Deus fala na nosa lingua. Esta é unha certeza que atravesa toda a historia da salvación. Desde os inicios da creación do mundo, Deus fíxose cercano e próximo para establecer conversación co ser humano co que quere facer coloquio, conversación, e quere establecer un proxecto de amizade. E para iso non quixo utilizar os fenómenos extraordinarios da natureza, os raios e terremotos que as relixións ancestrais relacionaban con Deus, senón que se fixo Palabra. Algo tan sinxelo e versátil como a palabra. “A Palabra fíxose carne e habitou entre nós”.
Palabra que posibilita a relación, palabra que aclara as nosas dúbidas e medos, palabra que nos eleva na esperanza, palabra que nos aconsella, consola e alenta, palabra que nos alegra e fortalece, palabra que acompaña tamén os nosos silencios.
Palabra que é pronunciada na nosa propia lingua porque o noso Deus quere facerse o máis próximo connosco e quere facerse comprender por todos, quere chegar a todos.
Porque a Palabra de Deus é para todos. A Xesús, a Palabra feita carne, vémoslle percorrendo as aldeas de Israel dun lugar a outro predicando e anunciando coa vontade de chegar a todos, de conseguir que ninguén quedase excluído do seu anuncio salvador, de buscar que ninguén andase como ovella sen pastor. Por iso, a Palabra de Deus quere selo para todos, para crentes e non crentes, para cristiáns e non cristiáns, para homes e mulleres, para cultos e ignotos, porque encerra unha sabedoría non humana que desenmascara as mentiras e misterios da vida e do ser humano.
Nese sentido, a Igrexa sempre, pero especialmente nos últimos anos a raíz do Concilio Vaticano II, fixo un esforzo por traducir a Biblia a todas as linguas do mundo no seu obxectivo de que esta palabra chegase e fora comprendida por todos, sen mediacións. Así xorde esta tradución da Biblia ao galego. É fermoso que a Palabra de Deus resoe na mesma lingua que utilizaron os nosos clásicos como Rosalía, Pardo Bazán, Castelao, o noso gran Cunqueiro… Pero tamén a lingua que utiliza a Xoana, o Xosé, o Santiago… a lingua do pobo, do noso pobo, porque Deus faise Pobo e ama estar entre o pobo.
Pero sendo para todos tamén é unha Palabra dirixida para cada un: para todos e para cada un, para ti e para min. O papa Francisco exprésanolo moi ben cando di: “A proximidade de Deus non é neutra, a súa presenza non deixa as cousas como están, non preserva a vida tranquila. Ao contrario, a súa Palabra sacódenos, inquiétanos, aprémianos ao cambio, á conversión; ponnos en crise porque «é viva e eficaz, e máis cortante que calquera espada de dobre fío […] e discerne os pensamentos e as intencións do corazón» (Hb 4,12).
Quero agradecer moi sinceramente o esforzo editorial que supuxo a realización de todo este proxecto. Un proxecto que, como se viu hoxe, non concluíu senón que segue tendo vida e mantense para seguir facéndoo actual, útil, perfectible. Aí se sitúa esta cuarta edición. Grazas tamén á Xunta de Galicia pola súa sensibilidade ao descubrir a importancia da Biblia como un libro que nos foi configurando e sen o cal é imposible comprendernos e comprender a nosa cultura galega: a súa sensibilidade nunha laicidade positiva é moi de agradecer en tempos onde o sectarismo e a exclusión se abren camiños. Grazas tamén a todos os esexetas que participaron e seguen participando en facer comprensible a Palabra para que se faga intelixible na nosa lingua.
Agora só nos queda achegarnos a ela. Como en toda presentación dun libro non é para que o coloquemos nos nosos anaqueis, senón para que nos acheguemos a ela e descubramos a súa historia que nos fala de amor, do amor dun Deus polo seu pobo, por cada un de nós. Grazas.
Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, luns 6 de novembro de 2023