HistoriaHistoria-g

Denominación

Diocese de MONDOÑEDO (Mindoniensis), do latín Mindonium, é denominada tamén ata o século XI Minduniense ou Menduniense e algunha vez Dumiense; no século XII Valibriense, polo nome do pobo onde trasladouse a sede, Vallibria, que despois cambiou o seu nome por Mondoñedo, quedando así fixo o título episcopal Mindoniense. Por bula de Xoán XXIII, do 9 de marzo de 1959, á denominación de diocese MINDONIENSIS engádese a de FERROLENSIS, e aos seus bispos, xunto coa residencia de Mondoñedo, outórgaselle unha nova, a de Ferrol, concedéndose, para o efecto, á igrexa de San Xiao o título de Concatedral.

Reseña histórica

Mergullar nas orixes da diocese de Mondoñedo-Ferrol, chegar a comprender o seu posible entroncamento histórico cos de Bretoña ou Dumio, é tarefa farto difícil. Está fóra de toda dúbida que no século IX -antes do ano 877 e despois do 866- Sabarico outórgase o título de bispo de Mondoñedo e ten por sede o mosteiro de San Martiño, nas proximidades do mar. A Sabarico sucédeo Rosendo I; a Rosendo I, Sabarico II; e a este, o seu sobriño Rosendo II, o gran san Rosendo, que enche os anos que median entre o 928 e 942. A capital da diocese afiánzase en San Martiño de Mondoñedo e alí permanece ata os tempos do bispo Nuño Alfonso, que, por bula da raíña dona Urraca, do ano 1112, trasládaa a Vilamaior, que, no percorrer dos tempos, habería de perder o seu nome e trocarlo polo da diocese de Mondoñedo.

En tempos do rei don Fernando e do bispo mindoniense Rabinato -ano 1182- a sede pasa a Ribadeo, pero tan só por uns cuantos anos, parte dos do pontificado de Rabinato e os de Pelaio II de Cebeyra. Co bispo don Martín, que rexeu gloriosamente os destinos da diocese desde 1219 ata 1248, a capitalidade do bispado restitúese -esta vez definitivamente- a Mondoñedo. Don Martín inicia e leva a feliz termo a construción da actual catedral mindoniense, a cuxa sombra haberán de residir os bispos, en ininterrompida sucesión, ata os nosos días.

Vídeo: Historia da diocese de Mondoñedo-Ferrol (TVG)
Documentación: Breve historia da Diocese de Mondoñedo

Documentos históricos destacados

1110.- Decisión do papa Pascual II sobre os preitos entre as Igrexas de Mondoñedo e Compostela.

1156.- Alfonso VII concede o Foro de León á vila de Mondoñedo.

1182.- Fundación da vila de Ribadeo por Fernando II.

1207.- Inocencio III concede indulxencias aos que axuden á construción da catedral de Mondoñedo.

1235.- Gregorio IX confirma a nova sede episcopal de Mondoñedo.

1311.- Confirmación por Fernando IV do señorío episcopal de Mondoñedo, especificando as súas parcelas.

1388.- Visita do bispo don Francisco á parroquia de Santa María de Bretoña.

1534.- Sínodo diocesano do bispo don Pedro de Pacheco.

1586.- Constitucións sinodales do bispo Isidro Caja de la Jara.

Feitos eclesiais relevantes

c. 550.- Mencións sobre a Igrexa de Britonia.

572.- O bispo de Britonia subscribe as actas do Concilio Bracarense II.

675.- Última mención coñecida do bispo de Britonia.

927.- Morte do bispo Sabarico, bispo mindoniense e mestre de san Rosendo.

925-959.- Goberno de san Rosendo en Mondoñedo.

1112.- O bispo Nuño Afonso traslada a sede episcopal a San Martiño de Mondoñedo.

c. 1218-1233.- Proceso de construción da catedral de Mondoñedo.

c. 1380.- O conde de Trastámara, don Pedro Enríquez de Castro, encomendero da Igrexa de Mondoñedo.

1425.- Incendio que arrasa a cidade de Mondoñedo.

1483.- Morte do mariscal Pedro Pardo de Cela, que fora encomendeiro da Igrexa de Mondoñedo.

1493.- Inicio do pontificado do bispo Alonso Suárez de la Fuente do Salce, reformador da Igrexa de Mondoñedo.

1538.- Inicio do pontificado de frei Antonio de Guevara.

1565.- Testamento de dona María Sarmiento no que se dispón a fundación do Colexio de Gramática da vila de Viveiro.

1587.- Primeira fundación do Colexio-Seminario de Mondoñedo.

1671.- Fundación da cátedras e capelanías de Mellid polo bispo de México, don Mateo Segade Bugueiro.

1736.- Creación do vicariato xeral castrense de Ferrol.

1747.- O antigo convento de San Francisco de Ferrol constitúese como parroquia militar.

1749.- Construcións dos estaleiros e o arsenal ferroláns que converten progresivamente a esta poboación en cidade departamental.

1855.- A diocese de Mondoñedo divídese en dezaoito arciprestados.

1868-1875.- Vacante episcopal por mor do chamado Sexenio Revolucionario.

1889.- Construción do Seminario de Mondoñedo polo bispo Manuel Fernández de Castro.

1894.- Fundación do Círculo Católico de Obreiros de Ferrol.

1895.- Importante arranxo parroquial polo bispo Manuel Fernández de Castro.

1906.- Fundación do Monte Pío do Clero.

1910.- Constitución da Xuventude Católica en Ferrol.

1919.- Constitución da Federación de Sindicatos Agrarios Católicos da diocese de Mondoñedo.

1926.- Organización da Acción Católica da diocese de Mondoñedo.

1931-1935.- Sede vacante causada pola política da Segunda República.

1934.- Creación en Ferrol das Irmandade de San Cosme e San Damián, de médicos, farmacéuticos e odontólogos católicos.

1935.- Primeira Asemblea das Xuventudes Católicas da diocese de Mondoñedo.

1938.- Fundación do Monte Pío-Irmandade do clero mindoniense.

1940.- Extinción dos padroados seglares sobre parroquias.

1940.- Creación da Xunta Diocesana de Acción Católica.

1942.- Iníciase o proceso de constitución de Cáritas Diocesana.

1942-1943.- Iniciativas pastorais máis destacadas do bispo Benjamín de Arriba e Castro.

1947.- Construción do novo Seminario de Mondoñedo polo bispo Fernando Quiroga Palacios.

1950.- Organización das ramas especializadas da Acción Católica: Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC) e Mocidade Obreira Católica (JOC).

1955.- Reaxuste dos límites diocesanos coas dioceses limítrofes de Lugo, Oviedo e Santiago.

1959.- A Igrexa de Mondoñedo denomínase en diante Diocese de Mondoñedo-Ferrol e constitúe igrexa-concatedral á igrexa de San Xiao de Ferrol.

1960.- Último Sínodo Diocesano en Mondoñedo.

1963.- Inauguración da Domus Ecclesiae, sede episcopal na cidade de Ferrol.

1965.- Constitución de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol.

1966.- Finalizan as importantes obras realizadas na catedral para trasladar, entre outras dependencias, o coro da nave central. Comezaron en 1964 e foron dirixidas polo arquitecto Francisco Pons Sorolla.

1967.- Traslado do Seminario Maior a Salamanca. Creación do Teologado de San Rosendo.

1968.- Nova organización territorial en trinta e dous arciprestados, polo bispo Jacinto Argaya Goicoechea.

1969.- Inauguración do Museo Diocesano. Milenario do mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Aprobación da liturxia en galego.

1971.- Constitución do primeiro Consello Presbiteral Diocesano.

1973.- Inauguración do belén electrónico de Begonte.

1977.- Conclúe o Concilio Pastoral de Galicia celebrado desde 1974. Traslado do Teologado de San Rosendo a Santiago de Compostela, xunto coas demais dioceses de Galicia.

1978.- Creación do primeiro Consello Diocesano de Economía.

1980.- Creación da Escola Diocesana de Teoloxía.

1985.- Fundación do anuario diocesano Estudios Mindonienses.

1986.- Novo Teologado Diocesano en Santiago de Compostela

1988.- Reestruturación diocesana en dezaseis arciprestados.

1995-1998.- Obras de reforma do Seminario e do palacio episcopal de Mondoñedo.

2004.- Instauración do Diaconado Permanente. Inauguración do Museo Catedralicio.

2006.- Reestruturación diocesana en sete arciprestados.

2007.- Centenario de san Rosendo e declaración de San Martiño de Mondoñedo como basílica.

2009.- Directorio para a Iniciación Cristiá.

2011.- Peche do Seminario Menor Santa Catalina despois de estar a impartir clases desde o ano 1583.

2012.- Institución do Catecumenado de Adultos.

2013.- A Semana Santa de Viveiro é declarada Festa de interese Turístico Internacional.

2014.- A Semana Santa de Ferrol é declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

2016.- Os seminaristas trasládanse ao Teologado de Ávila en Salamanca.

2019.- Traslado do Seminario Maior desde Salamanca a Santiago de Compostela.

2023.- Reestruturación diocesana en catro arciprestados.

2024.- Constitución do Seminario Interdiocesano en Santiago xunto coas dioceses de Tui-Vigo e Santiago.