A triste historia do burriño que quixo estudar pra cabalo (II)

Remixio comeu pouco ó xantar; porque notaba coma se tivese atrancado un nobelo de chumbo no peito. Case non deu palabra e moito menos fixo ningún comentario coa familia sobre a conversa que viña de escoitar entre o Burriño e seu pai, porque aínda non acababa de crer el mesmo que en verdade tivese escoitado falar entre eles ós dous burros. Cando lle preguntou a muller se estaba mal ou por que comía tan pouco, respondeu secamente:

Non o sei. Ben non estou, Voume deitar outro pouco á chousa ata que baixe un pouco o sol pra volver a saír co tractor.

Cerrou detrás de si a porta da cociña e volveu prá chousa; pero agora deitouse nunha beira, á sombra do carballo vello que aínda non tirara a folla. Non tiña curiosidade por oír máis ós burros, xa que lle chegara ben o que escoitara pra poder dixerilo: pero despois dun pouco de estar deitado boca arriba, coas mans detrás da caluga e reparando nas filigranas que debuxaban os raios de sol por entre as follas do carballo, non puido menos de escoitar ó burro pai:

– E, supoñendo que as leis che permitisen estudar pra cabalo, de onde pensas que podo aricar eu os cartos pra pagarche os estudos?

Respondeu sen perder a calma o fillo:

– Agora iso non é problema, papá; que hai becas prá igualdade de oportunidades.

Sentenciou o pai en son de non pouco escepticismo, fillo de anos de desenganos e da fame pasada, porque a fame repetida a miúdo na infancia en algúns o primeiro que mata é a esperanza de volver a comer e fai escépticos:

Que inocentiño es, meu neno! Esas igualdades de oportunidades só che están nas propagandas, nos papeis. Non ves que a desigualdade xa nace con cada un, dependendo de se vén ó mundo á ventimperie ou nun cortello? E, se vén nun cortello, tamén seguen as desigualdades dependendo de se o paren en cemento, en cama de goma, ou en mulido lastrado de palla ou herba seca.

Sentenciou tamén o rapaz con toda a inxenuidade, filla da confianza de quen non chegou a experimentar o que é pasar fame:

Non tén por que ser máis intelixente o que nace en cama de goma ca o que nace á ventimperie.

Volveu a haber silencio e tocoulle rompelo ó burro pai dicindo:

Non sei se atinarei a dar dito o quero dicir; pero eu entendo que aínda que dous veñan ó mundo coa mesma intelixencia á hora de naceren, poden non ter posibilidades de espertala da mesma maneira, debido ó ambiente en que se críen… E pra iso dos estudios paréceme a min que non é o mesmo criarse entre libros ou nun ambiente cultivado ca criarse apartado deles. Claro que os libros non abonda con telos e ollalos desde fóra, hai que meterse dentro deles; pero así e todo…

Iso pode superarse a base de esforzo, -interrompeu o fillo-. Vostede déixame estudar pra cabalo se saco unha beca?

Fíxose un novo silencio durante o que o pai non deixou de xenegar a testa a ritmo lento e compasado. Logo, en son moi cordial, moi sincero e moi dorido, dixo con voz que zumegaba tenrura.

Ven, achégate máis a min… Non sabes o que me pides, meu fillo. Fíxate ben: eu agora xa vou indo pra vello e se ti me faltas vou ter que cargar co que xa non poida… Con todo, iso non sería o peor, que xa hai tempo que teño decidido non reterte comigo contra o teu gusto; pero, as becas, aínda que as conseguises, non han cubrir tódolos gastos e eu non podo facer máis do que xa fixen ata agora. Ás veces pásaseme pola cabeza que quizabes fose mellor que marchásemos pra máis preto dunha cidade cando eras pequeniño, pero auga pasada non move muíño. Tódolos pais desexamos que os fillos sexades máis felices do que fomos nós, pero… as cousas son como son e non hai que facerlles. Debe ser certo que cada un nace co seu destino que está dende sempre escrito nas estrelas.

O burriño primeiro refregou moi agarimosamente o seu fociño contra o pescozo do pai, logo cozouse contra el, e de remate díxolle:

Moito me falta por saber, porque non sei distinguir entre paciencia con esperanza e resignación paralizante.

Non sei que queres dicir, fillo.

A paciencia fai falta pra darlle tempo ó tempo; pero a excesiva resignación ante as dificultades impide loitar polo que se quere e anticipa a derrota.

Non puido aguantar máis Remixio, ergueuse súpeto e foi directo a onde estaban o burro grande e o burriño. Aínda non acabara de chegar a xunto deles cando dixo dirixíndose ó burriño:

Así que queres estudar pra cabalo. Pois, teño visto cousas máis ó revés.

Non faga caso, mi amo, -interveu o pai- Este pequeno tenlle moita imaxinación e por veces soña con querer ser máis do que pode.

Seguiu o Remixio, apaxándolle a cabeza por entre as orellas ó burriño:

– Se vales, has de estudar. Diso encárgome eu, tanto se tes beca coma se non, e se Deus dá saúde, non che ha faltar pra poder alternar como é debido cos outros, que ti gastador non has ser.

Logo, dirixíndose ó pai díxolle:

E ti non teñas medo, que prometo non impoñerche máis cargas das que poidas levar con desafogo; que agora eu non estou tampouco pra erguer e grandes pesos e botarchos ó lombo. Ademais agora pró máis bruto xa temos o tractor.

Ó burriño escoábanlle bágoas coma puños; pero por tras das bágoas, sorríalle o santiño dos ollos. Entre saloucos agradeceu:

Vostede si que é un amo caritativo.

Estas palabras, en lugar de producirlle satisfacción a Remixio, avivaron os remorsos que espertaran mentres cavilaba deitado boca arriba, pois era ben consciente de que o que estaba a facer non era caridade. O seu xesto, aparentemente magnánimo, non pasaba de simple xustiza; porque o burro pai levaba anos e anos traballando na súa casa sen máis paga ca comida. E, aínda por riba, tíñase mantido moitas veces do que pacía en montes comunais. Por ben pouca cousa fixérase dono dos seus mellores anos, sen sequera telo ó día nas cotizacións da Seguridade Social, porque el non reclamaba e os sindicatos non teñen carnés pra burros de carga perdidos nunha aldea calquera, ou, se os teñen, é pra faceren vulto e pagaren as cotas. Algo ou alguén dixo dentro del mesmo: – Que doado é pasar por bo entre os bos e desmaliciados!

Comezaron os estudos e nos primeiros tempos o burriño mesmo parecía que brincaba por riba dos cursos como antes brincara por riba das toxeiras. Foi obxecto de consideracións por parte de sisudos catedráticos, pedagogos, psicólogos, biólogos e sociólogos. Especialistas na materia que ampliaran estudos fóra aplicáronlle unha batería des test que deu como resultado que a súa intelixencia era en dous puntos superior á dos cabalos dos aguilloadores da festa nacional ou da policía montada do Canadá. As distintas cadeas de televisión competían a ver cal había de dar a noticia máis sensacionalista en col dun burriño que aspiraba a desclasarse e ser cabalo. Pero na clandestinidade tamén había círculos furgando nas tendencias dos seus antepasados, nalgún posible cruce adúltero de razas e incluso algún moralista a soldo afirmou que pasar de asno a cabalo era contra natura. Retrucoulle un filósofo que contra natura non, porque a diferenza era só de especie e non de xénero, xa que ambos eran équidos, e como proba, aí están mulas e burdéganos.

Pero eran máis os que se facían linguas dos adiantos do burriño e da apertura á modernidade dun estado que facilitaba que os humildosos burros de sanchos puidesen acceder a estudos pra chegaren a ser cabalos de quixotes. Mesmo se deu o caso de que un procurador en cortes case vitalicio, polo tercio familiar e por designación directa do Xefe do Estado, que se esforzara moito por demostrar que el non proviña do rural, propuxo mandar a todas as escolas nacionais un póster a todo color e apaisado, de oitenta por trinta, do burriño con cara de cabalo, longas crins e amatas brancas, rodeado de nenos e nenas felices.

Outro que era xerente dunha ONG sen ánimo de lucro que el mesmo creara retrucou que tamén se podían vender os póster a particulares que os quixesen polo módico prezo de 2.000 pesetas que se destinarían á súa fundación que a tantos beneficiou con iso do branqueo; pero non prosperou a proposta por non ser defendida con ardor, debido a que lle escoitou dicir a outro polo baixo e tapando a boca coa man:

Si. E así descárganse conciencias do que roubaron, aparentando que fan caridades. O día que se abra a veda e algúns poidamos falar…

Esta historia non rematou ben. Acabou mal. Rematou moi mal!

