Cando nunha familia se producen novas ben gozosas teñen de ser celebradas e mesmo anunciadas.
Como agosto é tempo de dispersión agardei polo retorno á vida normal no setembro para dar as noraboas e os parabéns.
NORABOA POR QUE?
A Pastoral Penitenciaria acaba de entrar oficialmente no organigrama da Pastoral Diocesana que vertebra e coordina as diversas especificacións da atención evanxélica nas distintas necesidades do pobo de Deus e mesmo tenta de axudar a dar repostas aos problemas da cidadanía.
Non está colocada aí coma unha figurante anónima e sen función. Os Papas véñenlle urxindo reiteradamente ás dioceses o cumprimento deste particular mandato evanxélico: “In carcere eram et venistis ad me”. ( Mt 25, 36).
É esta unha desas pastorais chamadas pobres, das máis pobres, onde os irmáns presos ven deteriorado socialmente incluso o propio nome. Cando perdes o nome, de aí para baixo xa fica ben pouco.
Oídes que entre vós se vos está a dicir a cotío aquilo de “que podrezan no cárcere”. Pero eu dígovos: “Non será así entre vós”. “Tratade aos presos coma se vós mesmos estiverdes nas mesmas cadeas, porque tamén vós tendes un corpo”. (Hb 13, 3).
Hoxe, a Pastoral Penitenciaria nace pequechiña entre nós, pero xa irá medrando axeitadamente.
Porque “estamos chamados a dar razóns da nosa esperanza”: NORABOA!
PARABÉNS PARA QUEN?
O Sr. Bispo diocesano ven de nomear ao primeiro responsábel da PASTORAL PENITENCIARIA na diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Alguén di: Non temos cárceres na diocese. Non é exacto. Temos dous cárceres: Bonxe e Teixeiro. A xestión dos cárceres pertencen a sociedade e ás entidades civís. Non seguen as mesmas lindes ca o mundo eclesiástico. Pero temos presos. Moitos presos. E eses si son diocesanos nosos: carne da nosa mesma carne e ósos da mesma osamenta ca nós.
E iso sen contarmos aínda os internamentos de menores de idade que son moito peores do que os cárceres, moito máis descoñecidos, silenciados e esquecidos. Hai moito maltrato xa denunciado amplamente. Ollos que non ven corazón que non fai caso.
E están as familias e as vítimas que viven a cotío ao noso lado ou mesmo son familiares nosos.
E aí está tamén todo o mundo xudicial, avogacía e os diversos voluntariados colaboradores con quen temos de traballar conxuntamente. E estamos toda a sociedade que temos de crearmos unha conciencia e realidade nova nas nosas comunidades de orixe e de retorno. “Non hai vida cristiá sen comunidade”, escribiu ben acertadamente Georges Michonneau xa no 1964.
Juan Pablo Alonso Rolle é a nosa boa nova. Un acerto. Un sacerdote xoven, bo amigo de todos, con ánimos e ansias de abrir camiños de evanxeo: “Cada vez que atendestes a un destes meus máis mínimos, foi por min propio por quen baixastes as vosas mans e nelas puxestes o voso corazón”. (Mt 25, 39-40) Só se ve ben co corazón. O esencial é invisíbel.
“Racharemos cadeas que nos prenden e faremos fuxir a treboada. Falaremos de amor coa nosa xente agardando convosco, (con todos), a mañán crara” (Fuxan os Ventos en Compañeira).
Benvido e PARABÉNS! AMIGO JUAN PABLO
«Hoxe, a Pastoral Penitenciaria nace pequechiña entre nós, pero xa irá medrando axeitadamente»







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















