Ante o Día do Mundo da Aldea 2022

Domingo 15 de maio, festividade de san Cidre

3 maio 2022.- Porque queremos unha vida digna na aldea, abundante e compartida, alegrámonos vendo o preciosas que son as nosas aldeas: paisaxe, natureza, plantas, animais, casas ben amañadas, froitos sans e saborosos. Xente que valora encontros, festas, excursións; asociacións de veciños, comunidades de montes, centros de día, xente de fóra que merca casas baleiras.

Pero, ao tempo, tamén vemos que se están baleirando as aldeas, que se pechan explotacións de leite e carne, que se manda a xente maior para as residencias, que desde as diferentes administracións ollan para outro lado e ven normal que poidamos vivir en Galicia sen un mundo rural san e potente. Temos terra e sabedoría para o seu coidado; temos lingua e cultura propias para vivir isto dunha maneira integradora. Porque queremos vida digna, abundante e compartida na aldea, somos moitas as persoas que vivimos nela coa nosa pequena xubilación. Pero tamén son bastantes as que resisten con ganderías de leite ou carne; e hai quen vive do cultivo da horta, da flor. E vemos con moito pracer que vai habendo xente nova, cansa da cidade, que quere vivir e traballar na aldea.

O noso modelo produtivo tradicional, que aínda segue moi vivo, non é intensivo, senón extensivo. Un modelo que ofrece produtos de maior calidade e sanidade. Un modelo con futuro nun mundo rural que, ou será ecolóxico, ou non será.

Porque queremos vida digna, abundante e compartida na aldea, vemos con preocupación que o queiramos encher todo de eucalipto. Co Covid-19, coas consecuencias da guerra de Rusia-Ucraína, vimos o importante que é que un país teña soberanía alimentaria, capacidade de producir o básico para alimentar a xente e os animais que se teñan. Pero hai que ter terras que produzan grans e forraxes. Tanto eucalipto é carto para hoxe, pero un enorme problema ante calquera circunstancia adversa, como as que sucesivamente se nos están dando. Chámanos a atención que as diferentes administracións teñan tan pouca perspectiva de futuro.

Porque queremos vida digna, abundante e compartida na aldea, tamén nos preocupa que se queira encher o campo con parques eólicos, e que se faga sen información, cunha normativa pouco respectuosa coas vivendas, coas zonas de especial interese, cos dereitos dos propietarios, pagando unha miseria. A xustiza tivo que frear concesións dadas indebidamente. A xente nas manifestacións berraba: «Parques eólicos, si, pero non así”. E teñen razón. Apoiámolos niso.

Porque queremos vida digna, abundante e compartida na aldea, vemos con moita preocupación a suba dos prezos de todo o que o campo precisa para o seu traballo: luz, gasóleo, pensos, abonos, plásticos, talleres… E palpamos a urxencia de facer o necesario para que tampouco os gandeiros non traballen a perdas. Para evitar iso xustamente, temos xa unha “Lei da cadea alimentaria”, pero como esa lei non está dotada duns índices oficiais claros e vinculantes, que permitan valorar en cada momento cales son os custos da produción agraria, resulta imposible regular o prezo de venda dos produtos, e iso fai que moitas unidades de produción agraria ou gandeira acaben pechando. Non vemos interese por remediar isto nin na Xunta de Galicia nin no Goberno do Estado.

Botamos en falta unha aposta decidida por sacarlle proveito a toda a riqueza produtiva das nosas terras, do noso clima, da nosa tradición produtiva. Botamos en falta unha decisión firme de axudar a fixar poboación nas aldeas. Botamos en falta a presenza de organismos administrativos que, estando ao pé da xente da aldea, susciten e acompañen ilusións e proxectos.

En Xesús de Nazaré temos un referente fundamental que nos leva a estar sempre do lado de toda fraxilidade, con enerxía, con esperanza, participando no que faga falta.

En san Cidre, o noso patrón, vemos unha estupenda maneira de xuntar traballo da terra e coidado do espírito, para acadar unha vida digna, abundante e compartida.

Delegación de Pastoral Rural de Mondoñedo-Ferrol

 

«Desde a delegación de Pastoral Rural sentímonos moi preto da xente que vive e traballa nas
aldeas e que ve complicado o seu futuro (…) Queremos estar ao seu lado participando nos seus esforzos de superación, aportando o noso apoio material e espiritual para que non decaiamos no empeño de vivir con satisfacción no campo»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas