- O Centro Cultural José Domínguez Guizán acollerá está sábado o pregón e a inauguración oficial do belén e da renovación do museo
O belén de Begonte será de novo un dos grandes protagonistas do Nadal galego cun amplo programa baixo o lema “O Nadal en Begonte 2025”, que combina tradición relixiosa, creación artística, acción educativa e renovación das súas instalacións.
O acto central de presentación terá lugar o sábado 29 de novembro de 2025, ás 18:00 horas, no Centro Cultural José Domínguez Guizán, onde o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, pronunciará o pregón, acompañado dunha actuación musical de solistas das escolas mancomunadas de Rábade, Outeiro de Rei, Begonte e Friol.
A continuación terá lugar a inauguración da LIV edición do belén electrónico de Begonte e das obras de renovación do Museo do Belén, recentemente sometido a unha profunda remodelación da fachada, accesos, servizos hixiénicos, interiores e espazos expositivos, incluíndo a instalación dunha pantalla informativa.
50ª edición do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal
No marco deste Nadal preséntase a 50ª edición do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, que se conmemora coa publicación das antoloxías “Medio siglo de poesía en castellano sobre la Navidad” e “Medio século de poesía en galego sobre o Nadal”, impulsadas pola Xunta de Galicia a través das áreas de Turismo e Cultura. O programa complétase con calendarios de agasallo, a edición do libro “O Nadal en Begonte 2024-2025” cos traballos premiados, unha unidade didáctica bilingüe para infantil e primaria e un folleto informativo en seis idiomas para a difusión do belén en España e Europa.
As actividades especiais inclúen un cursiño de formación audiovisual para alumnado do CEIP de Begonte, un novo mural de Diego As no frontispicio do edificio, a incorporación de tres novas figuras e autómatas ao Belén e ao Museo, así como a creación do premio “Novos Valores” no Certame Galego de Arte “José Domínguez Guizán” para autores de ata 18 anos.
Todos estes actos consolidan a Begonte como porta de entrada simbólica ao Nadal en Galicia.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















