momento,
amiga de silencios e pobrezas,
escasa en falares pero abundante en solicitudes,
co don especial que Deus che deu
para atopar o marabilloso,
agochado baixo as aparencias máis curtas e insignificantes;
e tamén para acompañar todo o fráxil
cara ao esplendor da vida.
Milagre de muller para os milagres do Espírito.

Grazas a ti, Paquita,
a da risa solta e frecuente como bandeira,
a dos cantares vivos,
a amiga de bailar e incitarnos ao baile, á festa.
Cunha alegría vivida no fondo do teu corazón
coma un regalo de Deus,
coma unha fermosa planta coidadosamente coidada,
coma unha chamada firme á confianza, á esperanza.
E grazas tamén
polo seguimento e coidado que tiveches
de persoas e familias desnortadas,
para que a ledicia puidese plantar a súa tenda
en todos os rostros, en todos os corazóns, en todas as casas.

Foi unha bendición de Deus tervos ao noso lado.
Ídesvos, pero queda connosco a vosa herdade,
coma unha planta fermosa que hamos coidar
para que  medre e nos axude na tarefa que temos nas mans.
Onde esteades e como esteades,
unidos, unidas sempre pola fe, pola esperanza, polo amor,
no nome do Deus da vida que nos xuntou na terra e nos xuntará no ceo.

Pola delegación de Pastoral Rural, Manuel Regal Ledo, delegado

 


· 'Orgullosas de nós, orgullosos do noso'

Día do Mundo Rural 2020 (15 maio)

PARABÉNS, FELIZ DÍA! En primeiro lugar felicitarnos porque teñamos un día dedicado á aldea, ao campo e a todo o que no campo fomos e somos capaces de facer e de vivir. Que fermosas foron e son as vidas das persoas que no campo pasaron e pasan a súa existencia, cos seus traballos e penalidades, xaora, pero tamén cos seus méritos e excelencias, cousas que soamente nós coñecemos ben, porque as temos vivido!

CON ORGULLO POR NÓS E POLO NOSO. CON ESPERANZA. Por iso podemos dicir con todo o corazón que somos xente orgullosa de nós e do noso. Certo que desde hai xa ben anos cambiaron moitas cousas nas aldeas. Onde antes había unha explosión de xente con crianza e mocidade, agora hai moito baleiro, moitas casas pechadas, moita xente maior e ás veces soa; e, no canto de terras ben traballadas e aproveitadas, vemos ou terras abandonadas ou plantacións de eucaliptos que non garanten que a xente viva na aldea e se vincule con ela.

E, se ollamos a vida cristiá nas nosas parroquias, pasa algo do mesmo: curas moi maiores e poucos, pouca xente e maior acudindo ás celebracións, apagamento na ilusión polas cousas de Deus, pola maneira de vivir que Xesús de Nazaré nos aprendeu.

As nosas fraxilidades e abandonos están ben á vista. Pero aínda así non queremos deixar de mirar para atrás con orgullo e agradecemento, porque só iso nos permite ollar tamén cara ao futuro con esperanza e decisión.

AS LECCIÓNS DO CORONAVIRUS DESDE A ALDEA. O problema do coronavirus vainos impedir celebrar o día do mundo da aldea, San Isidro, 15 de maio tal como tiñamos proxectado facelo este ano no Val do Ouro (Alfoz e Valadouro). Pero do problema do coronavirus  que nos envolve podemos aprender moito:

Que somos moito máis fráxiles do que pensabamos: un ser de nada mata a vida e fere a nosa montaxe económica e social. Que como persoas e sociedade temos unha enorme capacidade de solidariedade, que, posta en bo e ordenado funcionamento, é capaz de poñer luz no medio de calquera escuridade. Que a aldea está sendo un lugar apetecible para estar nel, porque a vivenda está mellor pensada no campo ca na cidade: unidas, pero independentes, con espazos propios e abertos ao redor. Que no campo hai moita sanidade ambiental. Que na tradición aldeá a xente maior estaba moito mellor atendida ca nas modernas residencias, onde tanta xente maior morreu de forma amarga. Que é ben importante producir nós o básico necesario para vivir, sen depender dunhas poucas e grandes empresas da alimentación; e oxalá que estes produtos da aldea poidan circular deseguida libremente para abastecer a quen deles precise. Que o campo é unha grande reserva de futuro, porque ten capacidade de ofrecer froitos, vida e convivencia digna, saudable. Oxalá o sufrimento destes meses de confinamento nos axuden a pensar e a cambiar.

QUERENDO AXUDAR A QUE CAMBIEN AS COUSAS. Certamente van ter que cambiar moitas cousas para que sexamos quen de reavivar as aldeas, coas comunidades humanas e relixiosas que nelas habitamos. Cousas que dependen de nós e das diferentes administracións que nos gobernan. Esperamos que isto suceda por dúas razóns: primeira, o campo ten unha capacidade produtiva tan marabillosa, que xente con dous dedos de fronte non pode deixar de lado; algún día decatarémonos diso e será para nós ouro o que agora nos parece algo sen valía.

E, segunda razón, fixándonos no aspecto relixioso, é tal a calidade humana e divina do noso mestre Xesús, o Cristo, e do movemento que el botou a andar, que algún día caeremos na conta de que aí temos un gran fundamento para facer persoas e pobo con dignidade.

NON ESTAMOS SOS, NON ESTAMOS SOAS. E nesas andamos e nesas vos invitamos a andar. Non saquemos deseguida iso de que somos poucas persoas, vellas, de que non valemos nin sabemos nin podemos.  Valemos, podemos e sabemos. Non estamos sos, soas. Que non nos dea vergonza ser da aldea. Que non nos dea vergonza ser xente seguidora de Xesús. Que non nos dea vergonza xuntarnos en pequenos grupos para compartir con el as nosas penas e fracasos, os nosos soños o venturas.

Ánimo. Non poderemos cambiar o mundo, pero poderemos facernos persoas, familias, comunidades dignas, felices, que serán sementeira de sabe Deus qué. Estamos en boas mans. Feliz día do mundo da aldea, o noso día!

Manuel Regal Ledo
Delegado de Pastoral Rural

Materiais: Na columna da esquerda tedes todos os materiais que premaramos sobre esta xornada.

 

· Puntos fortes para unha pastoral rural na diocese

1.- Promover, con quen ben o queira, a formación nalgunha parroquia ou grupo de parroquias de pequenos grupos ou comunidades cristiás, que fosen coma unha semente e unha referencia  de vida cristiá no medio da parroquia e ao servizo da parroquia. Desde a Delegación de Pastoral  Rural podemos axudar na formación destes grupos coa presenza e con materiais axeitados. (Véxase díptico entregado na asemblea diocesana)

2.- Fomentar a celebración do “Día do Mundo Rural” cada ano nun arciprestado distinto; iría máis destinada esta celebración ás parroquias rurais de cada arciprestado. Á celebración de cada ano no respectivo arciprestado estarían invitados tamén os outros arciprestados. Tamén a facilitar isto nos comprometemos desde a delegación de Pastoral Rural (tamén isto quedou comentado no díptico entregado na asemblea diocesana).

3.- Fomentar un movemento de atención diversificada á xente maior, sobre todo cando esta xente maior está soa e enferma: visitas ás casas; encontros en horas do día nalgunha casa do barrio para verse, falar, botar a partida; visitas a maiores na residencia sanitaria ou nas residencias de maiores; organizar encontros e festas en datas especiais: Nadal, Antroido, saída verán… Integrarnos en actividades que desde os Concellos ou desde outras entidades se estean facendo neste sentido. Organizar a “festa dos maiores”, e ver a oportunidade da celebración do sacramento da Unción comunitaria. Celebrar os anos e o santo ou santa dos nosos maiores: visitalos, agasallalos, telos en conta. Darlle especial releve aos nosos maiores nas celebracións litúrxicas, mentres están vivos e tamén no momento da súa morte.

Continua lendo ou descarga o documento completo nos arquivos aduntos.

 

· Carta do novo equipo da delegacion

Queridos compañeiras e compañeiras que desde calquera labor ou responsabilidade estades colaborando para que no campo haxa vida e que haxa vida tamén nas comunidades cristiás das parroquias rurais:

Antes de nada desexarvos un feliz comezo de ano 2018. Facémolo con estes versos pequenos, rurais tamén no seu corpo e no seu espírito:

Feliz ano novo,
feliz para todas,
feliz para todos.

Feliz ano e xusto,
que só na xustiza
que terma do débil
prospera a ledicia.

Feliz ano en paz
por dentro e por fóra,
a paz, esa xoia
fugaz, que namora.

Feliz ano novo,
feliz para todas,
feliz para todos
.

E tamén queremos informarvos que xa temos constituído o pequeno equipo disposto a responsabilizarse das tarefas que a Delegación de Pastoral Rural irá asumindo e levando a cabo. Está composto polas seguintes persoas:

· X. M. Carballo Ferreiro (estaba integrado no equipo, disposto a facer o que a súa saúde lle permitise. Desde a casa do Pai seguirá colaborando no que poida. Iso cremos)
· Modesta Campo Valiña, segrar, Ponte de Outeiro, Castro de Rei
· Antonio Jesús Lorenzo López, segrar, San Pedro de Mor, Alfoz
· Izaskun González Garmendia, relixiosa da Sagrada Familia de Burdeos, Abadín
· Rafael Lombardero García, sacerdote, Senra, Ortigueira
· Xosé Boullosa Canda, sacerdote, Mondoñedo
· Xosé Antón Miguélez, sacerdote, Vilanova de Lourenzá
· Manuel Regal Ledo, segrar, Candia, Abadín

Esperamos que en breve tempo nos empezaremos a poñer en contacto con todos vosoutros para coñecernos, para escoitarnos, para ver o que vos gustaría recibir de nós, o  que podemos facer xuntos.

Mentres e non, recibide o noso saúdo, o noso agradecemento polo voso traballo no medio rural, e a nosa oración a quen é a fonte de todo ben e de toda esperanza.

En representación dos meus compañeiros e compañeiras,

Manuel Regal Ledo
Delegado de Pastoral Rural

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol