Lembra con cariño os seus anos á fronte do deporte escolar na comarca da Mariña
Dende 1972 ata o 2000 foi o máximo responsable do deporte escolar na zona e organizou un sinfín de carreiras e certames atléticos
O responsable de patrimonio da diocese Mondoñedo-Ferrol, Félix Villares Mouteiro (Belesar, Vilalba, 1947), é un home chave na historia do deporte na comarca da Mariña. Dende 1972 ata o 2000 foi o máximo responsable do deporte escolar na zona e organizou un sinfín de carreiras e certames atléticos. O pasado xoves 8 de xuño, a Xunta de Galicia outorgoulle a medalla ao mérito deportivo polo seu traballo xunto a outros 28 deportistas, adestradores e directivos.
Agardaba este recoñecemento?
Non, para nada, porque estou desvencellado do deporte dende hai 17 anos, cando deixei de coordinar o deporte escolar na Mariña. Entón transladáranme a Ferrol e non puiden seguir con esa labor na Mariña. Colleume por sorpresa por iso.
Fixoselle diícil deixar o deporte?
Por suposto. Levaba dende o ano 72. Por iso cando estiven o xoves co presidente da Xunta lle preguntei de broma polo da memoria histórica, porque cando me fixen cargo o deporte escolar dependía do Frente de Juventudes. Non me importaba quen o organizase porque se trataba de dar aos nenos a oportunidade de facer deporte. E estiven ata setembro do 99.
E neste tempo non seguiu atado ao deporte de ningún xeito?
Sigo o deporte, pero estou moito máis limitado. Vivo ao pé de Vilalba, teño que atender a meu pai, que ten 94 anos… Non poido facelo, pero mentras vivín en Ferrol tampouco tiven esa oportunidade. Alí non tiña xa tempo material.
Cando comezou, o deporte escolar da comarca aínda estaría en cueiros…
Tamén o deporte en xeral, eran tempos complicados nos que non había os medios de hoxe. De feito logo comecei a organizar carreiras populares porque era outra forma de dar a oportunidade de facer deporte á xente. Foi unha etapa moi bonita, na que fixen moitos amigos en todo Galicia.
Con que se quedaría deses 28 anos?
Houbo erros e certas cousas, pero foise progresando e conseguimos o obxectivo de dar a oportunidade de facer deporte aos nenos. Ensinámoslles a moitos a gañar, e tamén a perder, no deporte e na vida, que é algo ao que se aprende coa práctica.
Gardará mil anécdotas
Moitas. Lembro unha carreira en Luíntra á que levei tres equipos do Santa Catalina de Mondoñedo. Un de alevíns, outro de infantís e outro xuvenil. Saímos de Mondoñedo chovendo e chegamos a Nogueira de Ramuín chovendo. Ao día seguinte o ciurcuito estaba inundado. Entón o que fixeron foi cortar os toxos para abrir camiño. E a un rapaz de Xove soltouselle a zapatilla, pillouna na man e seguiu correndo. Cando chegou á meta tiña a planta dos pés negras dos espiños dos toxos.
Cal é o traballo que máis orgulloso o deixou?
Síntome de todo. Especialmente de todo o feito no deporte escolar, de dar a oportunidade aos nenos de facer deporte. Houbo moito traballo, por exemplo para facer os calendarios. Agora metes un programa informático e listo, pero daquela había que facer todo a man. Cando había campo a través corríase pola mañá e pola tarde había que xuntarse para facer as clasificacións e mandalas á delegación a Lugo.
Antes de todo, foi deportista?
Fixen moito deporte, pero non era bo deportista. Gustábame e ségueme gustando certo tipo de deporte. Hoxe non aguanto un partido de fútbol enteiro. Gústame máis o baloncesto, ou, sobre todo, o atletismo. Sempre considerei que o atletismo é básico en idades escolares, para os nenos, porque axuda a coordinarte, a adquirir velocidade, axilidade… É unha preparación física que despois se pode aproveitar e é mkoi útil en calquera outro deporte.
Dende a élite, o deporte ás veces transmite valores como mínimo discutibles...
Moitas veces non son bos os valores que transmiten, é certo. Pero é o que hai. O deporte profesional está moi mercantilizado, son inconcebibles os soldos que se manexan, especialmente no fútbol. Si o comparamos co que traballa e cobra outra xente diría que é algo escandaloso. Moi escandaloso.
Por que lle deu por comezar a facer todo isto?
Acabei de estudar en Salamanca no ano 71, e mandáronme ao Seminario de Mondoñedo. No primeiro ano fun vendo como funcionaba todo. E no segundo o responsable de deporte xa me dixo que me tiña que ir metendo no tema do deporte. E por aí empecei, pouco a pouco. Aquel ano xa estiven axudando nalgunhas cousas. Organizábase todo en Lugo, tíñamos reunións alí. E despois xa comezamos a organizar nós por libre na Mariña.
FUENTE: La Voz de Galicia (12.06.2017)







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















