- O novo organismo, que terá sede en Santiago, impulsará a corresponsabilidade dos fieis, o asesoramento ás parroquias e a transparencia na xestión económica
O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e os bispos de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco; Ourense, monseñor Leonardo Lemos; Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García; e Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, aprobaron a creación da Oficina de Sostemento da Igrexa en Galicia, que terá a súa sede en dependencias do Arcebispado de Santiago e prestará servizo ás dioceses da provincia eclesiástica compostelá.
O organismo nace cunha aprobación inicial de tres anos. A súa constitución quedou recollida nun decreto asinado no mosteiro da nosa Señora da Mercé de Poio o pasado 22 de setembro.
Implicar aos fieis nunha responsabilidade compartida
A iniciativa busca unir esforzos para atender as necesidades da Igrexa e favorecer a participación dos fieis no seu sostemento. Esa colaboración permite dispoñer dos medios necesarios para o culto, o apostolado e a caridade. Unha das súas principais tarefas será impulsar campañas comúns xunto coas comisións diocesanas de sostemento. Tamén promoverá a formación en corresponsabilidade para que os fieis coñezan as necesidades das súas comunidades e se impliquen na súa atención. A cooperación entre as dioceses permitirá elaborar materiais e estudos comúns que sirvan de apoio a este labor.
Apoio ás parroquias e transparencia económica
A oficina ofrecerá asesoramento técnico ás dioceses e parroquias, fomentará as boas prácticas administrativas e promoverá a formación de quen asume responsabilidades na xestión económica. A transparencia será un dos eixos da súa actividade. Neste sentido, as súas funcións abarcarán o estudo de necesidades, a elaboración de propostas, a coordinación e o asesoramento. Tamén se encargará de executar as iniciativas comúns que aproben os bispos. O novo organismo actuará sempre en coordinación con cada bispo e respectará a autonomía de cada diocese. O seu traballo desenvolverase xunto cos ecónomos e os responsables diocesanos de sostemento.
Unha sede en Santiago e unha dirección conxunta
A cargo da oficina haberá un director ou coordinador interdiocesano nomeado conxuntamente os bispos. Unha Comisión Permanente de Seguimento supervisará a súa actividade. Estará integrada polo bispo delegado e, segundo determine cada diocese, pola vicaria da área, o ecónomo ou o director da Oficina Diocesana de Sostemento.
A nova Oficina de Sostemento da Igrexa en Galicia enraíza nunha liña de traballo xa presente nas dioceses. Mondoñedo-Ferrol participou nas V Xornadas de Sostemento da Igrexa, organizadas pola Conferencia Episcopal Española en Madrid os días 8 e 9 de outubro, un encontro centrado na corresponsabilidade eclesial e nas novas formas de participación ao servizo da misión. Podes consultar a crónica completa neste enlace.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















