- Presentada en Santiago a Memoria de Actividades da Igrexa en Galicia, un exercicio de transparencia e unha radiografía da súa presenza na sociedade
As dioceses de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo presentaron este martes a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025, nun acto desenvolvido no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela. O encontro, que alcanza este ano a súa terceira edición, permitiu dar a coñecer o traballo que as comunidades cristiás desenvolven no territorio galego, explicar con claridade o destino dos recursos recibidos e agradecer a colaboración de quenes sosteñen a misión da Igrexa.
Ao acto asistiron, ademáis dos bispos de provincia eclesiástica— monseñor Francisco José Prieto, de Santiago de Compostela; monseñor Alfonso Carrasco, de Lugo; monseñor Leonardo Lemos, de Ourense; monseñor Fernando García, de Mondoñedo-Ferrol; e monseñor Antonio Valín, de Tui-Vigo—, numerosas autoridades eclesiais, académicas, militares e civís, así como profesionais dos medios de comunicación.
A redactora xefa de COPE Galicia, Paula Pájaro, foi a encargada de conducir o acto e o apartado musical foi interpretado pola artista Icía Varela, quen estivo acompañada por Juanjo Fernández e Elena Domínguez.
Por parte da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, a delegación estivo composta, xunto co bispo, polo ecónomo diocesano, Xoán Xosé Fernández; a directora de Cáritas, María Victoria González; os delegados de Pastoral da Saúde, José Luis Fernández, e Peregrinacións e Camiño de Santiago, Chema Pérez; o responsable da Comisión PROTEXE, Jesús Iglesias; a responsable diocesana de Acción Católica General, Luzma Pousa; o presidente da Xunta de Confraría da Semana Santa de Viveiro, José Veiga, xunto con responsables de la Real Confraría da Nosa Señora de Valdeflores de Viveiro; e membros das comunidades relixiosas das Hijas del Divino Celo, Hijas de la Virgen de los Dolores e Misioneras de Acción Parroquial. En representación dos ámbitos académico, militar e civil, asistiron a vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol (UDC), Ana Isabel Ares; a directora da Cátedra Diocese-Universidade da Coruña, Rocío Ameneiros; o xefe do Órgano de Xefatura do Arsenal Militar de Ferrol, Manuel Aguirre. Do ámbito comunicativo, acompañaron ao equipo diocesano de comunicación os directores das emisoras de COPE Ferrol/COPE Ribadeo, Javier Molleda, e de COPE Galicia-Asturias, Daniel Otero.

A achega da educación católica e a pastoral xuvenil
En canto ao desenvolvemento do acto, que se dividiu en tres apartados temáticos, o primeiro estivo dedicado á transmisión da fe e á achega da educación católica ás familias e á sociedade. Nel interviron Gadea González, voluntaria da Pastoral Universitaria de Santiago de Compostela; Manuel Constenla, director do colexio diocesano María Inmaculada de Silleda; e Francisco Barros, representante de Escolas Católicas.
Os tres interlocutores destacaron que a fe se transmite de xeito máis eficaz cando se vive e se comparte en comunidade. Gadea González louvou o papel da pastoral universitaria e xuvenil no acompañamento dos mozos, subliñando que “a fe non se vive en solitario, senón cos demais”. Manuel Constenla defendeu que educar supón «acompañar o alumnado no seu desenvolvemento humano e espiritual, presentando a Xesús como unha presenza cercana que camiña no día a día». Pola súa banda, Francisco Barros, puxo en valor a función social da escola católica galega, que garante o dereito a educar en valores e nos fundamentos do humanismo e do Reino de Deus, e subliñou que “detrás dos números hai persoas”, defendendo o carácter universal da escola concertada.
O acompañamento aos enfermos nos centros hospitalarios
O segundo bloque centrouse no acompañamento ás persoas enfermas nos hospitais, e contou coas intervencións de María Dolores Mascaró, voluntaria de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol, e José Antonio Campos, médico psiquiatra no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
María Dolores e José Antonio coincidiron en que este labor busca facer presente o amor de Cristo entre os que máis sofren, contribuír a humanizar a atención sanitaria e reafirmar a dignidade da persoa. Mascaró subliñou a importancia de sentirse arroupado nos momentos de fraxilidade e de despedida, agradecendo ás familias que acollen a proximidade do voluntariado e dos capeláns, que levan a Xesús e a súa luz a quenes afrontan a enfermidade. Campos, pola súa banda, defendeu que a morte é un momento de máxima dignidade humana e que é necesario que esa mirada estea presente nos hospitais.
A realidade das parroquias no rural
A vida parroquial e o papel dos laicos no sostemento das comunidades rurais centraron o terceiro bloque. Nun territorio marcado pola dispersión poboacional e o envellecemento, compartiron a súa experiencia Jesús Fernando Ramos, párroco da Unidade Pastoral Virxe do Carme de Tordoia-Cerceda, e Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle, na Diocese de Ourense.
Ambos coincidiron en presentar a parroquia como un lugar de encontro, de loita contra a soedade e de pertenza. Jesús F. Ramos subliñou que, aínda que o sacerdote é o punto de conexión, a unidade da comunidade conséguese entre todos. Isidoro Fernández, na súa intervención, defendeu que nas vilas e aldeas pequenas “con unidade, ilusión e diálogo conséguese todo”.
O Xacobeo 2027
O encontro pechouse cunha referencia ao próximo Ano Santo Compostelán, que se celebrará no 2027 baixo o lema «Ao veren a estrela enchéronse dunha inmensa alegría»: dunha parte, cunha breve intervención do arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto; doutra coa proxección do vídeo promocional do Xacobeo 2027.
O arcebispo destacou o traballo conxunto das cinco dioceses galegas na preparación do Ano Santo. Segundo sinalou, trátase de “dispoñerse a vivir a hospitalidade, algo que define a alma galega e a alma das comunidades e parroquias que reciben aos peregrinos”, afirmando que “todas están xa preparadas para esta acollida”. Monseñor Prieto lembrou tamén que “Santiago segue esperando a Pedro” (en referencia á posible visita do papa León XIV), unha esperanza que, nas súas palabras, “pasiño a pasiño vai tomando forma».
Todo o que estamos a facer xuntos
O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, clausurou o acto en representación dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, agradecendo a organización deste “festival da memoria” e a todas as persoas que fixeron posible a súa celebración. Recordou que esta terceira edición se celebra de xeito conxunto porque “é moito o que nos convoca a toda a Igrexa en Galicia”, e agradeceu aos medios de comunicación o seu labor por facer chegar “a vida da Igrexa a tanta xente”. Para rematar, monseñor Lemos definiu o documento da Memoria como “unha expresión sinxela, pero moi significativa de todo o que estamos a facer xuntos”.
DESCARGA Memoria de Actividades da Igrexa en Galicia 2025 (PDF)












Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















