Segundo informa a delegación diocesana do Clero a través da súa canle de información, o venres 10 de maio terán lugar no Seminario de Mondoñedo os actos celebrativos da festa de San Xoán de Ávila, mestre de santos e doutor da Igrexa, padroeiro do clero secular español. Nesa xornada, presidida polo bispo da diocese, rendirase homenaxe a varios sacerdotes que celebran neste 2024 as súas vodas sacerdotais. Serán os seguintes:
· Vodas de Diamante (60 anos): Rvdo. Manuel Cabana Fernández (ordenado en Mondoñedo en 1964).
· Vodas de Ouro (50 anos): Rvdo. José Manuel Quintana Amado (ordenado en Piñeiro no 1974), o Rvdo. Xosé Antón Miguélez Díaz (ordenado en Pedrafita, Chantada, no 1974) e o P. Manuel Díez Borges, CMF (ordenado en Salamanca en 1974).
· Vodas de Prata (25 anos): Rvdo. José Pascual Duque Ochoa (ordenado en San Cristóbal, Venezuela, en 1999), o Rvdo. Xoán Xosé Fernández Fernández (ordenado en Mondoñedo en 1999) e o Rvdo. Óscar Santiago Sanmartín (ordenado en Mondoñedo en 1999).
En canto a outras datas relevantes relativas á delegación, o martes 23 de abril, tamén no Seminario de Mondoñedo, dentro do ciclo mensual de formación permanente, que neste mes alcanza a sétima convocatoria, desenvolverase unha conferencia centrada no canto na liturxia. Estará dirixida pola soprano Sofía Rodríguez Fernández, graduada superior en viola e canto, profesora de música e directora da escolanía da concatedral de San Xiao de Ferrol.
O 19 de xuño está prevista a peregrinación dos sacerdotes de Galicia ordenados nos últimos 25 anos ao santuario da Virxe do Corpiño (Lalín), con motivo do Ano Xubilar. E o día 11 de xuño, martes, haberá unha excursión a Santiago de Compostela, onde os sacerdotes diocesanos visitarán a exposición do tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Jerusalén, no Gaiás. Está organizada desde os catro arciprestados e dela informarase con antelación.




Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.