O burriño chegou á universidade, é certo, pero non deu feito carreira. Axiña deixou de ser noticia. Nin sequera se lle deu publicidade á súa forzada expulsión, que mellor debería chamarse exclusión. Nun informe interno consta que non rendía debidamente nos estudos e que estaba sendo unha carga pró erario público, por deixarse engaiolar por unha burriña da súa mesma idade. Pero en realidade a verdadeira causa de que se lle pechases cancelas e camiños foi que as prazas non chegaban nin a medio prós fillos do "cuerpo".

O burriño, avergoñado, non volveu a aparecer pola casa de Remixio, nin sequera pró enterro do pai que morreu de saudade dous anos despois.

Había moitos veciños que preguntaban por el nos primeiros tempos, pero logo tamén se foron esquecendo, porque, ó fin e ó cabo, só era un burro máis que tivera que emigrar nunha terra de emigrantes.

Os anos pasan pra todos e hai uns poucos un fillo do Remixio, pasou por Sevilla nunha viaxe do INSERSO e recoñeceu ó burro, xa non burriño, cerca do Parque de María Luísa facendo un traballo máis propio de cabalos: xunguido a unha calesa de catro pasaxeiros  ademais do chofer. Recoñeceuno por un luar que tiña detrás da orella esquerda e achegouse a el pra falarlle; pero o burro, con aspecto de moi canso e avellentado, nin o mirou. Seguiu coa vista encaixada entre as orelleiras e perdida nos horizontes de ningures.

Pensou pra si o fillo do Remixio e non puido evitar dicilo en voz máis alta do normal:

Pobre. Non deu feito carreira pero aprendeu ben as direccións prohibidas.

Epílogo:

Perdoa, lector ou lectora, que tamén a min me gustaría que esta historia tivese un remate distinto e fose historia pasada. Ben sei que outras remataron mellor, por exemplo, eu din feito carreira e moi a miúdo esquezo ós que non puideron nin sequera empezala. Algúns levan anos no cárcere.

Dicía ó comezo que se escribiu e se contou en público hai moitos anos, naqueles en que foi merecente de ser “evacuada” en forma de resume á autoridade provincial competente pola autoridade local incompetente que tamén estaba moi atenta con uniforme ou sen el ás miñas homilías pra “evacuar” igualmente os oportunos resumes das mesmas, por terme cualificado de comunista el que non chegou a saber o que era o comunismo. Como o facía en cumprimento do deber que cría que lle impuxeran e tiña fillos que manter, seguimos levándonos ben.

Hoxe a historia do burriño que non deu feito carreira podía ter moitos finais moi distintos, como por exemplo: que, falseando ou sen falsear expedientes académicos, ocupou altos cargos en política, baixo sigas de dereita, de esquerda, de centro ou do que se terceie, polos que, mentres que outros están no paro e sen perspectivas, el ós 50 anos ten garantida unha pensión vitalicia que nunca podería soñar seu pai nin el mesmo e, como complemento, forma parte do consello de administración de varias empresas, públicas algunhas e privadas outras. Iso si,  non por designación directa do Xefe do Estado, que iso deixou de existir ó sacudirmos a ditadura, senón por imposición democrática en listas electorais pechadas e confeccionadas así daquela maneira. Por qué non probas ti a poñerlle outros remates? Verás que é divertido… ou tráxico. Depende. O que é case sempre é cabreante.

Certamente, en 27 anos cambiou moito todo. Hoxe xa non fai falta “evacuar” resumes pra desacreditarme a min, a moitos outros curas e cristián comprometidos e a unha institución que no seu día contribuímos a acelerar o cambio e fixemos gratis un notable traballo de concienciación e suplencia social. Hoxe xa abonda con dicir, por parte dalgúns que reclaman memoria histórica convencidos de que o mundo comezou con eles, que somos retrógrados, escurantistas, parasitos, fillos da casta, refuxio da trama mafiosa e, como traca final, que vivimos da morte.

 

«Eu din feito carreira e moi a miúdo esquezo ós que non puideron nin sequera empezala. Algúns levan anos no cárcere»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas