Potenciar a presenza e o servizo da Igrexa no mundo rural, entre os obxectivos propostos por Manuel Regal
Benqueridos sacerdotes e outros axentes de pastoral, homes e mulleres, que no medio das parroquias rurais estades levando a cabo a encomenda de Xesús de anunciar o seu Evanxeo de palabra e cos feitos. Desexo que todos vos atopedes ben, con saúde no posible, con paz, con ánimo, con esperanzas.
Preséntome ante vós, aínda que bastantes de vós xa me coñecedes. Son Manuel Regal Ledo, en tempos sacerdote, a persoa elixida polo Sr. Bispo para ser delegado de Pastoral Rural.
Propúxomo e aceptei, ben consciente das miñas limitacións, pero disposto a axudar no que poida para que entre todos poidamos ir xuntándonos, falando das nosas experiencia e das nosas inquedanzas evanxelizadoras, e dispoñéndonos a tirar para adiante con paz, humor e esperanza, mellorando no que poidamos a nosa presenza e o noso servizo no medio rural.
Aledoume moito, iso si, que o Sr. Bispo acordase crear unha delegación de Pastoral Rural, porque era ben incomprensible que, sendo como somos unha diocese en boa medida rural, non houbese nunca unha delegación destinada a este ámbito. E isto pasa tamén, se non me equivoco, en todas as dioceses galegas.
De momento non teño aínda claro que vos poido ofrecer. Teño pensadas algunhas posibles propostas de encontro e de traballo. Pero estou tentando facer un pequeno equipo animador desta delegación, no que poida haber algún cura, algunha relixiosa, algún laico, home e/ou muller, e así as propostas que vos cheguen desde esta delegación sexan propostas pensadas e traballadas desde perspectivas e sensibilidades diferentes. A cousa vai por bo camiño. Espero que axiña vos poderemos presentar algo co que empezar xa o curso.
En todo caso, considero imprescindible que calquera proposta de traballo conte co voso coñecemento, discernimento e aceptación, para que realmente sexa un traballo de todos na súa concepción e no seu desenvolvemento.
E máis nada de momento. Reitérovos os meus desexos de paz e de ben e a miña vontade de estar ao voso servizo no que entre todos entendamos de proveito para as nosas comunidades.
Con todo o agarimo do mundo.
Manuel Regal Ledo
«Aledoume moito que o Sr. Bispo acordase crear unha delegación de Pastoral Rural, porque era ben incomprensible que, sendo como somos unha diocese en boa medida rural, non houbese nunca unha delegación destinada a este ámbito»