O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol para actuar na concatedral de San Xiao e na igrexa de Nosa Señora das Dores, dous importantes bens patrimoniais da cidade de Ferrol incluídos no ámbito de protección do Barrio da Magdalena. Trátase dun acordo dotado con preto de 800.000 euros que suporá importantes melloras nestes dous elementos vencellados co Camiño de Santiago e coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.
No caso de San Xiao, os traballos constitúen a primeira actuación neste templo do Plan de Catedrais de Galicia, a folla de ruta posta en marcha co horizonte do Ano Santo 2027 para planificar as intervencións e investimentos nas cinco catedrais, as concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo e a antiga catedral de San Mariño de Mondoñedo de Foz, inmobles, todos eles, de gran valor social e simbólico vencellados a rutas de peregrinación.
Así, cunha achega de 450.000 euros, a intervención centrarase en resolver as patoloxías da fachada e das torres. Para iso, as principais actuacións que se van levar a cabo inclúen a limpeza da superficie tanto nos paramentos verticais como na cuberta das cúpulas, nas cornixas ou nas molduras. Esta limpeza contempla tamén a eliminación das raíces e o tratamento de plantas enraizadas.
O proxecto contempla o encintado e selado das xuntas, a consolidación da fábrica e a recolocación do vástago sobre o que se sustenta a bola, o catavento, a cruz e o pararaios. Por último, procederase a desmontaxe das pezas que forman o chapitel para a posterior reparación e reposición.
Por outro lado, ao abeiro deste convenio, destinaranse preto de 340.000 euros para completar a restauración da igrexa das Dores de Ferrol, un templo de especial importancia para a cidade pola súa vinculación coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional, e ser sede da confraría do mesmo nome.
Neste senso, despois dos traballos levados a cabo no ano 2021 para dotar de seguridade e estanquidade ao templo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa agora unha nova actuación para adecuar o espazo interior e a sancristía co fin de que o templo poida volver a ser utilizado de novo.
Con este fin, os traballos propostos inclúen a limpeza e restauración das fábricas de pedra e do remate das torres, a eliminación do cableado, a renovación de pintura, a incorporación de ventilación na carpintería exterior e a eliminación dun aseo na zona do corralón. No relativo ao interior da nave, actuarase na restauración dos lenzos e na renovación da instalación eléctrica e do alumeado. A intervención contempla, ademais, a substitución da carpintería exterior da sancristía e a incorporación dun novo aseo.
O convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta ten por obxecto establecer as bases de colaboración entre a Administración autonómica e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol co fin de garantir a adecuada conservación destes dous monumentos de especial importancia para a cidade de Ferrol.
Así mesmo, apóstase por manter e promover a súa finalidade e significación relixiosa e cultural ao tempo que se pon en valor a súa función e potencialidade.
O acordo enmárcase ademais na colaboración estable que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades mantén coas dioceses galegas para a posta en valor do patrimonio cultural galego.
Tras coñecer a noticia, o bispo Fernando García Cadiñanos declarou a través das contas diocesanas en redes sociais o agradecemento pola firma deste convenio, un acordo que «axudará á conservación destes bens patrimoniais tan queridos polos ferroláns, e que manifesta a colaboración entre as institucións en favor do ben común».
Fonte: Xunta de Galicia/Diocese