Os ministerios laicais, unha chamada ao servizo estable nas comunidades cristiás

  • A diocese inicia en outubro un novo proceso de formación e acompañamento para quenes desexen discernir a súa posible institución nos ministerios laicais: lector, acólito e catequista

O vindeiro 3 de outubro comezará na nosa diocese un novo proceso de formación e acompañamento dirixido ás persoas que desexan discernir a súa posible institución nalgún dos ministerios laicais recoñecidos pola Igrexa. A iniciativa desenvólvese de acordo coa normativa recentemente aprobada pola diocese e pretende ofrecer un itinerario formativo intensivo a quen, desde as súas parroquias e unidades pastorais, senten a chamada a prestar un servizo máis estable ás súas comunidades.

En palabras do bispo diocesano, monseñor García Cadiñanos, o ideal é que «en cada unidade pastoral, xunto aos sacerdotes, exista algunha persoa que, de xeito instituida, reciba un dos ministerios existentes na Igrexa para crear un equipo misioneiro de xeito estable que axude na tarefa evanxelizadora e pastoral».

Por este motivo, a diocese anima aos fieis, tanto novos como adultos, e aos propios sacerdotes, a identificar a aquelas persoas que poidan sentirse chamadas a asumir este compromiso. O proceso pretende favorecer a reflexión privada, a oración e o discernimento comunitario antes de dar calquera paso cara á institución ministerial.


Continuidade dun proceso

A proposta dá continuidade a un camiño iniciado hai dous anos. Como froito do proceso formativo desenvolvido durante este tempo, o pasado ano foron instituidos dezanove laicos nos ministerios de lectorado, acolitado e catequista. Cinco recibiron o ministerio do lectorado, sete o do acolitado e outros sete o de catequista.

A diocese subliña que non se trata unicamente dunha iniciativa organizativa, senón dunha invitación dirixida a toda a comunidade cristiá. O discernimento dos ministerios laicais require a implicación das parroquias, o diálogo cos sacerdotes e unha reflexión compartida sobre as necesidades pastorais de cada comunidade.

As persoas interesadas ou que desexen expor algunha dúbida poden dirixirse á súa parroquia e conversar cos sacerdotes responsables. Tamén poden consultar as orientacións diocesanas sobre a institución dos ministerios, onde se detallan as súas características, requisitos e funcións, ou contactar directamente co vigairo para a Sinodalidade e responsable diocesano, Antonio Rodríguez, a través do correo electrónico vic.sinodalidad@mondonedoferrol.org


Tres ministerios: lectorado, acolitado e catequista

A Igrexa recoñece actualmente tres ministerios laicais instituidos abertos a homes e mulleres: lectorado, acolitado e catequista. Todos eles exércense desde a lóxica do servizo e a entrega á comunidade, non desde o poder, e confírense despois dun proceso de formación e maduración vocacional. As orientacións da Conferencia Episcopal Española establecen que a súa institución corresponde ao bispo diocesano mediante o rito litúrxico previsto.

· Ministerio do lectorado: Está ao servizo da Palabra de Deus e da liturxia. Inclúe a proclamación das lecturas, a preparación doutros lectores, a animación de grupos de lectura bíblica e de lectio divina, a preparación sacramental e a colaboración en celebracións dominicais en ausencia de presbítero.

· Ministerio do acolitado: Vincúlase o servizo da altar e da celebración litúrxica. Entre as súas funcións atópanse a preparación das ofrendas, a distribución da comuñón como ministro extraordinario, a coordinación dos equipos litúrxicos e a colaboración en celebracións en ausencia de sacerdote.

· Ministerio do catequista: Está orientado ao anuncio e á transmisión da fe nas súas distintas dimensións. Comprende tarefas de primeiro anuncio, catequese de iniciación, formación permanente, pastoral familiar, acompañamento a persoas enfermas e promoción da xustiza social e a caridade.

A vida das comunidades cristiás enriquécese coa diversidade de carismas e servizos que cada persoa pode poñer ao servizo da misión común. Como lembra san Paulo, «non todos os membros teñen a mesma función» (Rom 12,4). Desde esta perspectiva, os ministerios instituidos expresan o recoñecemento público dunha chamada bautismal a colaborar de forma estable na vida da Igrexa.


Unha chamada ao servizo

O vigairo para a Sinodalidade, Antonio Rodríguez, destaca o valor destes procesos como espazos de crecemento privado e comunitario: «Os ministerios instituidos supoñen unha chamada ao servizo e á entrega xenerosa. Non son unha forma de poder, senón un xeito de poñer os dons recibidos ao servizo da comunidade e da misión evanxelizadora».

A nova convocatoria pretende, por tanto, axudar a que cada comunidade identifique as súas necesidades, acompañe os procesos vocacionais dos seus membros e promova unha participación laical máis estable, corresponsable e misioneira.

DESCARGA Orientacións sobre a Institución dos Ministerios de Lector, Acólito e Catequista (2026) (PDF)

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas