O bispo de Mondoñedo-Ferrol visita o Arquivo Intermedio Militar Noroeste

  • O prelado asinou no Libro de Ouro do AIMNO e coñeceu de primeira man o traballo de conservación e difusión do patrimonio documental do Exército de Terra

O bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor García Cadiñanos, realizou hoxe unha visita institucional ao Arquivo Intermedio Militar Noroeste (AIMNO), situado no histórico Baluarte do Infante, en Ferrol. O centro custodia máis de sete quilómetros de documentación do Exército de Terra correspondente ao noroeste peninsular.

O prelado foi recibido polo coronel Juan Carlos Andrés e polo arquiveiro David López-Villalta, quen o acompañaron durante o percorrido polas distintas dependencias do arquivo. A visita permitiulle coñecer de primeira man o proceso técnico de tratamento da documentación e distintos espazos de traballo do centro.


Un centro de memoria militar

O AIMNO é un arquivo de titularidade estatal integrado no Sistema Arquivístico da Defensa e dependente do Instituto de Historia e Cultura Militar do Exército de Terra. A súa misión é organizar, protexer, conservar e difundir o patrimonio documental do Exército de Terra ao servizo da investigación, da cultura, da información e da xestión administrativa. O arquivo recolle documentación pechada de unidades, centros e organismos militares das comunidades de Asturias, Cantabria, Castela e León, Galicia, País Vasco e La Rioja, e é accesible para a investigación e a consulta cultural.

Durante o percorrido, don Fernando visitou un obradoiro no que máis dunha ducia de rapazas e rapaces se forman en técnicas documentais, unha actividade que achega o patrimonio arquivístico ao público máis novo. Tamén coñeceu o proxecto de dixitalización do denominado Fondo Asturias, un conxunto de aproximadamente tres millóns de páxinas con documentación procedente dos xulgados do Principado de Asturias sobre as persoas represaliadas entre 1934 e 1965, que se está a desenvolver neste centro ferrolá.


Colaboración entre institucións

Como recordo da visita, o bispo asinou no Libro de Ouro do AIMNO e recibiu como agasallo un plano antigo do recinto amurallado de Ferrol. Pola súa banda, o coronel Juan Carlos Andrés recibiu da diocese un exemplar do último número do anuario Estudios Mindonienses, recentemente presentado, xunto cunha publicación conmemorativa da catedral de Mondoñedo.

Monseñor García Cadiñanos agradeceu ao Exército de Terra o convite e as explicacións detalladas que recibiu sobre arquivo e o seu papel na historia da cidade e de España. «Non coñecía estas instalacións e quedeime abraiado tanto co traballo dos arquiveiros, as instalacións e co magnífico patrimonio monumental que conserva o Exército nesta parte da cidade», declarou.

Carlos Alonso, arquiveiro diocesano e acompañante do bispo durante o encontro, valorou a visita como “unha gran oportunidade para tecer redes de colaboración entre as dúas institucións no que se refire aos seus arquivos, pero tamén na futura organización de accións culturais conxuntas”.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas