15 de maio: Día do Mundo Rural

Na festa de san Cidre, patrón da xente do campo

Unha proposta de fortalecemento mutuo para ollar cara adiante con paz e esperanza

Desde esta delegación de Pastoral Rural dirixímonos a toda a xente do campo da nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol: os homes e mulleres que viven e traballan na aldea con calquera oficio; as persoas que colaboran para que as parroquia e as comunidades cristiás teñan vida; os sacerdotes ou persoas consagradas que, con diferentes tarefas,  están ao servizo entre nós do espallamento do Evanxeo de Xesús.

Queremos compartir convosco a ledicia por estarmos de patrón, san Sidro ou Cidre, porque este patrón foi un home labrego do s. XI; mozárabe, casado con María Toribia (Santa María da cabeza); ambos souberon xuntar na súa vida o apego polo campo do que vivían e por Deus, do que tamén vivían. Un exemplar matrimonio santo!

Querémosvos felicitar porque temos a dita de vivir na aldea, cousa que por moitas razóns é unha bendición: coa natureza ao noso dispor, con animais sempre a carón; un ambiente san, comidas saudables, terras moi produtivas, augas abundantes, non andamos apegados a horarios laborais, coñecémonos entre nós, tratámonos, axudámonos, mantemos tradicións antigas, a nosa fala propia, e tamén, en boa medida, a nosa fe cristiá. Somos con orgullo xente de aldea, polos nosos maiores e por nós.

Todos sabemos tamén que no campo estamos pasando por malas horas. As leis do progreso ou determinadas políticas agrarias foron iscando a xente das aldeas; as zonas interiores da nosa diocese estanse despoboando; péchanse casas explotacións gandeiras, hai moita poboación vella e soa, as terras quedan a monte ou énchense de eucaliptos, estámonos convertendo nun país de monocultivo,  xa non temos soberanía alimentaria, é dicir, que nos facemos moi dependentes das grandes multinacionais da alimentación para todo, e así o noso futuro vai estar cada vez máis en mans alleas. Carecemos dunha boa organización do territorio.

Pensamos que é especialmente preocupante a situación da nosa xente maior. Polas dinámicas propias dos nosos tempos, moitos pais e nais, agora xa avós e avoas, van quedando sos nas nosas casas, con achaques que teñen que vivir en soidade ou en Centros de Día e Residencias da Terceira Idade. Moitos destes avós e avoas emigraron na súa mocidade; é unha mágoa que tamén agora na ancianidade teñan que emigrar das súas casas para morreren lonxe do berce que durante tantos anos os agarimou.

E pensamos tamén nos poucos nenos e nenas, mozos e mozas que se crían entre nós. Vemos que medran con vigor e alegría no ambiente rural, pero nalgúns aspectos a aldea dificulta a súa formación.

O que pasa na vida civil das parroquias pasa tamén no campo relixioso: poucos curas moi velliños. Non hai reposto. Cada vez hai menos celebracións nas nosas igrexas, como non sexa por enterros e aniversarios. Nas misas dos domingos hai pouca xente, e maior case sempre. Os nenos e nenas, mozos e mozas, pasado o tempo de preparación para a Primeira Comuñón e a Confirmación, desaparecen das nosas igrexas.

Certo que a vida cristiá é moito máis ca ir ás misas ou enterros. A vida cristiá vívese na honradez, nas axudas, visitas e compañas que nos damos, no coidado da xente empobrecida, no trato persoal que podemos ter con Deus, na loita pola dignidade das nosas vidas. Pero todo isto cómpre coidalo, fomentalo. Ata agora a marcha da comunidade cristiá recaía nos curas; por iso, se faltan os curas, todo se vén abaixo. É necesario que os laicos e laicas empecemos a xogar o noso importante papel.

Parece que no canto de estar celebrando o san Cidre, o patrón da xente do campo, estamos celebrando xa por adiantado a nosa desaparición. Non. Andamos apertados, pero isto non se acabou.

Estamos nunha etapa de reconversión do rural. No rural quedará menos xente. Teremos que configurar de novo parroquias e Concellos. A terra segue a ser produtiva, aínda que cambien os sistemas de produción. E algo parecido se pode dicir da vida relixiosa. Teremos que facer unhas parroquias menos centradas no cura e nas Misas, e máis na fe e na responsabilidade de cada persoa que queira ser cristiá. É importante estar ben ao quite para facer os cambios ben.

Tanto no civil coma no relixioso, no campo aparecen experiencias novas que dan ánimo. A maiores das explotacións de leite ou carne que aínda aguantan, vemos xente nova que se incorpora á aldea con ideas innovadoras, que permiten vivir e gozar do campo; demostran que se pode vivir do campo dedicándose á agricultura, a gandería ou a outras actividades diferentes das tradicionais.

E algo semellante pasa no campo da fe cristiá. Se nos atrae Xesús de Nazaré, se temos fe nel, seguro que atoparemos maneiras de cultivar esa fe; podemos formar pequenos grupos, ou comunidades nas que poder experimentar a bondade de Deus connosco para despois compartila coa nosa veciñanza toda. Estamos ante unha grande oportunidade.

Visto que tanto a xente rural coma a Igrexa no rural andamos en debilidade, podiámonos preguntar en que nos axudar para fortalecernos mutuamente un pouco e poder ollar cara adiante con paz e esperanza.

Como facelo? Terémolo que ir vendo entre todos e todas. Unha cousa parece segura: é importante que a relixión, que a fe cristiá, baixe á vida, que cando oímos falar de cousas da fe, deseguida nos decatemos de que se están a abordar tamén cousas da nosa vida. Báixase á vida na forma de falar, e báixase á vida cando a fe se pon ao servizo da construción do conxunto da nosa vida. Cando vemos que a fe é importante para a vida, daquela xa atoparemos camiños para mantela viva entre nós.

E como podemos contribuír cada veciño ou veciña para que a fe cristiá se manteña viva entre nós? Xa o iremos vendo entre todos e todas. Dúas cousas parecen moi importantes: ser crente por decisión propia, non por rutina, e pensar que é responsabilidade de todos e todas soster  a comunidade cristiá da parroquia; a todos nos dá o Espírito calidades especiais coas que contribuír ao coidado da comunidade.

Falaremos de todo isto con calma. Hoxe dediquémonos a celebrar o noso Patrón. Meréceo Deus que é a fonte de toda canta bondade e fermosura hai no campo. Meréceo Xesús, labrego e carpinteiro de Nazaré, que tanto loitou por ser un crente comprometido con Deus e coa xente humilde. Meréceo o Espírito que sostén a nosa  festa e a nosa loita. Meréceo San Cidre, que soubo xuntar á perfección fe e vida labrega. E merecémolo todos nós, homes e mulleres do campo, que somos a cousa máis fermosa que o campo tivo e ten.

FELIZ SAN CIDRE!

FELIZ DÍA DO MUNDO RURAL!

 

«Querémosvos felicitar porque temos a dita de vivir na aldea, cousa que por moitas razóns é unha bendición»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas