Un ano máis a Asociación Encrucillada convídanos a participar no XXXVII Foro Encrucillada para dialogar sobre unha cuestión que cada día preocupa máis na nosa sociedade: o traballo digno. Será o vindeiro sábado 21 de outubro no salón de actos do colexio da Compañía de María en Santiago de Compostela.
«Que traballo queremos para o século XXI? A doutrina social da Igrexa ten reflexionado abondo sobre este tema dende o século XIX. A situación actual de globalización e deslocalización, a crise económica e a migración, fannos mirar de fronte e abordar con seriedade as causas que están a producir a precariedade laboral. O traballo é un dereito universal que dun tempo a esta parte se está a ver cada vez máis desvalorizado».
A través desta xornada o Foro Encrucillada busca ver que mensaxe actual ten a Igrexa para iluminar esta realidade. Sobre as liñas mestras da teoloxía do papa Francisco nesta cuestión falará monseñor Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol. Francisco Porcar Rebollar, militante da IOAC-HOAC, poñerá o foco na doutrina social da Igrexa, buscando xerar unha nova cultura política desde a perspectiva do ben común e a xustiza. Eloína Ingerto López, da Fundación Juan Soñador, acercaranos á realidade do traballo digno en Galicia, facendo a necesaria aterraxe de todas estas cuestións na nosa terra. Rematarase cun breve momento de reflexión persoal iluminada polas palabras de persoas que fixeron do dereito ao traballo digno a súa loita.
Este será o horario:
10:00 h.- Presentación do XXXVII Foro Encrucillada. Intervención de Tito Suárez Pérez. 10:30 h.- «O traballo á luz do pensamento do papa Francisco», por monseñor Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo- Ferrol.
12:00 h.- Descanso
12:30 h.- «O traballo na doutrina social da Igrexa», por Francisco Porcar Rebollar, IOAC-HOAC.
16:30 h.- «Unha vida digna, un traballo digno», por Eloína Ingerto López, Fundación Juan Soñador.
18:00 h.- Peche do acto
Para máis información pódese consultar a web www.encrucillada.gal