Comuñón e oración na igrexa do Carmen ante a próxima visita do Papa

  • A eucaristía e a adoración ao Santísimo centraron unha xornada marcada pola unidade e a esperanza ante a visita de León XIV a España
  • O bispo García Cadiñanos invitou a profundar no lema da visita papal, “Alzade a mirada”, como chamada a saír da desesperanza

A igrexa do Carme de Ferrol encheuse este martes de fieis que responderon á convocatoria diocesana de oración polos froitos pastorais da próxima viaxe do Papa a España. A iniciativa, enmarcada nunha cadea de oración promovida pola diocese, reuniu a parroquias, comunidades relixiosas e numerosos mozos e mozas nun clima de comuñón e esperanza.

A celebración eucarística estivo presidida polo bispo diocesano, monseñor García Cadiñanos, e concelebrada polo arcipreste, Cándido Otero, xunto aos sacerdotes da UPA Ferrol-Centro. A dimensión musical tivo un especial protagonismo grazas á participación do coros da UPA e do Colexio Tirso de Molina, que contribuíron a realzar a celebración.

Entre os asistentes destacaban os mozos deste colexio, identificados con camisetas vermellas, que participarán en Madrid na vixilia de oración e na misa do Corpus. Tamén estiveron presentes outros mozos que acudirán a estes actos coordinados pola delegación diocesana de Mocidade.


“En Deus caben todos. A iso convócanos o Papa”

Na súa homilía, o bispo subliñou a forza da comuñón eclesial que se facía visible no encontro: “Dous coros, colexios e diocese, varias parroquias, congregacións relixiosas… Cando nos xuntamos, sabe mellor”. Así mesmo, destacou o valor da oración compartida: “Cando dous ou máis nos reunimos para orar por algo, o Señor acolle a nosa oración e alenta o noso desexo”. O prelado invitou ademais a profundar no lema da visita papal, “Alzade a mirada”, como unha chamada a saír da desesperanza, o individualismo e a autorreferencialidade, para abrirse aos demais, especialmente aos máis necesitados, e a Deus: “En Deus caben todos. A iso convócanos o Papa”.

Tras a eucaristía tivo lugar a exposición do Santísimo, na que se intercalaron textos bíblicos, reflexións e cantos. A xornada concluíu coa bendición e unha oración pola visita do Papa a España. A interpretación do himno oficial da visita puxo o broche final a un encontro que deixou nos participantes un renovado sentido de envío e preparación ante o que se vive como unha verdadeira graza para a Igrexa.

Máis información na web oficial da visita

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas