As Fillas do Divino Celo celebran este sábado o seu 25º aniversario en Burela

  • A xornada inclúe un acto institucional, a presentación da Fundación San Aníbal e unha eucaristía de acción de grazas

A igrexa parroquial de Burela acolle este sábado 12 de setembro os actos conmemorativos do 25º aniversario da fundación da comunidade das Fillas do Divino Celo–Rogacionistas en Burela.

A xornada comezará ás 12:00 horas cun acto institucional, no que participarán representantes da Xunta de Galicia, o Parlamento Galego, a Deputación provincial e diferentes concellos da Mariña lucense, así como da Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Durante o acto proxectarase un video documental que recolle a evolución da entidade nestes últimos 25 anos, lembrando algúns momentos craves na súa chegada, a posta en marcha dos seus diferentes centros de menores ou de acollida e o crecemento e consolidación da súa Obra Social. No mesmo acto tamén se fará a presentación oficial da recentemente constituída Fundación San Aníbal.

A continuación, celebrarase unha eucaristía de acción de grazas presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos.

Desde as Fillas do Divino Celo esperan contar tamén coa asistencia de numerosos veciños, usuarios e familias de toda A Mariña que desde o ano 2001 tiveron relación coa súa actividade, xa sexa no labor pastoral parroquial da Igrexa ou a través dos seus diferentes proxectos de servizos sociais.

A Obra Social das Fillas do Divino Celo naceu a partir da fundación da comunidade en Burela no ano 2001. As irmás rogacionistas comezaron realizando un labor pastoral na parroquia, pero coa intención de poder desenvolver unha obra social vinculada á prestación de servizos sociais á infancia e a familia.

En 2002 crearon o seu primeiro centro de menores con 8 prazas. En 2007 construíuse o actual Centro Santo Aníbal, onde o seu centro de día conta hoxe xa con 30 prazas para menores. En 2008 abriron o Centro de Inclusión Social María Nazarena para acoller unidades familiares con menores ao seu cargo. En 2012 puxeron en marcha un fogar casa de familia de 8 prazas para menores en tutela, que implica unha atención continuada as 24 horas do día. En 2023 crearon unha vivenda de emancipación con 5 prazas dirixida a mozos de máis de 18 anos, dando continuidade a aqueles usuarios que saen do sistema de protección de menores. E xa en 2026 púxose en funcionamento un fogar de 12 prazas para menores estranxeiros non acompañados, ante a crecente necesidade de acoller a menores en todo o territorio nacional.

As Fillas do Divino Celo–Rogacionistas e a súa Obra Social levada cabo desde Burela son hoxe exemplo de traballo social e figura de referencia non só a nivel local, senón tamén para toda Galicia, así como na vida relixiosa da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e para o resto da súa congregación a nivel internacional.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas