A Escola Diocesana de Evanxelización chama a camiñar cara a unhas parroquias máis misioneiras

  • O sacerdote Eduardo del Valle, coordinador da UPA de Ponferrada, será o relator desta nova convocatoria formativa, aberta a todos os grupos parroquiais da diocese, o martes 13 de outubro no centro parroquial de Vilalba

A Escola Diocesana de Evanxelización celebrará o vindeiro martes, 13 de outubro, unha nova sesión formativa baixo o título “Primeiro anuncio e re-configuración das comunidades: cara a unha parroquias máis misioneiras”. O encontro terá lugar ás 18:00 horas no centro parroquial de Vilalba e estará aberto a todos os grupos parroquiais que desexen participar.

O lema da convocatoria resume o propósito desta nova etapa da Escola (eDe): axudar ás comunidades cristiás a afrontar con espírito misioneiro os retos da evanxelización no contexto actual.

A xornada estará conducida por Eduardo del Valle, sacerdote da Diocese de Astorga e párroco coordinador da UPA de Ponferrada. A súa experiencia na organización pastoral de unidades amplas e no acompañamento de comunidades será unha das achegas desta sesión da Escola.

A Vigairía para a Evanxelización fai extensiva esta invitación a toda a diocese e anima a participar especialmente aos membros dos grupos parroquiais, sacerdotes, relixiosos e laicos implicados na vida pastoral das súas comunidades.


Unha proposta para camiñar xuntos

A Escola Diocesana de Evanxelización pretende xerar nas parroquias e unidades pastorais espazos estables de encontro, formación, oración e diálogo. O seu obxectivo é favorecer comunidades de cristiáns adultos capaces de profundar na súa fe, compartir a vida e anunciar a alegría do Evanxeo desde a proximidade e o compromiso. É un espazo formativo coordinado pola Vigaría para a Evanxelización que ofrece e selecciona anualmente as temáticas que se abordarán, en conexión co Plan Diocesano de Pastoral. Tamén facilita materiais para que as comunidades poidan desenvolver as distintas sesións nos seus propios ámbitos.


O relator participará tamén na formación sacerdotal

Eduardo del Valle participará durante a mañá do mesmo martes no encontro mensual de formación dirixido aos sacerdotes da diocese. Esta sesión celebrarase no Seminario Diocesano de Mondoñedo e está organizada pola Delegación do Clero, dentro do programa habitual de acompañamento e formación permanente do presbiterio. Pola tarde, o sacerdote desprazarase ata Vilalba para dirixir a sesión da Escola Diocesana de Evanxelización, unha dobre convocatoria que permitirá compartir unha mesma reflexión sobre a misión evanxelizadora, adaptada tanto ao ministerio sacerdotal como á responsabilidade das comunidades cristiás.

Para obter máis información sobre esta sesión pode contactarse coa Vigairía para a Evanxelización a través do correo electrónico vic.evanxelizacion@mondonedoferrol.org

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas