Día das Letras Galegas 2023: «Don Paco, un home bo e xeneroso»

Francisco Fernández del Riego –don Paco como moitos lle chamabamos- foi un home “bo e xeneroso”. Si, pódenselle aplicar, con toda propiedade, estas palabras dun verso de Eduardo Pondal, recollidas no noso himno.

Coñecín e tratei a don Paco hai moitos anos e, desde aquela, tiven moi boa relación con el. Ten colaborado en varios números da revista Amencer do Real Seminario Conciliar de Santa Catarina de Mondoñedo. A súa derradeira colaboración foi no número 205 (maio-xuño 2009) cun artigo sobre Aquilino Iglesia Alvariño, a quen se lle dedicou mograficamente ese número co gallo de cumprírense os cen anos do seu nacemento. Sempre que se lle pediu unha colaboración para Amencer, sempre a mandou á volta de correo. Era o primeiro en contestar ó requerimento mandando o seu traballo escrito coa súa vella máquina de escribir. Foi un home ó que non lle importou colaborar nunha sinxela e modesta revista escolar. En catro números aparecen entrevistas con el e en dez números hai colaboracións súas. Sempre nos deu azos e nos animou a seguir adiante coa publicación.

Don Paco era un home acolledor, un home respectuoso cos demais e coa súa maneira de pensar. El tiña as súas ideas, a súa maneira de pensar, o seu xeito de ver a realidade… –como temos todos-, pero nunca tratou de impoñerse ou de impoñer as súas ideas e asoballar ós demais. Foi un traballador incansable, entregado de cheo á causa de Galicia. En declaracións a Amencer dixo: “Galicia é a terra onde nacín. É unha unidade histórica, xeográfica e cultural, cunha lingua de seu. Para min representa as raíces fundamentais do meu ser

Dentro  do seu labor cultural é necesario salientar o seu influxo para que Álvaro Cunqueiro escribise varios libros en galego. Neste senso, don Paco dixo en Amencer: “Eu fun o que influiu dun xeito decisivo para que escribise a súa obra narrativa en galego e fun, pouco a pouco, arricándolle folios dese libro que se chama ‘Merlín e familia’ e tamén de ‘As Crónicas do Sochantre’ e de ‘Si o vello Sinbad volvese ás illas’. Son tres obras fundamentais da literatura galega que el escribiu”.

Podemos afirmar, sen dúbida e sen medo a esaxerar, que don Paco foi o “vir iustus” de quen nos fala a Sagrada Escritura, o “home xusto”, no que a xustiza acada unha plasmación existencial que reborda o seu significado filosófico para abranguer tódalas virtudes  teologais e cardinais. El foi un home de fe profunda e ó mesmo tempo sinxela, ou se se prefire popular, á maneira das nosas xentes rurais cos que el estivo en contacto.

Aínda que, co gallo da súa morte, houbo quen escribiu dicindo que era agnóstico. Nada máis lonxe da realidade. El asistía todas as semanas á misa dominical en galego, promovida polo P. Seixas, acompañado da súa dona Evelina Herbella na igrexa das Trinitarias. E, nos últimos tempos, acudía á parroquia de Santa María de Vigo, na concatedral. Cónstame que no seu testamento dispuxo a celebración do funeral católico na súa paroquia, a concatedral de Santa María en Vigo. Polo que vemos, era crente e practicante.

Don Paco foi un home bo e xeneroso, un home conciliador, un home que nunca buscou prebendas. De don Paco cómpre salientar, como queda dito, a súa disponibilidade para todo o que se lle pedía; a súa sinxeleza para abaixarse a quen queira que fose; o seu espírito observador; a súa actitude servizo ós demais; a súa fidelidade á súa terra e ás súas xentes; o seu talante de persoa tolerante, pero con firmeza de criterios; os seus amplos coñecementos; a súa curiosidade por saber máis, e, como xa se dixo, as súas profundas convicións relixiosas.

Coido que estes versos do poema titulado “O velliño das barbas brancas” no que o poeta chairego Xosé Crecente Vega describe a un patrucio da Chaira, se lle poden aplicar a don Paco: «Dereito coma un xungo; rexo coma un caxigo; maduro e seco e bon coma espiga de trigo».

Félix Villares Mouteira
Director da revista «Amencer»

Mércores 17 de maio de 2023, Día Das Letras Galegas

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas