A biblioteca do Seminario enriquécese co fondo bibliográfico do poeta Aquilino Iglesia Alvariño

  • Os 2.000 volumes do autor de «Cómaros verdes» custodiaranse no Seminario de Santa Catalina, institución da que o poeta foi alumno

A biblioteca do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo ven de recibir como doazón a biblioteca persoal do poeta, profesor, filólogo e tradutor Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago de Compostela, 1961), a quen Galicia lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1986.

Don Aquilino mantivo unha vinculación especial co Seminario, xa que alí, entre os anos 1924 e 1931, estudou Latín e Filosofía, o que lle permitiu coñecer «a tradición literaria grecolatina que tanto influíu na súa obra e que o levou a converterse nun dos máis destacados tradutores destas literaturas ao galego». Durante eses anos en Mondoñedo estableceu amizade con outros escritores e intelectuais como Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Xácome e Francisco Fernández del Riego. Precisamente, o Seminario de Santa Catalina foi unha institución que deu numerosos escritores en lingua galega, ata tal punto de falarse da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. Cómpre destacar que no 1931 don Aquilino cumpriu o servizo militar en Ferrol, onde tivo ocasión de coñecer a escritores tan destacados como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carvalho Calero ou Xosé Crecente Vega.


Unha biblioteca de especial valor para a cultura galega

Este fondo bibliográfico, conformado por uns 2.000 volumes, foi recollido polos técnicos da diocese na vivenda familiar do poeta en Santiago de Compostela. A doazón frutificou grazas á vontade do seu fillo, o historiador Aquilino Iglesia Ferreirós, quen desde Alemaña, onde reside, contactou coa diocese para facer chegar esta escolma e que se conservase na biblioteca do Seminario mindoniense.

Segundo destacou Carlos Alonso, bibliotecario da diocese, «non podiamos deixar pasar a oportunidade de incorporar ao fondo bibliográfico do Seminario unha biblioteca tan relevante para as nosas letras como é a de Aquilino Iglesia, e máis tendo en conta o vencello que tivo con esta institución durante a súa formación». Alonso expresou o seu agradecemento á familia do profesor «por pensar na nosa diocese á hora de facer esta doazón», que de seguro «enriquecerá os nosos fondos», suliñou. Tamén agradeceu a intervención de Félix Villares, deán da catedral de Mondoñedo, quen canalizou moitas das xestións da doazón.

Os volumes xa se atopan no depósito da biblioteca de Mondoñedo, onde se clasificarán e catalogarán para poñelos a disposición dos investigadores.


A figura de Aquilino Iglesia Alvariño

Nado en Seivane de Vilarente, concello de Abadín, o 11 de xuño de 1909 e finado en Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1961, foi un poeta que soubo conxugar as tendencias literarias do seu tempo.

A vida campesiña e o contacto coa natureza nos seus primeiros anos quedarán patentes no léxico e na temática das súas creacións. Comezou formándose no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, onde compuxo Señardá (1930), a súa primeira obra poética. Trátase de cincuenta sonetos nhttps://youtu.be/WUFUmmmPWg0os que pode visualizarse a influencia de autores coma Cabanillas, Noriega Varela ou o portugués Antero de Quental.

Tras abandonar os estudos eclesiásticos e pasar unha tempada como docente en Vilagarcía, cursou a licenciatura de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista e comezou a participar activamente na vida cultural do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra e fundou Renacencia. O seu segundo libro, Corazón ao vento (1933), desligado do modernismo, entronca co franciscanismo da súa primeira obra e ábrese a correntes como o saudosismo e o hilozoísmo, tendendo pontes cara á poesía moderna. Ao finalizar os seus estudos, converteuse en catedrático de latín de Ensino Medio, impartindo esta materia en institutos de Lugo e Pontevedra, primeiro, e Santiago de Compostela, por último.

A partir do estoupido da Guerra Civil, Iglesia Alvariño compuxo poesía de signo fascista en español –Contra el ángel y la noche, (1941)-. No entanto, en 1947 volta á lírica galega, editando Cómaros verdes. Considérase que con esta obra acadou a súa madurez creativa, marcando o inicio da literatura galega da posguerra. Cómaros compila material de tres lustros. Así, apréciase no poemario a influencia diferentes correntes como a estilización neotrobadoresca, a interiorización da paisaxe, o ensaio de ritmos popularistas, o hilozoísmo ou a contención clásica. Asemade, traduciu ao galego textos de autores clásicos como Horacio, Teócrito ou Tibulo. Posiblemente por mor desta influencia, na súa obra percíbese a pegada da poesía clásica, ademais do saudosismo de Teixeira de Pascoaes e, nun lugar non tan preponderante, do imaxinismo de Amado Carballo.

En 1952 regresa a Compostela, onde participou no agromar da xeración literaria das Festas Minervais. Así, colaborou en diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos en La Noche. A madurez e personalidade do seu verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista, manifestáronse claramente nas obras De día a día (1960), Lanza de soledá (1961) e Nenias (1961). Tres anos despois do seu falecemento en 1961, publicouse, baixo o título Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou espalladas en diferentes xornais e revistas.

En 1986 foi homenaxeado co Día das Letras Galegas e en 2009 celebrouse o centenario do seu nacemento, dúas ocasións que permitiron reeditar e ofrecer novas aproximacións á súa figura.

Fonte: Real Academia Galega (RAG) / Real Academia de la Historia

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas