En moitos medios de moi distinto ámbito, local, nacional e internacional está, un día si e outro tamén desde principios deste mes de febreiro o conflito do traslado do cura de 14 parroquias dos concellos de Friol e Guitiriz, cuxo traslado vai parello co de outros sete ou oito curas da diocese de Lugo, sen tanto conflito nin presenza nos medios. Parece ser que o problema dáse só en Friol, grazas a que outros alcaldes e asociacións da contorna e da provincia non se deixaron mobilizar polo Sr. Alcalde de Friol, como pretendeu insistente e inutilmente.
Fago unha narración obxectiva dos feitos despois de informarme convenientemente para poder informar con veracidade, sabendo de antemán que non faltará quen me acuse de mentiroso, porque xa o fixeron. Recollo os trazos fundamentais publicables, xa que pormenorizadamente supoñería un dosier de máis de dez folios; aínda así resulta moi longo.
As nosas dioceses, debido á escaseza de sacerdotes e á media de idade dos mesmos, están en permanente remodelación mentres non haxa cambios profundos na atención relixiosa e pastoral. A de Lugo, eminentemente rural, é a que ten maior número de parroquias de España, 1.139 para uns 300.000 habitantes e 7.700 quilómetros cadrados.
Levaban algo máis dun ano estudando esta última remodelación que afecta a unhas cincuenta parroquias e, consecuentemente, facendo os trámites para levala a cabo, falando cuns 10 sacerdotes afectados por retiro ou para cubrir as necesidades de zonas conforme a posibilidades e dispoñibilidades dos afectados.
A quen corresponden estes trámites e nomeamentos? Ao bispo, como primeiro responsable da pastoral diocesana; pero non en exclusiva nin individualmente nin a título persoal, polo menos en Lugo, senón en consonancia co seu Colexio de Consultores, en diálogo cos interesados, tamén cos arciprestes e coa Permanente do Consello Presbiteral nalgúns casos. Eses foron os pasos que se deron por parte do seu bispo don Alfonso Carrasco Rouco e por estes trámites pasou o nomeamento para atender a outra zona do cura que desde fai 13 anos atendía 12 parroquias do concello de Friol e 2 do de Guitiriz.
A mediados de xaneiro estaban encaixadas as pezas do puzle, sen que ningunha entrase forzada, senón libremente; aínda que, como é natural, uns máis contentos que outros polo cambio, pero aceptándoo todos sen imposicións autoritarias, incluso o desas parroquias de Friol, entre as que non está a da capitalidade do municipio. Pero no momento en que se foron facendo públicos os nomeamentos que serían oficiais a principios de febreiro, o alcalde deste concello ponse á fala por teléfono con vicarios e coa secretaria do bispo, intentando conseguir que se revogue o nomeamento e traslado do cura en cuestión e manifestando o seu desexo de ser recibido por don Alfonso Carrasco. Recíbeo o 24 de xaneiro e ante a negativa, razoada, non impositiva, ás súas pretensións, por contar coa aceptación libre do interesado e por ser unha parte do conxunto, de modo que a excepción con el significaría ter que empezar de novo todo o proceso; ameaza ao Bispo e anticípalle medidas de presión dicindo que chegarán a onde sexa necesario e que xa falara con representantes de todas as parroquias do municipio, que son 32 (as afectadas polo cambio son só 12). E algo máis grave, na nota de prensa de axencias aparecen entre comiñas e en boca do bispo, con motivo desta entrevista, palabras que non dixo referentes a que o cura aceptaba o cambio obrigado e contra a súa vontade.
O día dous de xaneiro aparece tamén nos medios un comunicado do sacerdote nesta liña de que non falaran con el previamente e acusando de despotismo ao bispo e ao vicario xeral. Non parece que tal comunicado sexa integramente nin exclusivamente seu, porque unha elemental análise da fórmula de firma e do texto descóbrenos que se utiliza unha terminoloxía referente á dioceses que non utilizaría ningún cura. Pode ser desculpable que, ante as mostras de agarimo e o temor a que os fregueses pensasen que non lles quería, manifestase o que era certo, que prefería seguir alí algún tempo; aínda que se debía á dioceses e á colaboración co seu bispo, pero acusar publicamente ao seu bispo de mentiroso, será comprensible, pero non facilmente admisible, a non ser que tamén el estea sendo utilizado sen darse conta e manipuladas as súas palabras, baixo capa dun agarimo desmedido e dunha confianza cega…
O mesmo día dous cara ás 13,30 fanlle unha entrevista na COPE de Lugo e manifesta claramente que falou con el o bispo antes do nomeamento e que non é forzada a súa aceptación, senón libre, aínda que se atopaba a gusto e sentíase ben querido polos seus fregueses.
O venres tres, despois dunha charla co bispo e o vicario xeral, redacta, tamén sen obrigarlle e coa axuda doutro compañeiro, un novo comunicado baixo o título de “Nota Aclaratoria”, que empeza deste xeito: “deseo matizar algunas de las manifestaciones de mi anterior comunicado de fecha 2 de febrero”, pero curiosamente esta nota non foi difundida por ningunha axencia, en vista do cal dáse a coñecer desde a oficina de prensa do bispado, pero non ten a repercusión que tería se fose difundida a través de axencia.
Recolléronse firmas en apoio do sacerdote e en contra do seu ¿forzado? cambio. Falouse de 5.000 firmas. As 32 parroquias do concello sumaban en 2014, 4004 habitantes. Non me parei a comprobar os que corresponden ás 12 de Friol e 2 de Guitiriz . É un caso insólito de solidariedade e de amor a un cura máis aló das súas parroquias.
Para o sábado, día 4 estaba programada unha manifestación que se realizou na cidade de Lugo coa intención, segundo parece, de entregarlle as firmas ao bispo e de ser recibidos por el os manifestantes; pero, curiosamente, ninguén o pediu nin ninguén avisara. Non parece suficiente aviso que saíse publicado nalgún medio, ou si? Ao non traballar as oficinas do Bispado, como todos os sábados, estaba pechada a porta de acceso a estas oficinas e demais dependencias onde vive o bispo. Participaron na manifestación a alcaldesa de Guitiriz e o Alcalde de Friol. Puxéronse autobuses a disposición dos que quixesen asistir. Publicouse que asistiron 500. Hai un vídeo dun medio de comunicación que se fixo público e está a disposición de quen o desexe comprobar sobre ese vídeo que non chegan 150, como afirmaron algunhas persoas que contaron aos manifestantes. Ao non ser recibidos por non habelo pedido con tempo e por razóns de seguridade, xa que as masas non son facilmente controlables, máxime si hai algún infiltrado camorrista ou movido por outras motivacións, como non é infrecuente, despois dalgunhas patadas á porta e de vociferar consignas contra o bispo e a favor de don Ramón, entregan as firmas na subdelegación de Goberno.
O domingo día 5 foi o novo cura, José Luís Regueiro, a tres parroquias acompañado polo saliente, don Ramón, e foi ben recibido sen altercados. José Luís deixaba Castelo e o Sagrado Corazón de Lugo e, se promovese ou non parase mostras de agarimo e expresións públicas do desexo de que non o cambiasen, tampouco faltaban fregueses que estaban dispostos a facelo. Os dous últimos domingos, o 12 e 19, José Ramón oficiou nas súas novas parroquias de Ribas de Sil e Quiroga e José Luís, nas de Friol e Guitiriz con algún problema de manifestacións nalgunha das parroquias á hora de misa, pero sendo recibido con trato cordial e falando xa, a petición de fregueses, dalgúns de proxectos como datas de primeiras comuñóns. Desde a súa entrada tivo varios funerais sen o menor problema.
Entre tanto, o Sr. Alcalde segue aparecendo nos medios acompañado por algúns veciños e veciñas capitaneando manifestacións e folga de misa e de limpeza de templos e falando de que conta con apoios da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia, (el encabezou a lista do PP), para declarar persoa “non grata” no seu concello ao bispo de Lugo, co que por extensión tamén o serán os seus curas, e ultimamente comunicou que escribiron unha carta ao embaixador de España no Vaticano. E todo para que? Pois parece ser que para que reciba o bispo aos veciños, lles explique as razóns do cambio e se desfaga o feito. Desde cando hai que dar pública razón do traslado dun sacerdote? Non conta para nós o dereito á privacidade?
Sería ata gracioso o invertimento de papeis nestes tempos de Carnaval e desculpables as mentiras que acompañan ao señor do transformismo, se non fose doloroso para persoas, denigrante para institucións, vergonzoso para correlixionarios políticos, elemento de desconcerto, discordia e división entre veciños e desculpa para botar un pulso a un bispo e a ós que colaboran no goberno dunha dioceses, aproveitando sentimentos de afectividades menosprezadas e de identidades parroquiais e o tan coñecido no noso mundo rural: “Hai que ser coma os máis e non lle debemos faltar nin ó cura nin ó alcalde, por se acaso”. Sería triste, pero curioso que o bo de José Ramón, sen comelo nin bebelo, estivese sendo utilizado contra o seu compañeiro, o novo cura, o seu bispo, a súa dioceses e a Igrexa. Na miña opinión, que pode ser equivocada, o feito fóiselles das mans aos iniciadores e outros están tratando de sacar provecho en río revolto desde futuras perspectivas electoralistas. Nese caso, que se vaian preparando as outras dioceses que non están xa no escaparate, e pódome preparar eu; aínda que a tenor dos insultos que xa levo recibido nas redes dalgunhas persoas que se declaran ateas, pero defensoras sen concesións dun cura contra o bispo e contra todos os demais curas, peseteiros, mullereiros, pederastas, parasitos e zánganos, xa me pillan un pouco adestrando. Quede constancia do meu sumo respecto ás persoas de ben dos concellos de Friol e Guitiriz, vítimas de manipulación unha vez máis neste sainete traxicómico.
Hai un medio moi sinxelo de demostrar que non digo verdade no que narro ou que non teño probas do que digo: Denunciarme ante o xulgado, o que tamén puidera redundar en publicidade barata ou ata en votos, quen sabe?; e outro xeito de tratar de acalarme, é a calumnia, que para calumniar a un cura e ata a un bispo non fai falta moita imaxinación. Está aberta a veda para cazadores furtivos disfrazados de libertadores.
«A quen corresponden estes trámites e nomeamentos? Ao bispo, como primeiro responsable da pastoral diocesana; pero non en exclusiva nin individualmente nin a título persoal, polo menos en Lugo, senón en consonancia co seu Colexio de Consultores, en diálogo cos interesados, tamén cos arciprestes e coa Permanente do Consello Presbiteral nalgúns casos»